lunes, 21 de marzo de 2011

CAPITALISTAS E GALEGUISTAS?

Son dos que me pregunto si efectivamente en Galicia non hai persoas con diñeiro suficiente para subscribir as accións dos 1.500 millóns de euros que “Novacaixagalicia” precisa para seguir como entidade financeira galega, ou máis ben sucede que os que teñen o diñeiro buscan mellores destinos para investilo. Tal vez en paraísos fiscais? En fondos especulativos con rendibilidades máis rápidas e seguras? Tamén me pregunto se os actuais reitores da caixa de aforros galega pensaron sequera esta posibilidade. Acaso non viven en Galicia algunhas das persoas máis ricas de España? Non se lle pide a ninguén que doe gratuitamente os seus cartos, senón que os invista a cambio dun interese económico e seguramente plusvalías importantes a medio prazo.
Parece que o da “galeguidade” esta moi ben sempre que se quede como simple arma arreboladiza coa que tratar de amolar ao rival político de quenda, como mero gancho publicitario para captar os pequenos aforros e a confianza de traballadores e pequenos empresarios, ou para esixir máis inversións públicas por parte do Estado ao mesmo tempo que, contraditoriamente, se piden tamén menos impostos e bendícese a proclama de “máis mercado e menos estado”.
Tal vez sen ser aínda o momento para facer análises concretos sobre o sucedido coa fusión das caixas, nin delimitar responsabilidades que expliquen como chegamos á situación en que estamos, si é certo que a medida que pasa o tempo, a perspectiva permite ver con máis claridade cada día que “as nosas elites financeiras e empresariais non estiveron a altura” do que requiría a situación económica de Galicia, e máis a partir da crise iniciada no 2008, poñendo en evidencia unha carencia que ven de vello. Seguro que hai problemas, defectos e fallos que é preciso corrixir, ademais de seguir buscando chibos expiatorios nos políticos de quenda, ou no Goberno Central. Sobre todo por unha razón: porque por este camiño non só non somos capaces de levantar cabeza, senón que comparativamente retrocedemos, é máis do mesmo, e xa coñecemos os resultados.
Para saír da crise, recuperar o crecemento económico, crear emprego e mellorar o noso horizonte futuro, aos galegos, como ao resto dos españois, encomendóusenos a “San Mercado” non a “San Estado” que máis ben está cualificado como un nefasto diaño que hai que combater. Pois ben, “San Mercado” non funciona, nin serve para cumprir eses obxectivos, sen bos empresarios e xestores privados e públicos. Polo tanto, temos que examinar a actuación destas elites empresariais e financeiras, que son as que dende sempre veñen detectando o poder e deciden, e preguntarnos, están a altura das circunstancias?
De igual xeito, algúns cando falan de Galicia parecen concibila como unha especie de coto privado administrado por eles mesmos, que finalmente, en colaboración cos chamados poderes fácticos, tamén controlan e deciden a política a poñer en práctica. No resto do coto viven outros moitos, a maioría, que son os que traballan para soster a esas “elites” e facer ricos a moitos deles, que logo, ademais, invisten lonxe as súas fortunas. Claro que hai outra maneira de ver e sentir a Galicia, a real, a do mundo do traballo, do mar e do agro, a que tivo que emigrar, a que pagou, e paga, as consecuencias das crises que outros orixinan coa súa incompetencia. De aí que en ocasións, cando dicimos “Nós, os galegos”, ou “Galicia”, dependendo de quen o diga, podemos estar referíndonos a realidades moi diferentes.
Dito todo o anterior, cabe pensar que ben mirado, porqué non unha entidade financeira pública propiedade de tódolos galegos? Moito me temo que se non é así, todo o demais acaba por ser sempre dunha utilidade moi relativa.

SUSO MOSQUERA
Marzo 2011

No hay comentarios: