viernes, 15 de marzo de 2013

ALGO PERSOAL (III)


“Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

 

O Fondo Monetario Internacional como impulsor da mundialización neoliberal

 

O Fondo Monetario Internacional é, dende fai décadas un dos principais servidores da mundialización neoliberal que ten un dos seus fundamentos na desregulación dos mercados de capitais. Unha desregulación decidida, no seu día, polas principais potencias económicas e as institucións financeiras internacionais (FMI, BM e BPI).

Esta mundialización neoliberal supón unha financiarización da economía a nivel mundial: un predominio claro da operacións financeiras –maiormente especulativas- sobre o resto de operacións económicas –productivas, comerciais....-. Un predominio claro das operacións financeiras que deriva nunha hexemonía dos mercados financeiros que, como se está vendo, son quen de impoñer os seus intereses –especulativos maiormente- as diferentes institucións gobernamentais. Unha imposición que, con frecuencia, se plasma      na posta en marcha de “políticas de axuste estructural” cuxo obxectivo central é garantirlle aos países acredores o cobro das débedas (con zumarentos xuros) dos países endebedados.

Estas políticas de axuste estructural que causan auténticos estragos nos países en que se aplican –son incontables os casos que certifican estes efectos: América Latina, Sueste Asiático, Europa do Leste antes e agora os países europeos periféricos (Grecia, Portugal, España...)- teñen un dos seus piares no “axuste fiscal” –austeridade orzamentaria-. Reducción draconiana dos gastos públicos                   –especialmente os relacionados con as funcións públicas de benestar- co gallo de liberar recursos públicos para o pago da débeda e os seus xuros –estes case sempre con un importe superior ao valor do montante inicial da débeda: “grazas” ao FMI, Arxentina logo de pagar por xuros da débeda 212.280 millóns de  dólares (entre os anos 1975 e 2000) pasou de ter unha débeda externa de 8 mil millóns de euros a outra de 169.000 millóns de euros-.

Pois ben este organismo que ademais de ter preferencia polas dictaduras e os réximes autoritarios –por seren alumnos mais aplicados- e do seu gusto por estender as políticas de axuste fiscal “urbi et orbi”, ten como máxima instancia de goberno o chamado “Bureau dos Gobernadores” formado ben polos Ministros de Finanzas dos países membros ben polos presidentes dos Bancos Centrais. Teoricamente estes gobernadores elixen @ president@ do FMI pero na práctica é elixido polos principais países europeos –que se reparten con os Estados Unidos a gobernanza financeira mundial ao elixir eses ao presidente do BM (Banco Mundial)-. Para o funcionamento diario este gobernadores delegan os seus poderes nos Directivos Executivos mediante unha votación onde os países mais poderosos –con os Estados Unidos ao fronte- controlan o 60% dos votos mentres que, p.e., o conxunto dos países africanos so dispón do 4% dos votos

Estes gardiáns da débeda –garantes do seu cobro- que os países debedores –terceiro mundo, países europeos periféricos..- teñen con os países acredores –países do centro- maiormente con as súas entidades financeiras e que teñen debilidade polos recortes do gasto público –especialmente nas funcións públicas de benestar e nos salarios dos traballadores das administracións- solen esqueceren estes “furores” cando se trata de si mesmos. Vexamos:

En primeiro lugar é importante sinalar que os salarios dos “traballadores funcionarios” do Fondo Monetario Internacional (FMI) están todos eles “exentos” do pago de impostos: son cantidades libres “de po e palla”. Salarios que son moi diferentes incluso entre categorías similares: no extremo inferior están aqueles que cobran entre 30.000 –os mais baixos- e os 45.000 euros anuais. Nunha escala intermedia están o persoal técnico e o administrativo con salarios medios que poden chegar aos 85.000 euros anuais. E, finalmente na escala superior os directivos que cobran entre 140 e 275.000 euros anuais. Claro está, por riba de todos sitúase o director xerente que pasa por seren o de maior salario nos circuítos internacionais –non importa que sexa socialdemócrata-: pode chegar aos 420.000 euros anuais.

Recordemos que todos os salarios están libres de impostos e que, ademais, teñen “actualizacións” anuais. Asemade todos eles      -especialmente as categorías superiores- contan cos preceptivos complementos: axudas para o pago de vivenda, pluses familiares, axudas para escolaridade, dietas... etc. etc. Importante: o 95% dos traballadores teñen contrato indefinido, son “funcionarios”.

Si falamos do “retiro”, as pensións, este persoal por mor do seu esgotador traballo pode xubilarse antes dos 65 anos (normalmente aos 63), e facelo a partires dos 60. Contan ademais –maiormente os directivos- con plans de pensións, financiados polo propio organismo, con unhas condicións moi favorables: o director con dous anos no cargo ten dereito a cobrar o 50% das apartacións. Teñen tamén seguros de vida e viaxe...

Como se pode ver o persoal do FMI, moi especialmente os seus directivos, predica co exemplo: son os primeiriños a hora de aplicarse a si mesmos as receitas neoliberais de axuste fiscal e/ou reducción do gasto público –salarios, pensións,....- que tanto predican. Están, xa que logo, totalmente lexitimados para pedirlle aos demais que sexan austeros. Acaso Dominique Strauss-Kahn non era austero?.

 

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: