domingo, 16 de diciembre de 2012

POLÍTICA DE AXUSTES E LOITA DE CLASES (e IX)


No capítulo anterior (VIII) refutei que o déficit público fora unha causa da recesión económica en España e Galicia. Agora tócalle o torno a débeda pública que tamén e sinalada polos devotos do neoliberalismo como a outra causa da recesión económica, algo que tamén resulta falso como veremos a continuación.

En primeiro lugar compre saber que a débeda pública en si mesma “non é mala”, senón que ese papel correspóndelle maiormente a débeda privada. Por qué?: por que, como sucedeu en España e Galicia, mentres a débeda pública aporta riqueza, emprego e benestar social colectivo a débeda privada procede (maiormente) da actividade inmobilaria individual e, mais en concreto, da adquisición e rehabilitación da vivenda. A experiencia na maioría dos países europeos –incluídos os periféricos- sinala que a débeda pública case sempre aporta mais riqueza e supón menos riscos que a débeda privada. Cando se fala de débeda pública compre, xa que logo, sinalar sempre e con toda claridade a súa orixe para así poder avaliala con rigor.

No capítulo anterior (VIII) tamén sinalei como España ven sendo un dos países da Unión Europea con menor presión fiscal: con uns ingresos públicos equivalentes ao 30,4% do PIB sitúase por baixo tanto da media na zona euro (36,5%) como na UE27 (35,8%). Unha situación que –como tamén sinalei nese capítulo- con a crise económica sofre algunhas modificacións: diminúen os ingresos e medran os gastos. Velaí unha das razóns básicas do endebedamento público español: o medre nos gastos públicos e a diminución nos ingresos públicos obrigan aos gobernos a endebedarse.

Esta realidade desminte de xeito categórico as teses neoliberais               –impostas pola troica (FMI, BCE e CE)- de que a elevada débeda pública é unha das causas da recesión económica en España –e no resto dos países europeos periféricos-. Todo o contrario: é a recesión económica a que está impulsando o crecemento da débeda pública e de feito mais intenso nos países europeos periféricos por mor da baixa presión fiscal e as políticas de axuste.

A débeda pública española nos anos previos ao estoupido da crise acadaba o 39,6% (en termos de PIB) mentres a media da zona euro era do 66% (PIB) e en Alemana o 67,6% (PIB), datos estes que reflicten con toda claridade que España, antes do estoupido da crise era un dos países europeos menos endebedados. Mais aínda, a finais do ano 2010 España seguía presentando un nivel de débeda pública (60,1%) claramente por baixo da media na zona euro (85,1%) e de países como Alemana (83,2%), Francia (81,7%) ou Gran Bretaña (80%). España seguía sen estar entre os países mais endebedados a pesares dos efectos da recesión económica.

Cabe entón preguntarse, por qué a troica e o goberno español seguen entón teimando con a débeda pública como un dos principais e mais relevantes problemas da economía española?. Por que defenden intereses de clase: os intereses dos mercados financeiros. Paso a explicarme.

En termos macroeconómicos un goberno nacional para financialo gasto público pode ben utiliza-la vía interna mediante as políticas fiscal (aumentando a presión fiscal) e monetaria (emitindo diñeiro) ben a vía externa (emitindo débeda pública).

Por mor da pertenza de España a UEM (Unión Económica e Monetaria) a vía monetaria está reservada ao BCE (Banco Central Europeo). España pode entón acudir a política fiscal e/ou a emisión de débeda pública. E ben sabido que tanto o goberno español actual (PP) como anterior (PSOE) utilizaron preferentemente a segunda vía: emisión de débeda pública.

Como reflectín na capítulo anterior España ten un enorme marxe de manobra en política fiscal que, nembargantes, non utiliza. Pode incrementar no curto prazo, e sen provocar de ningures efectos contrastivos na economía senón todo o contrario, os ingresos fiscais (en mais de 63.000 millóns de euros anuais: 2.800 millóns de euros en Galicia) con o que situaría o déficit público por baixo do 3% do PIB e diminuiría enormemente as necesidades de financiamento externo: reduciría o nivel de endebedamento público.

Por que os gobernos español e galego non acoden a esta vía?. Por que suporía que o incremento fiscal deberase apoiar maiormente sobre as rendas de capital –as grandes favorecidas actualmente pola política fiscal en España e Galicia-. Aqueles gobernos (español e galego) prefiren, por razóns de clase, endebedar a todo o país antes de gravar fiscalmente as grandes rendas do capital.

A emisión de débeda pública non debera seren en si mesma un problema para calquera país soberano. Por qué entón é un problema para os países europeos periféricos?. Polo comportamento tanto dos “mercados financeiros” privados como do BCE (Banco Central Europeo).

Os mercados financeiros –bancos, mutuas, fondos de pensión- aproveitan as necesidades de financiamento deses países para, apoiándose tanto no desregulamento financeiro como no comportamento indecente do BCE e das chamadas “axencias de cualificación”, atacar a débeda soberana daqueles i esixir tipos de xuro elevado (as famosas “primas de risco”) para a  compra dos seus títulos de débeda. Unha actuación que lles dou e segue dando enormes beneficios.

Unha actuación que podería ter sido contrarrestada facilmente por dúas vías: 1º Que o BCE, como banco público europeo que ven sendo, tivera acudido en auxilio dos países europeos necesitados de financiamento –como fai a Reserva Federal nos USA-. Algo que podería facer ben prestando diñeiro directamente ben emitindo el mesmo títulos de débeda pública. 2º Que os países europeos tiveran a súa propia Banca Pública que cubriran as necesidades de financiamento dos Estados.

Pero, por unha parte, o BCE non actuou desa forma senón que facilitou que os estados se endebedaran con os mercados financeiros, neste caso representados maiormente polos bancos europeos: preto das tres cartas partes dos títulos da débeda española están en mans de bancos europeos (alemáns, franceses, españois) e mais de un carto de bancos españois.  O BCE ven actuando como un “lobby” da banca e non como un banco público. O BCE defende, en Europa, os intereses dos mercados financeiros –maiormente dos bancos europeos liderados pola banca alemana-, os intereses de clase.

Asemade ao carecer eses países dunha banca pública non poden evitar que sexa a banca privada a que “financie” a súa débeda soberana, que utilice a mesma para especular en vez de destinalo diñeiro ao financiamento da actividade productiva e que colabore, deste xeito, ao crecente endebedamento deses países pois a maior endebedamento maiores ganancias dos chamados “mercados”.

Resulta, xa que logo, evidente que impoñendo políticas de axuste fiscal que poñen o acento na débeda pública os seus impulsores –tanto a troica como os gobernos nacionais- están favorecendo os intereses dos mercados financeiros: uns intereses de clase.

Como resume final desexaría que todos estes capítulos sobre “Política de axuste e loita de clases” teñan servido, a aqueles que tiveran a paciencia de léelos, para unha mellor comprensión de que intereses moven tanto a troica (FMI, BCE e CE) como a gobernos europeos como os español (PSOE, PP) e galego (PP) ao implantar duras políticas de axuste fiscal.

 
Manoel Barbeitos Alcantara

 

No hay comentarios: