viernes, 1 de abril de 2011

OS SOCIALISTAS GALEGOS DE HOXE E AS ELECCIONS MUNICIPÁIS DE 1931

As eleccións municipais de fai 80 anos, celebradas o 12 de abril de 1931, aínda tendo carácter local, acabarían converténdose nun test para lexitimar ou non a monarquía, co resultado da proclamación da República en toda España o día 14. En Galicia, a coalición republicano - socialista tamén trunfa nas principais cidades, conseguindo o PSOE 121 concelleiros distribuídos así: 40 na provincia da Coruña, 19 na de Lugo, 14 na de Ourense, e 48 na de Pontevedra. As sete principais cidades recollen unha presenza de concelleiros socialistas bastante desigual: Así por exemplo, na cidade de A Coruña tan só consegue 1; en Lugo 4, en Ourense 5, en Pontevedra 2, en Vigo 7, en Ferrol 13, e en Santiago ningún. Pola súa parte o PCE, que se formara a partir dunha escisión do PSOE dez anos antes, conseguiría 4 concelleiros, 2 na provincia da Coruña, e 2 na de Pontevedra. Entre os concelleiros socialistas electos cabe mencionar entre outros a Jaime Quintanilla Martínez en Ferrol (logo sería Alcalde); a Francisco Tilve Rodríguez en Pontevedra (o avó de Luís Tilve, que da nome a Fundación); a Manuel Suárez Castro en Ourense, que sería Primeiro Tenente de Alcalde e logo Alcalde; a Emilio Martínez Garrido en Vigo (que logo tamén sería Alcalde); e a Ramón Beade Méndez e Bernardo Miño Abelenda, en Betanzos.
Aqueles non foron os primeiros socialistas en ser elixidos concelleiros, antes o foran outros como Francisco Fernández García en Ferrol (1895) e Enrique Heraclio Botana en Vigo (1913), pero as de 1931 foron unhas eleccións particularmente importantes, porque tiñan lugar despois do período da ditadura de Primo de Rivera (1923 – 1930), e porque traerían consigo a chegada da II República a España.
Hoxe, 80 anos despois, con unha guerra civil e a ditadura franquista polo medio, nun país que cambiou tanto, parece oportuno lembralo por dous motivos: En primeiro lugar para non perder o “sentido da historia” nin por parte da cidadanía nin por parte dos que estes días compiten en novas eleccións para gañar a confianza dos seus veciños e representalos nos concellos. Mais sobre todo para que os socialistas galegos de hoxe non esquezamos ás nosas raíces, nin a perspectiva do traballo gradual pero continuo na dirección de transformar a sociedade actual no camiño dos mesmos ideais que animaban os socialistas galegos naquelas importantes eleccións de 1931.
Esta idea de transformación gradual e progresiva, pero sempre co obxectivo dunha sociedade máis libre, solidaria e igualitaria cada día foi un dos elementos clave no pensamento de Pablo Iglesias, e tamén a recorda Largo Caballero nas súas “Máximas do bo socialista” escritas en 1945 no exilio en Francia cando escribía:
“O bo socialista comprende que a grande transformación social a que aspira non pode realizarse subitamente, por un golpe de man, senón por etapas, por evolución progresiva, e que o seu deber é impulsar esa evolución con perseveranza e intelixentemente, e apresurar o momento da súa completa emancipación”. (1)

(1) Dispoñibles completas en Revista Claridade nº 1, xuño de 2006 (www.fundacionluistilve.com)

SUSO MOSQUERA
1 de Abril de 2011

1 comentario:

L. de Guereñu Polán dijo...

Me referiré al caso más escandaloso que se conozca (que yo sepa). Una ciudad, Pontevedra, donde el Partido Socialsita pasó de tener ocho escaños por cero los nacionalsitas (1983) a 11 los nacionalistas por 3 el Partido Socialista. La diferencia en escaños, en ambos casos, es lamisma, pero se ha invertido la ventaja. ¿Hará pensar a alguien esto entre los socialistas de Pontevedra?