miércoles, 22 de agosto de 2012

POLÍTICA DE AXUSTES E LOITA DE CLASES (IV)


Volvendo aos problemas estructurais da economía española que explican, en parte, as súas dificultades, compre lembrar que a pesares do crecemento que experimentara durante a derradeira fase expansiva aqueles non puideron ocultarse senón que incluso se acentuaron: un grande e crecente déficit da balanza de pagos, unha grande regresividade da política fiscal e un modelo de relacións laborais precario e de baixos salarios.

Un déficit da balanza de pagos que, acentuado pola entrada no euro, deriva de seren unha economía pouco productiva –ladrillo e turismo-, que xera escaso valor engadido pero moi especulativa.

Unha regresividade da política fiscal reflectida tanto na baixa presión fiscal como na súa centralizade nas rendas do traballo mentres as rendas de capital son as grandes beneficiadas e as que presentan un maior nivel de fraude.

Un modelo de relacións laborais que coñece numerosas reformas pero que todas camiñan na dirección de precarizar os empregos e reducir a negociación colectiva para baixalos salarios e facilitalos despedimentos.

Tres grandes desequilibrios macroeconómicos que son reflexo do ENORME poder de clase –económico, político e mediatice- da elite financiera-immobiliaria española durante moitas décadas.

Un enorme poder que explica o modelo de crecemento económico español habido na fase expansiva última: un modelo de crecemento que alimentado polos sucesivos gobernos de Aznar-Rato (PP) e Zapatero-Solbes (PSOE) tivo na expansión das burbullas inmobiliaria e crediticia os principais motores. Unha xuntanza de bruxas inmobiliaria non so de vivendas privadas senón tamén de infraestructuras faraónicas –autopistas, autovías, aeroportos, parques temáticos, cidades da cultura.....- e unha borracheira crediticia             –créditos sen limite, a moi baixo xuro, sen apeas garantías.....- que se transformaron en burbullas que, como pasa sempre, terminaron por estoupar e deixar ao descuberto tanto unha enorme débeda privada como un desemprego que se dispara deica valores nunca coñecidos.

Deste xeito a economía española xuntou aos problemas estructurais xa reflectidos –desequilibrio na balanza de pagos, regresividade na política fiscal e precariedade nas relacións laborais- dous novos e decisivos problemas –unha enorme débeda privada e un desemprego intenso- que paralizaron a demanda e frearon o crecemento económico.

Unha débeda privada maiormente dos bancos e as empresas inmobiliarias pero tamén de moitas empresas privadas e familias. Compre subliñar debidamente este punto polo que logo veremos: cando estopou a crise o problema da débeda en España era un problema de débeda privada maiormente contraída polos bancos e as empresas inmobiliarias na súa tolemia constructora. Naqueles momentos nin ó déficit público –a pesares da reflectida regresividade da política fiscal- nin a débeda pública eran problemas relevantes.

Unha débeda privada que a banca española ten contraída con a banca europea –pilotada polas bancas francesa e alemana- e anglosaxona                  –estadounidense maiormente-. Para financiar o burbulla inmobiliaria a banca española, falta de liquidez suficiente, acudiu maiormente ao mercado interbancario percibindo enormes transferencias de sumas, a xeito de créditos baratos e brandos por parte da banca europea e anglosaxona: créditos que aínda que foran concedidos con “xenerosidade” pasaron a formar parte do pasivo da banca española por seren unha débeda con a banca internacional. Un endebedamento que si en época de bonanza e cando os prezos dos activos inmobiliarios se multiplicaban inmediatamente non parecía excesiva nin problemática con o estoupido da crise pasou a seren un fardo moi pesado e unha obriga de difícil cumprimento. Unha obriga que colocou a banca española –bancos e caixas- con problemas non so de liquidez senón tamén –o que resulta mais grave- de insolvencia.  Problemas que ao tempo explican a parálise do crédito bancario.

Unha débeda (privada) que a banca española, con o apoio da banca internacional, puxa por que se transforme en débeda pública.  Un intento que, grazas as sucesivas medidas dos gobernos españois (PSOE e PP) vai camiño de ter éxito xa que estes van asumindo a débeda privada. Medidas que non son mais que un reflexo dese enorme poder de clase do que falaba anteriormente: mentres que se recorta de xeito drástico e irracional  o gasto público destinado as funcións sociais e de benestar -que benefician especialmente as cidadáns de rendas medias e baixas- se multiplican as axudas públicas e os beneficios fiscais a elite financiera-immobiliaria que deste xeito consegue que a súa débeda (privada) pase a seren asumida polo goberno español transformándose en débeda pública –de tódolos españois-.

Un enorme poder de clase que tamén ten o seu reflexo no comportamento da troica (FMI, BCE e CE) algo do que falarei mais adiante. Nembargantes quero subliñar agora que se equivoca quen pense que a troica está prexudicando –tamén- aos intereses dos españois de rendas altas. De ningunha das maneiras: os axustes que esixe a troica benefician, en primeiro lugar, as clases de rendas altas españolas, lideradas pola elite financiera-inmobiliaria que ten os mesmos intereses que a  homóloga europea.

Un enorme poder de clase que tivo e ten o seu reflexo na realidade do mercado laboral español.  Un mercado laboral caracterizado pola súa “mala calidade” -baixos salarios, alta temporalidade, elevada sinistrabilidade, grande inseguridade pola facilidade para o despedimento, elevada porcentaxe de traballadores pobres....- que fai que nas fases recesivas o desemprego en España se dispare ata cotas elevadísimas e se transforme nun problema macroeconómico de primeira magnitude como estamos vendo na actualidade.

Con o estoupido da crise en España o desemprego e a débeda privada pasaron a seren os problemas macroeconómicos mais relevantes xa que a súa extensión e amplitude paralizaron –e seguen paralizando- a demanda  e, conseguintemente, frean o crecemento económico.

Por este motivo, e como explicarei en sucesivos escritos, votarlle a culpa ao déficit e a débeda públicos da crise económica non so é un tremendo erro senón que é desviar a atención sobre os problemas reais da economía española. Se o déficit e a débeda públicos medran é como consecuencia tanto da recesión económica como dos problemas estructurais da economía española que describía ao principio deste comentario.

Problemas estructurais que, por outra parte, as políticas de duro axuste fiscal implementadas polos sucesivos gobernos españois (PSOE, PP) non fan mais que intensificar ao tempo que afunden á economía española na recesión sen que consigan reducir o déficit e a débeda públicos senón todo o contrario.

Manoel Barbeitos Alcántara

1 comentario:

Isidoro dijo...

Un pequeño apunte, la transformación de deuda privada en deuda pública ya está muy avanzada, como ejemplo de Inmobiliaria Martinsa aCaixa Galicia y de esta al FROB que pagamos todos.