domingo, 21 de marzo de 2010

¿ACASO FALTAN TERREOS PARA UNHA PISCIFACTORIA?
Agora resulta que o consenso político sobre a nova Lei do solo de Galicia, depende de se coa citada Lei é posible instalar ou non unha piscifactoría no Cabo Touriñán. E claro, a pregunta é obvia: ¿Acaso faltan terreos en Galicia para poder instalar unha nova piscifactoría? E evidente que non, polo que sendo así ¿Por qué esta polémica? ¿Será tal vez por aquela outra ácida polémica habida entre o Presidente de Pescanova co patrocinio dun certo medio de comunicación, e a Xunta Presidida por Emilio Pérez Touriño, que acabou coa instalación en Portugal dunha nova planta da empresa o non aceptar o Sr. Manuel Fernández de Sousa Faro os terreos alternativos ofrecidos pola Xunta?
O Sr. Feijoo, actual Presidente, considero que é debedor electoral e político de persoas que, como o Sr. Fernández de Sousa Faro, pensan que Galicia son eles, que Galicia lles pertence, que é algo así como unha finca privada compartida con algúns outros amigos e familiares, e que polo tanto, o que é bo para eles e bo para Galicia. Polo tanto, se eu digo aquí, pois é aquí. ¿A que veñen estes politiquiños da Universidade e dicilo contrario?. Claro que polo medio o que de verdade está en xogo é o diñeiro. Pescanova instalouse en Portugal porque practicamente lle regalaron os terreos, e alí os soldos son un 50% inferiores os de Galicia, e dicir “son máis competitivos”. Agora o Sr. Feijoo, segundo parece, non quere ofender a un dos seus patróns, e os socialistas galegos pola súa parte corren o risco de facer o ridículo por incoherentes.
Claro que, polo visto hai outro factor en xogo que de ser certo sería gravísimo. Refírome a presión de moitos alcaldes que non poden, ou non son capaces de proceder contra os “feitos consumados de múltiples actuacións ilegais” que implican directamente a coñecidos dirixentes do Partido Popular, e non sei si directa ou indirectamente tamén os de outros partidos políticos. Deste xeito, a nova Lei serviría para aliviar tensións nas vésperas das eleccións municipais, e “dar carpetazo a múltiples preitos e expedientes abertos”. Algúns falan incluso de “autentica amnistía encuberta”. De ser así, a cousa sería gravísima, pois ¿para que e para quen se lexisla? ¿para os que cumpren as leis ou para os que delinquen?. Mesmo parece que o espírito de Berlusconi anda cerca.
Cando isto sucede no Parlamento, maniféstanse nas rúas de Santiago os colectivos integrados na plataforma “Galicia non se vende”. Son xentes do pobo que, sen mais armas ca súa coraxe, loitan contra o espolio dos bens comúns, dos bens de todos, que algúns pensan que lles pertencen, ou que son motivo para o seu lucro persoal aínda a costa de destruír a grande riqueza do noso medio natural. ¿Seremos tan imbéciles de non darnos conta que é posible soster empresas rendibles e facer negocios doutro xeito? ¿Seremos tan torpes de non entender que permitindo e amparando a especulación, os negocios, e as ambicións sen medida de algúns, estamos hipotecando sen remedio o futuro de todos?.

SUSO MOSQUERA

No hay comentarios: