viernes, 19 de abril de 2013

ALGO PERSOAL (IX)

 
Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

 
Como sinalei en comentarios anteriores (Algo persoal V) a creación da UEM supuxo, para os países asinantes dos tratados, a asunción de compromisos en materia de política monetaria e política internacional. Supuxo tamén que a competencia máxima en ámbalas dúas políticas pasaba a mans do BCE (Banco Central Europeo): a fixación dos tipos de xuro e de cambio, o volume de oferta monetaria.... dependen agora das decisións do BCE.

Un banco (BCE) que, segundo os seus estatutos, goza de total autonomía fronte aos países membros da UEM e ten como obxectivo central o control da inflación.

Un banco (BCE) que non está actuando como un auténtico banco central senón como unha autoridade económica que defende os intereses da grande banca europea e a grande industria con preferencia, en ámbolos dous casos, das banca e industria alemáns –por seren as mais potentes-.

Un banco (BCE) que, polas súas actuacións en materia de política monetaria e política internacional, está sendo un dos principais responsables da prolongada recesión en que se atopan envoltos os países europeos periféricos.

En política monetaria (a xestión do diñeiro: tipo de xuro e oferta monetaria) a actuación do BCE está tanto freando a recuperación (ao encarecelo crédito) como permitindo enormes ganancias a grande banca europea. Con a súa negativa a mercar débeda pública dos Estados europeos –ou emitir eurobonos- obriga a estes a buscar financiamento nos mercados financeiros e seren así víctimas da especulación dos mesmos. Con a súa negativa a baixalos tipos de xuro na zona euro –para poñelos, cando menos, nun nivel equivalente ao que fai a Reserva Federal- o BCE está encarecendo o aceso ao crédito.

En política internacional (a xestión do mercado de divisas: tipo de cambio) ao manter artificialmente alto o valor do euro –moi por riba do valor do dólar, divisa internacional por excelencia- pon en dificultades aos países con déficits na balanza de pagos –aqueles que importan mais que exportan- como é o caso dos países europeos periféricos (España, Grecia, Portugal).

O BCE obrigando aos países mais necesitados de financiamento exterior a acudir aos mercados financeiros para financiarse está favorecendo a grande banca europea que se está forrando con unhas “primas de risco” que son tan elevadas por que o BCE négase a mercar débeda pública dos países europeos que necesitan financiamento: o BCE en vez de mercar débeda pública dos países europeos préstalles diñeiro aos bancos privados a un tipo de xuro moi baixo (entre o 0,5% e o 1%), un diñeiro que aqueles bancos utilizan para mercar débeda pública dos países pero esixindo un tipo de xuro moi elevado  (entre o 6% e o 7%) con o que fan un negocio redondo, todo elo grazas a inestimable axuda do BCE: segundo as fontes mais fiables a banca europea gana anualmente preto de 300.000 millóns de euros por esta vía.

Mantendo un tipo de xuro elevado –superior ao dos USA, Gran Bretaña ou Xapón- dificulta, as familias, as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo o acceso ao tan necesario crédito. Un crédito que, por outra parte, escasea por que a banca europea utiliza os diñeiros que recibe do BCE para, como dixen antes, especular contra a débeda soberana dos propios países europeos                –maiormente dos periféricos-.

Mantendo un tipo de cambio para o euro por riba do seu valor real dificulta a necesaria expansión das exportacións daqueles países con déficits nas súas balanzas de pagos –como é o caso do países europeos periféricos- contribuíndo ao tempo a que se manteñan, e incluso se incrementen, os desequilibrios nas mesmas con os efectos conseguintes sobre a débeda externa que segue medrando.

Con estas políticas monetaria e internacional o BCE (Banco Central Europeo) está, como se pode ver, favorecendo os intereses das clases dominantes na Unión Europea –bancos, sector inmobiliario e grandes empresas exportadoras-.

O BCE está, asemade, utilizando a crise económica para apoiándose no o seu enorme poder –controla as políticas monetarias e internacionais nacionais- impoñer duras políticas de axuste fiscal –desmantelamento das funcións públicas de benestar, desregulamento dos mercados laborais, diminución dos salarios reais...- que favorecen tamén os intereses daquelas.

Con estas políticas monetaria e internacional o BCE está provocando que a recesión económica se prolongue nos países europeos periféricos (España, Grecia, Portugal) sumidos realmente nunha grande depresión por mor de aplicaren esas políticas de axuste fiscal as cales, como nos demostra a historia –son múltiples as evidencias históricas- non buscan o crecemento económico e a creación de emprego senón desviar recursos públicos para o pago das débedas: Alemana ten investidos –en préstamos- nos diferentes bancos europeos mais de 700.000 millóns de euros –con eles, p.e., financiouse a burbulla inmobiliaria española- e quere recuperalos xunto con as ganancias correspondentes.

 

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: