O magnífico periodista Pascual Serrano escribiu hai unhas semáns (14 de febreiro) en Público un artigo estupendo –como todos os seus- titulado “Non deixes que a realidade che estropee unha boa nova” do que tomo prestado o título. Artigo no que, entre outras cousas, viña a explicar, con todo luxo de detalles, como a miseria dalgún periodismo leva a procura obsesiva de titulares aínda que sexa a costa de desvirtuar ou manipular a realidade.
Unha evidencia do atinado da afirmación de Serrano tívemola recentemente (13 de febrerio), cando un dos periódicos galegos de maior tirada, concretamente La Voz de Galicia, insertaba un titular no que se podía leer que “o envellecemento penaliza a Galiza: gasta un millón de euros mais ao día”. O día seguinte (14 de febreiro), aparentando querer dar a de area, ese mesmo diario puntualizaba que “os xubilados xeneran un negocio de mil millóns”. Unha nova que non era outra cousa senón unha subliminal propaganda institucional xa que engadía que os xubilados galegos reciben unha importante atención de Xunta de Galicia como por caso en atención sanitaria, un gasto “que supera os 3.800 millóns de euros” e cuxa metade (1.900 millóns) destínase, segundo este medio, aos maiores galegos (sic).
Diante do que avalío como un dislate informativo sobre algo tan serio como a realidade dos maiores galegos, considero necesario facer algunhas puntualizacións baseadas nas evidencias empíricas. Pero antes permítaseme que sinale que a historia económica ensina como todo GASTO AGREGADO dun sector é un INGRESO AGREGADO para outro e viceversa. Así, por caso, o gasto público en pensións procede, dadas as características do sistema español que é de reparto, duns recursos privados como son as cotizacións sociais que se detraen do salario real dos traballadores durante toda a súa vida laboral. Unha operación que pon en evidencia como calquera balance do sector público no se pode facer, como veremos a continuación, aparte do balance do sector privado.
Nas economías familiares galegas ingresan cada ano, pola vía das pensións públicas de vellez, uns 6.000 millóns de euros aproximadamente. Trátase evidentemente dun gasto público que se transfire ao sector privado –economías familiares- quen o recibe, polo que as mesmas resultan seren ademais un ingreso privado. Un ingreso que na súa maior parte se transforma de inmediato en gasto privado xa que as familias destinan, de media, sobre o 95% do mesmo ao consumo (compra de alimentos, pago da vivenda, compra de roupa, medicinas, etc.) dada a elevada propensión marxinal ao consumo deste colectivo. Son, por esta vía, 15,6 millóns de euros os que ingresa diariamente o sector privado de Galiza (maioritario na oferta de bens de consumo e de servizos) quedando apenas un 5% (coase 1 millón de euros diarios) que, por termo medio, se destina ben ao aforro (un depósito no sector bancario) ben ao pago de taxas, impostos...o que supón un ingreso público. Velaí, por caso, o efecto multiplicador das pensións.
Resulta así que por estas vías os maiores galegos están reforzando a demanda interna, non resultando esaxerado sinalar que un mínimo do 11% da demanda interna e/ou do 10,5% do gasto global –demanda agregada- de Galiza procede das apartacións directas dos maiores e grazas as pensións públicas. Un feito moi poucas veces subliñado pero que sitúa o papel económico e social dos maiores galegos no seu xusto sitio en base a súa relevante contribución a demanda agregada e, xa que logo, ao crecemento económico de Galiza. Non menos relevante resulta, na presente grande recesión, o papel estabilizador que están desempeñando ao terse convertido no principal sostén de centos de miles de familias galegas evitando así que en moitos casos estas caian na pobreza.
Máis relevancia tería o seu papel social si as funcións públicas de benestar en Galiza estiveran a nivel medio europeo. A función que atinxe especialmente aos maiores é a función da vellez. Unha función na que Galiza presenta unha situación claramente deficitaria xa que o gasto público destinado a esta función sempre se mantivo en torno ao 8% do PIB, valor que está claramente por baixo da media en Europa (11%). Un déficit que se ve maiormente reflectido nos servizos públicos (atención domiciliaria, centros de día, residencias). Segundo cálculos propios se esta función estivera nos niveis medios europeos se terían creado un mínimo de 6.000 empregos directos mais en Galiza.
Empregos cualificados que colaborarían ao fortalecemento da demanda interna e, xa que logo, ao crecemento económico. Como demostran as experiencias dos estados europeos mais desenvolvidos (por caso os nórdicos) as funcións públicas de benestar -e dentro destas a atención a vellez é unha das mais relevantes: 40% do gasto social total- son un piar moi importante na creación de emprego e, xa que logo, no crecemento económico e na riqueza de calquera país.
Queda fora desta avaliación a contabilización das apartacións indirectas dos maiores por mor de resultarme imposible contabilizar a magnitude do real impacto dos xa citados efectos multiplicador –cada euro público que se gasta en atención aos maiores (como calquera gasto público en benestar) produce un incremento maior desa cantidade na renda nacional galega- e estabilizador –o gasto público en atención a vellez, maiormente as pensións, axuda a estabilizala economía- dos gastos e os ingresos anteriormente citados. Unha contabilización que, en todo caso, viría a incrementar aínda mais a súa relevancia no crecemento económico e na creación de emprego.
Deixando así en evidencia afirmacións tal como que “o envellecemento penaliza a Galiza” pois a realidade empírica mostra que sucede exactamente o contrario xa que Galiza ingresa, por ese concepto, mais do que gasta.
Non desvirtuemos a realidade.
Manoel Barbeitos
No hay comentarios:
Publicar un comentario