martes, 26 de marzo de 2013

ALGO PERSOAL (V)


Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

 

Na colaboración anterior sinalaba como a progresiva cesión de soberanía, por parte dos estados europeos, a prol da chamada troica (BCE, CE e FMI) derivou en que esta se convertera na auténtica gobernadora europea por riba dos propios estados e “libre” de control popular e cidadán. Un enorme retroceso democrático en toda a UE que supuxo, ademais, un auténtico suicidio político para moitos dos estados que a integran.

Unha cesión de soberanía que tivo un punto de inflexión na creación da UEM (Unión Económica e Monetaria)  que iniciada no ano 1990 co tratado de Maastricht tería un dos seus cumios no ano 2002 coa entrada en vigor do euro como moeda única para un conxunto de países europeos (17) nos que aquel viu a substituír á antiga moeda nacional –peseta, peso, dracma, marco, franco...-.

A partires desas datas a pertenza a UEM supuxo para os países membros aceptaren tanto unha serie de criterios comúns (de converxencia)  en materias de política fiscal, monetaria e internacional como que estas políticas serían administrados polo BCE e a CE. Entre os países que se incorporaron á UEM están os países europeos periféricos (España, Grecia, Portugal). Un erro maiúsculo, por parte destes, como agora estamos vendo pero que era perfectamente previsible por lóxico.

Coa sinatura doa UEM os países integrantes da mesma aceptaron, en política fiscal, que o déficit público nacional non pode exceder do 3% do seu PIB a prezos de mercado, e a débeda pública non seren superior ao 60% do PIB. En materia de política monetaria a UEM supuxo a creación dunha moeda (euro), que pasou a seren común para os países da UEM, e que o tipo de xuro oficial é fixado agora polo BCE. Finalmente, en materia de política internacional a fixación do tipo de cambio da nova moeda europea (euro) pasou a seren competencia tamén do BCE.

Un banco (BCE) que ten, como obxectivo central, o control da inflación e que dispón dun enorme e insólito poder xa que, segundo os seus estatutos, goza de total autonomía fronte aos países membros da UEM.

Resulta difícil entender como os gobernos dos países europeos periféricos puideron asinar este tratado que é unha autentica “trampa” para eles.

Poñer límites ríxidos aos déficit e débeda públicos é un despropósito. En calquera tratado de política económica explícase como os criterios sobre os déficits e as débedas públicos deben seren flexibles pois estes son instrumentos imprescindibles para compensar os distintos efectos que sobre o crecemento económico e a creación de emprego teñen as diferentes fases do desenrolo capitalista. O fundamentalismo económico da troica parece esquecer que o desenrolo capitalista –como a historia demostra unha vez si e outra tamén- é cíclico –con fases expansivas que son seguidas doutras recesivas- o que esixe, para manter o crecemento económico e a creación de emprego, que os gobernos utilicen de xeito flexible as políticas fiscais. Que son normais, incluso necesarios, os déficits en épocas de recesión e os superávits nas fases expansivas.

Por outra parte, países con diferentes balanzas de pagos solen ter tamén sistemas fiscais diferentes polo que fixar criterios comúns en materia de política fiscal para todos eles é outro gran despropósito. Estas medidas resultan especialmente graves para con os países de balanzas de pagos deficitarias e sistemas fiscais menos progresivos –como é o caso dos países europeos periféricos-

Este fundamentalismo económico –“homilías” segundo o profesor P. A. Samuelson-, en relación aos déficit e a débeda públicos, ten a súa actual concreción nas duras políticas de axuste fiscal que goberna a troica e que están provocando que, especialmente nos países europeos periféricos, estease encadeando unha recesión económica tras outra, disparando o desemprego e esnaquizando o estado de benestar.

Que países con niveis de riqueza (PIB), sistemas fiscais e balanzas de pagos tan diferentes (p.e.: como Alemana e Francia por un lado e España, Grecia e Portugal por outro) adopten unha moeda común (euro) é unha auténtica barbaridade económica e tamén un suicidio político para os países mais pobres. Se ademais practicase unha política monetaria que procura manter o euro con un tipo de cambio tan elevado -superior ao do dólar- i en toda a zona euro estase alimentando unha auténtica bomba de reloxería para os países con déficits importantes na balanza de pagos como é o caso dos países europeos periféricos.

A quen se lle puido ocorrer que países comercialmente tan diferentes –de novo os citados Francia e Alemana por un lado e España, Grecia e Portugal pola outro- deban manter o mesmo tipo de cambio para medrar economicamente?. Mentres un tipo de cambio elevado é moi beneficioso para os países con superávit na balanza de pagos resulta un suicidio para países con déficits. Estes últimos precisan de rebaixar o tipo de cambio para así veren de incrementar as exportacións e, xa que logo, equilibrar as súas balanzas de pagos deficitarias.

Para mellor entender a dimensión deste “erro” lémbrese que España -coa peseta como moeda nacional- pasou de teren un cambio con Alemana e Francia, de 85 e 25,5 pesetas por 1 marco e 1 franco respectivamente, a teren un cambio equivalente de 1 por 1 –por mor de seren a mesma moeda-. Todo elo sen que se tiveran producido avances macroeconómicos que o xustificaran (!).

Fixar como obxectivo central –e coase único- da política monetaria o control da inflación, e non o crecemento económico e a creación de emprego, argumento preferido dos neoliberais, é apostar por políticas moi restrictivas que, especialmente en momentos de recesión económica como agora, frean o crecemento económico e castigan a creación de emprego. A política monetaria ha de estaren supeditada a esto último e, xa que logo, debe poñer os seus instrumentos –control da inflación, oferta monetaria- ao servicio daqueles obxectivos.

A política monetaria que, hoxe por hoxe, practica o BCE é unha das causas principais da recesión económica europea. Con tipos de xuro por riba dos que aplica a Reserva Federal e con restriccións na oferta monetaria está freando que flúa o crédito que tanto necesitan as familias, as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo. Esta freando, xa que logo, a recuperación económica e a creación de emprego, mais sobranceiramente nos países europeos periféricos.

Velaí a trampa na que se meteron os países europeos periféricos. A trampa de aceptar uns criterios comúns de política económica que claramente os prexudican –beneficiando aos países europeos economicamente mais potentes- e de teren cedido (a troica) competencias imprescindibles para poder utilizar os instrumentos de política económica no seu beneficio, no obxectivo de propiciar o crecemento económico e a creación de emprego nos respectivos países.

Para mellor entender a lóxica do que sucede hai que saber que a creación da actual UEM é un froito da loita de clases a nivel europeo. Unha loita de clases que se resolveu, e segue resolvéndose, de xeito totalmente favorable tanto aos grandes bancos –liderados pola banca alemana- como as grandes empresas           –especialmente as alemanas e francesas que teñen un forte potencial exportador-. Unha loita de clases cuxa resolución actual vai en prexuízo das clases populares europeas, especialmente aos dos países europeos periféricos. Unha loita de clases na que a troica representa aos grandes bancos e empresas europeos auténticos beneficiarios das súas políticas.

 

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: