sábado, 11 de agosto de 2012

POLÍTICA DE AXUSTES E LOITA DE CLASES (III)

Co gallo da crise financeira internacional, e utilizando como pretexto a chamada crise da débeda soberana, a troica (FMI, BCE e CE) –con o inestimable apoio duns gobernos incompetentes e entregados- impoñen agora duras políticas de axuste aos países europeos periféricos (Grecia, Irlanda, Portugal e España) con os conseguintes efectos económicos –caída en recesión-, sociais –se dispara o desemprego e se destrúe o estado de benestar- e políticos –perda total de soberanía-.

Para entender mellor o que está a aconteceren na Europa periférica hai que, por unha parte, retroceder algúns anos ata o proceso de construcción da unión europea (UE) –especialmente da arquitectura financeira: a UEM-  ao tempo que coñecer as propias características macroeconómicas deses países e o modelo de crecemento económico adoptado nos derradeiros anos.

A creación da UEM (Unión Económica e Monetaria) tivo lugar en tres fases continuadas entre os anos 1990 e 2002. Na primeira fase os países europeos asinantes aprobaron dúas medidas relevantes: a liberalización completa do mercado de capitais e a supresión das moedas nacionais que pasaron a ser substituídas por unha moeda única común –o euro-. Na segunda fase a decisión mais salientable foi a adopción do Pacto de Estabilidade e Crecemento que fixou uns límites, obrigatorios para todos os países, para o déficit público (3% do PIB) e a débeda pública (60% PIB). Na terceira, e derradeira fase, creouse o BCE (Banco Central Europeo) encargado da política monetaria común –tipo de cambio do euro- e da loita contra a inflación.  

Por razóns que explicarei mais adiante, aínda que a situación actual ben que o evidencia, estes acordos foron en si mesmo un despropósito con consecuencias desastrosas para os países europeos periféricos. Baste saber que con a creación, tal e como tivo lugar, da UEM os países europeos da chamada “zona euro” cederon soberanía en aspectos claves da política macroeconómica: política fiscal, monetaria e comercial. Asemade fixaren unha mesma moeda para países con moi diferentes balanzas de pagos, balanza fiscal e mercado laboral é, como se está vendo, un terrible hándicap para os países menos desenvolvidos como é caso dos países europeos periféricos.

Estes países teñen en común o contar con importantes desequilibrios macroeconómicos que afectan a balanza de pagos, a balanza fiscal é o mercado laboral. Grecia, Portugal e España –Irlanda en menor medida- son países que importan mais que exportan –con resultados negativos na balanza comercial- e que soportan unha crecente fuga de capitais –o que desestabiliza a balanza por conta de capital- fenómenos ambos que derivan nuns  elevados déficits das respectivas balanzas de pagos. Son tamén países que teñen unha baixa presión fiscal –os ricos pagan pouco- e un elevado nivel de fraude o que debilita a balanza fiscal a pesares de teren uns moi baixos gastos públicos        –débiles estados de benestar-. Son tamén países con unha baixa capacidade de aforro –baixos salarios-. Finalmente Grecia, Portugal e España teñen elevadas taxas de desemprego nuns mercados laborais moi precarios que frean a demanda interna.

Eses desequilibrios macroeconómicos dificultan o crecemento económico ao tempo que fan que estes países sexan moi vulnerables e que precisen, mais que outros países europeos, de acudiren ao financiamento exterior sendo así víctimas fáciles dos especuladores internacionais como se está vendo co galo da chamada crise da débeda soberana. Estes países precisan tamén tanto de mellorar a súa balanza comercial –exportar mais- para o que necesitan de actuar sobre o tipo de cambio –algo que agora non poden facer por mor de pertencer a zona euro- como de impulsar a demanda interna –o consumo- para o que deben mellorar de forma importante a situación do mercado laboral.

Si estes desequilibrios poden seren parcialmente soportados nas fases expansivas grazas ao crecemento económico –como sucedeu nos anos previos a crise en España, Grecia, Portugal e Irlanda- cando se produce unha recesión aparecen en toda a súa dimensión polo que os gobernos nacionais precisan de dispoñer de tódalas pancas da política económica para poder corrixilos. Algo que, como dixen, agora non resulta posible por mor de pertencer a UEM.

Retrocedamos agora a fase expansiva última e repasemos algúns dos piares centrais do modelo de crecemento económico destes países xa que así chegaremos a entender mellor algunhas das claves da situación actual. Nos anos anteriores a crise os países europeos periféricos -maiormente os seus bancos- foron receptores de elevados préstamos da banca europea, liderada pola banca alemana, que eran utilizados preferentemente para financiar ben o boom inmobiliario –España, Irlanda-, a compra de armas –Grecia: había que facer fronte ao potencial perigo otomán-,  ou o déficit comercial –Portugal-. Entradas de capital que se ben facilitaron o crecemento económico provocaron tamén que neses países se disparara a débeda privada –unha débeda maiormente bancaria- contraída sobre todo con bancos europeos liderados pola banca alemana. Unha débeda privada que, por mor do seu elevado volume, pasou a converterse nun dos principais problemas macroeconómicos   –o outro é o desemprego- neses países ao paralizala demanda. Unha débeda privada de elevado volume que explica –que non xustifica- o comportamento da troica (FMI, BCE, CE) con os países europeos periféricos: defende os intereses financeiros e especulativos dos prestamistas europeos que esixen cobra-las súas débedas con os seus xuros correspondentes.

Sen entender este complexo panorama resulta moi, moi difícil chegar a comprenderen correctamente o que está pasando que, como podemos ver, ven resultando un reflexo da vella loita de clases agora a nivel europeo. A loita entre as clases de rendas medias e baixas dos países europeos periféricos contra as clases de rendas altas tanto dos seus países como dos países europeos centrais –liderados por Alemana-. Clases de rendas altas que queren aproveitar a chamada “crise da débeda soberana” provocada por elas mesmas                    –especialmente polos intermediarios financeiros- para reducir ao mínimo o estado de benestar e  eliminar o consenso e a negociación colectiva nas relacións laborais nos países europeos periféricos.

Loita de clases a nivel europeo que en España adoptou primeiro a forma dunha “farsa” (gobernos Zapatero –PSOE-) para agora aparecer como unha “traxedia” (goberno Rajoy –PP-).
Manuel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: