viernes, 1 de marzo de 2013

ALGO PERSOAL (I)

“Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

 Como é ben sabido as políticas de duro axuste fiscal que con especial virulencia e asañamento estanse a aplicar nos países europeos periféricos (España, Grecia, Portugal) teñen como principal ideóloga e gardián a chamada “troica” (FMI, BCE e CE), cuxos directivos e funcionarios aplícanse con un empeño, digno dunha mellor causa, a vixiar que os gobernos respectivos compren con os seus “compromisos”: axuste fiscal compulsivo e reformas laborais liberalizadoras.

Una vixilancia que se ve favorecida pola cesión de soberanía por parte dos estados, que se práctica dun xeito escurantista e carente da necesaria lexitimidade democrática e que se guía pola defensa a morte dos intereses do capital financeiro europeo –liderado pola banca alemana-.

 
O Banco Central Europeo, un lobby dos bancos

Non resulta esaxerado afirmar que o Banco Central Europeo con as súas actuacións en materia de política financeira, comercial e monetaria é un dos máximos responsables da recesión económica      –auténtica depresión- na que se atopan os países europeos periféricos (Grecia, Portugal, España)

Con a súa negativa a actuar como un auténtico banco central –e ben comprar bonos públicos (débeda pública) dos estados europeos necesitados de financiamento, ben emitir eurobonos- está facilitando os ataques dos especuladores –os chamados “mercados”- á débeda soberana daqueles países, ocasionándolles graves problemas de financiamento como está sucedendo agora con España.

Tamén é un dos máximos responsables dos problemas comerciais deses mesmos países. Con unha política comercial tan agresiva –que permite a sobreavaliación dun euro, con valores por riba do dólar,- o BCE está dificultando as exportacións impedindo así que eses países poidan equilibrar as súas balanzas de pagos.

E tamén corresponsable dos problemas monetarios deses países. Con a súa negativa a baixar debidamente os tipos de xuro –moi por riba dos que fixa, p.e., a Reserva Federal- endurece a política monetaria freando o consumo e o investimento.

Con actuacións deste tipo o Banco Central Europeo está impedindo a recuperación da demanda nos países europeos periféricos (Grecia, Portugal, España), paralizando o crecemento económico e, xa que logo, favorecendo que medre o  desemprego.

Este comportamento do Banco Central Europeo, tan negativo para a economía dos países europeos periféricos, explícase polo seu aliñamento con a doutrina neoliberal promovida polo capital financeiro alemán quen defende o control da inflación como obxectivo central da política monetaria europea. Un comportamento, por outra parte, que lle está permitindo forrarse aos grandes bancos europeos a costa de disparar a débeda pública deses estados periféricos.

Neste marco estratéxico (Art. 2. Protocolo sobre os estatutos do Sistema Europeo de Bancos Centrais e do Banco Central Europeo) de “manter a estabilidade de prezos na zona euro”, é dicir, manter a inflación en niveis baixos -estando o resto dos obxectivos supeditados ao mesmo- o Banco Central Europeo considera que “gran parte dos problemas da economía española solucionaríanse con un descenso dos salarios que deica hoxe non baixaron o suficiente .... a moderación salarial en España ten sido moi limitada” (boletín do BCE de xaneiro 2013).

En relación a estas declaracións compre faceren dúas puntualizacións. A primeira que é rotundamente falso o argumento de que os problemas da economía española deriven duns salarios elevados –ou non suficientemente moderados-: España é o único estado da OCDE onde os salarios reais non medraron nos derradeiros quince anos, estando o salario medio en 22.790 euros anuais –un 20% inferior a media na zona euro-. En segundo lugar que resulta bochornoso escoitar a estes “funcionarios públicos” reclamar para as clases populares unha medida que non se aplican a si mesmos.

O presidente do BCE –actualmente Mario Draghi-  ten un salario de 374.124 euros anuais, o vicepresidente –Vitor Constancio- percibe 320.688 euros e o resto dos membros do comité executivo cobran 267.228 euros anuais. A estes soldos, xa de por si estratosféricos,  hai que engadirlle outros ingresos complementarios -gastos de residencia, representación, dietas por fillos, ensino....-. Soldos e salarios que son actualizados anualmente e que, xa que logo, non seguen as recomendacións de moderación que o BCE reclama para os salarios dos traballadores españois.

Como mostra da desmesura destas retribucións sirva saberen que o salario anual do Xefe de goberno español está en 78.185 euros, do Presidente francés en 176.400 euros e da Canceleira alemana en 204.192 euros. Ningún deles chega, nin de lonxe, aos salarios daqueles banqueiros cuxa desvergoña parece non ter límites.
 
Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: