sábado, 15 de diciembre de 2012

A CRISE DA SOCIALDEMOCRACIA (V)


Remataba o capítulo anterior (IV) dicindo que “a socialdemocracia europea actual aparece como incapaz de afrontar os retos que lle presenta a mundialización neoliberal. Incapacidade que poida que remate por seren a súa sentencia de morte –risco que se presenta maior nos países europeos periféricos- o que sería unha grande desgracia para toda a esquerda europea”.

As evidencias desa incapacidade son abafantes e numerosas. Si nos países europeos periféricos, masacrados polas políticas de axuste implantadas co gallo da chamada crise da débeda soberana, o declinar da socialdemocracia é innegable a situación nos países europeos centrais non é tampouco –quizás coa excepción temporal de Francia- moi favorable a socialdemocracia.

As causas dese declive, que veñen de lonxe –como sinalei no capítulo II-, hai que buscalas na resposta liberal que unha grande parte da socialdemocracia europea –Partido Laborista inglés (T. Blair), Partido Socialdemócrata alemán (G. Schroder), Partido Socialista español (R. Zapatero), Partido Socialista portugués (J. Sócrates), Partido Socialista grego                        (A. Papandreu)... - deu a situación económica creada pola mundialización         –tanto na fase expansiva anterior como na actual crise- tal como dixen con anterioridade –capítulo IV-.

Unha socialdemocracia que non so se mostrou incapaz de poñer freo aos excesos do capital financeiro –auténtico motor da mundialización- e as grandes empresas senón que favoreceu a súa expansión e dominio ao tempo que sentaba as bases do deterioro das condicións de vida e traballo das clases populares (rendas medias e baixas) nos seus países.

Unha socialdemocracia cuxos dirixentes –con honrosas excepcións todo hai que dicilo: hai está o caso do PSF (partido socialista francés)- abafaron e seguen abafando a posibilidade da necesaria renovación interna. O dominio dos aparatos sobre os militantes e os simpatizantes está evitando que se produzan os necesarios cambios colaborando deste xeito a que o desprestixio medre entre a cidadanía –como se comproba en tódalas enquisas e se confirma nos distintos procesos electorais- e se prolongue e amplíe o declive socialdemócrata.

As políticas económicas –tanto no plano fiscal, como monetario e comercial- aplicadas polos respectivos equipos económicos da socialdemocracia gobernante en Europa nos derradeiros vinte anos foron tipicamente neoliberais. Dende T. Blair a R. Zapatero, pasando por G. Schroder, J. Sócrates, A. Papandreu..... os seus respectivos gobernos seguiron a axenda neoliberal que –como expuxen no capítulo anterior- pon o acento na “liberdade de circulación de capitais, de investimento e de comercio”, que supón a primacía dos chamados “mercados” sobre os gobernos e os parlamentos elixidos democraticamente, que esixe a reducción ao mínimo do gasto público e a liberalización e desregulación dos mercados laborais como liñas xerais. Axenda que supón desmontar o estado de benestar e fomentar unha crecente desigualdade social –que foran algunhas das principais sinais de identidade da socialdemocracia europea-

Esta socialdemocracia  liberal durante os seus anos de goberno  -e aí están as hemerotecas para confirmalo- favorecería a liberalización financeira que está na orixe das crises financeiras sistémicas que se repiten con regularidade con as consecuencias económicas e sociais coñecidas. Sería un  goberno laborista inglés (Blair-Brown) quen lle daría un enorme impulso ao centro financeiro da City de Londres coñecido como o maior centro mundial de especulación financeira ao tempo que defendía con enorme tesón a liberalización financeira iniciada baixo os mandatos de Reagan e Thatcher e liderada polas institucións financeiras internacionais (FMI, BM). Unha estratexia que a maioría da socialdemocracia europea xamais cuestionou.

Outro goberno socialdemócrata da época, neste caso corresponderíalla a socialdemocracia alemana (Schroder) sería quen consolidaría un modelo de política económica apoiado na explotación das clases populares facilitada pola liberalización e desregulación dos mercados laborais –como xa fixera o goberno laborista inglés-. Unha estratexia que, a par que empobrecía cada vez a mais traballadores alemáns, abriría a porta ao estancamento económico en Alemana que, pola súa relevancia, estenderase a toda a eurozona.

Unha axenda neoliberal que sería plenamente asumida pola socialdemocracia española (Zapatero). O goberno económico da época (Solbes, Salgado) defendería que había que baixar os impostos (“subilos impostos non é de esquerdas”) e reducir a súa progresividade, frear o crecemento do gasto público –pensións, emprego público e gasto social-, reducilos salarios e desregular os mercados –empezando polo financeiro e seguindo polo laboral- para que “teñan confianza”. Unha estratexia que si durante a fase expansiva da economía, provocada polas burbullas inmobiliaria e crediticia, pareceu teren éxito mostraría toda a súa inutilidade con o estoupido daquelas.

Unha axenda neoliberal que as socialdemocracias dos países europeos periféricos (España, Grecia e Portugal), acentuarían como resposta a crise das “débedas soberanas”. Estas socialdemocracias (Zapatero, Sócrates, Papandreu) non cuestionarían o dogma neoliberal de que os problemas financeiros dos seus respectivos países –reflectidos nuns hipotéticos excesivos déficit e débeda públicos- derivaban da “falta de confianza” dos mercados cara eses países e eses gobernos. Unha falta de confianza hipoteticamente debida a existencia de uns gastos públicos excesivos e uns mercados laborais moi ríxidos por mor de  un excesivo poder sindical.  

As consecuencias destas estratexias para a socialdemocracia deses países están a vista: expulsadas do goberno (Gran Bretaña, Alemana, Grecia, Portugal, España..) pola retirada do apoio de un electorado moi indignado con esas políticas, atravesan unha etapa crítica con perda crecente de apoio social e nunha encrucillada político-ideolóxica a que non se ve sexan quen de presentar alternativas.

Unha encrucillada político-ideolóxica, unha desorientación estratexia –a que non é allea a súa incapacidade, ou falta de vontade, para crear as necesarias alianzas internacionais cando menos a nivel europeo- que se acompaña dun “peche de filas” polas elites dirixentes que dan pe a pensar que o futuro da socialdemocracia en moitos países europeos apareza, hoxe en día, como moi escuro, sendo suaves.


Manoel Barbeitos Alcantara

No hay comentarios: