lunes, 24 de septiembre de 2012

¡COMO CAMBIAN AS TORNAS!


Non hai moitos anos (politicamente, un abismo) soñábamos con poder vivir nun país en liberdade en onde a política e as decisións conseguintes a esta non foran impostas dun xeito unilateral e onde os políticos puideran ser elixidos democraticamente, e o soño fíxose realidade en base a un implícito gran pacto entre tódolos organismos políticos, sindicais e sociais da Transición.

Dende o ano 75 ata agora a transformación positiva de España en tódolos ámbitos foi realmente unha conquista de toda a sociedade española. Pero, de pronto, ese proceso, tan querido da maioría, é posto en cuestión en absolutamente tódolos aspectos porque, supostamente,  non se adecúa ó século XXI. O problema é que esa maioría que apoiamos ese proxecto de país democrático e social comezamos a ser bombardeados dende os poderes financeiros, dende determinados ámbitos políticos neoliberais, medios de comunicación, etc, cunha campaña de descrédito da política, dos políticos e do sistema, de tal xeito que estase a provocar unha reacción contra o Parlamento, contra as Autonomías, contra os sindicatos, contra os funcionarios, contra os profesores, propiciada dende o FMI, a Comisión Europea, o Banco Central Europeo e alentada polo propio Goberno, aproveitando unha determinada conxuntura económica.

Se lemos a prensa, escoitamos a radio ou vemos a televisión, ou aínda entramos nas  redes sociais, podemos observar como día a día se publican salarios, se airean as condicións en que os políticos exercen a súa función, se indaga a vida e costumes dos líderes sindicais, se falsean datos (todo vale), se publican relacións de cargos políticos, entre os que se inclúen ata os Directores dos Centros escolares, buscando os culpables dunha situación provocada dende as cúpulas financeiras. Ás veces semella unha verdadeira cacería. O lamentable é que finalmente os cazados, na cacería orquestrada noutros ámbitos, imos ser, e estamos sendo, os traballadores que vivimos dun salario.

É hora de deixar a inxenuidade a un lado e de saber con certeza contra quen hai que dirixir os tiros. Estanse atacando as bases do estado de dereito, que ata agora foi a nosa salvagarda, e quen nos está sometendo a un tremendo sacrificio son os que están pasando tranquilamente pola crise e beneficiándose dela, pero van máis alá e están conseguindo que fagamos de ariete contra as institucións democráticas na que nos amparamos. Por iso queren suprimir institucións políticas, queren debilitar os partidos políticos, destruír as organizacións sindicais e sociais, todo aquilo que poda servir para defender os nosos dereitos e as conquistas acadadas ata agora, e están no camiño de conseguilo apoiados por nós. Detrás está unha lexislación laboral que precariza o emprego, a posta en cuestión do sistema de pensións, da sanidade e da educación públicas, da estrutura do Estado, etc.

É verdade que temos que esixir unha maior transparencia a políticos e institucións e responsabilidades a aqueles que non responden á confianza depositada neles, pero nonos equivoquemos, as reacción conxunturais rematan en si mesmas. Non vaia a ser que nos quedemos sen as institucións e organizacións políticas e sindicais que nos podan defender. Por iso, cando vexo aplaudir o debilitamento destas, sinto e penso que debemos sentir unha fonda preocupación, sobre todo tendo en conta de onde ven a iniciativa.

Roxelio Pérez Poza

No hay comentarios: