jueves, 7 de febrero de 2008

O terror das finanzas


¿Qué sucede para que cando tódolos indicadores económicos reflicten que a economía mundial está atravesando un ciclo longo expansivo –auxe da producción, o comercio, a renda e o emprego, etc.- de repente, e sen aparente xustificación, se produzan situacións de pánico, espectaculares caídas nas principais bolsas que forzan ós gobernos nacionais a tomar “medidas excepcionais” –baixadas nos tipos de xuro, endurecemento das condicións crediticias, etc.- diante do medo a unha inesperada recesión, etc.?. Tentaremos de dar unha explicación o mais clara e sinxela posible das causas destes “aparentemente inesperados” avatares da economía.
En primeiro lugar fagamos tres puntualizacións, a primeira é que estas “crises” parten dos chamados mercados financeiros, que son crises provocadas e, por último, que hai quen gaña con elas moitísimo diñeiro.
Que son os mercados financeiros?: mercados nos que se comercializan recursos/productos financeiros (diñeiro, accións, bonos, débeda, fondos, etc.). Segundo a teoría económica clásica estes mercados deberían cumpri-las funcións de mobiliza-lo aforro nacional para financiar investimentos productivos principalmente nas rexións menos desenvolvidas, facilita-lo comercio internacional e transferi-los riscos da economía dos aforradores e as empresas ós axentes financeiros que reciben a cambio unha remuneración polos seus servicios. Pero a realidade, hoxe en día, non camiña na dirección marcada polas teorías clásicas e así sucede que os movementos de capital que entran nalgunha das funcións subliñadas non representan mais que unha porcentaxe (10%) moi reducida do global das transaccións xa que unha ampla maioría delas corresponden a operacións especulativas e de arbitraxe que apoiándose nas fluctuacións permanentes dos tipos de cambio e nas diferencias das taxas nacionais de xuro son o xerémolo dunha grande inestabilidade nos mercados financeiros e fronte as cales as autoridades nacionais amósanse impotentes.
Na actualidade existen mais de 10.000 productos financeiros a maioría dos cales (90%) son especulativos (activos financeiros que reportan un beneficio pola súa venda –ou compra- posterior a compra –ou venda-) e teñen con preferencia o seu domicilio fiscal nas Illas Caimán –fai anos refugo dos piratas e hoxe paraíso fiscal-. Sobre estes productos financeiros digamos que o volume de negocio diario de operacións alcanza os 6 billóns de dólares –a metade do PIB dos USA-, que os 10 maiores administran, por si solos mais de 130.000 millóns de dólares e que, a pesares da súa abundancia numérica, o 80% das operacións son realizadas por soo uns 400 -cada un dos cales administra, cando menos 1.000 millóns de dólares-. Coidamos que estas cifras reflicten con claridade, e por si soas, a importancia actual destes productos e a súa capacidade de influencia na economía financeira mundial e, xa que logo, na estabilidade do sistema.
Quen promove estes fondos?: as principais entidades promotoras -que como veremos son tamén causa e efecto destas crises- son as institucións financeiras -27%-, os fondos de pensións -25%- e as compañías de seguros -13%-,. Por rexións os USA copan o 52% e a UE o 26%.
Como funcionan estes mercados?: por libre. Estes mercados están desregulados polo que, segundo a noso punto de vista e dada a grande inestabilidade na que se moven, son a causa principal das sucesivas crises financeiras. Esta situación dos mercados financeiros, dada a súa enorme volatilidade e inherente inestabilidade, é unha ameaza constante para a estabilidade da economía mundial, non esquezamos o inxente volume de recursos financeiros que moven diariamente que, inevitablemente, inciden sobre a oferta e a demanda provocando espectaculares alzas e baixas nos prezos dos productos e xa que logo nos mercados financeiros –bolsas de valores, etc.-. E son estes desprazamentos –froito no maioría dos casos de golpes especulativos efectuados por sinaturas promotoras de fondos - os que provocan as alzas e as baixas nas cotizacións que, de rebote, repercuten en toda a economía dado o seu volume e importancia.
Este desregulamento –excesivo como subliña P.A. Samuelson, premio Nobel de Economía- facilita a volatilidade e conseguinte inestabilidade xeral dos mercados financeiros con os efectos coñecidos sobre a producción e o comercio, a actividade e o emprego, as rendas dos pequenos aforradores, etc. Pero non esquezamos que si moitos perden, uns poucos ganan, e ganan moitísimo diñeiro: o IBEX pasou –en tres días- dun retroceso do 7,54% á un alza cércana ó 7% -14 puntos de diferencia: fagan números!-
A propósito, este tipo de crises pon tamén en evidencia a “relevancia e eficacia” dalgunhas institucións públicas europeas, neste caso o BCE (Banco Central Europeo): volvendo á P.A. Samuelson, onde estaba o BCE mentres estas crises víñanse enriba?: sen comentarios.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: