martes, 2 de abril de 2013

ALGO PERSOAL (VI)


Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

 Remataba o escrito anterior sinalando que os sucesos que se están a producir no seo da UE responden a lóxica da “loita de clases”. Unha lóxica marcada polos intereses do capital dominante en Europa –grandes bancos i empresas- quen turra por obter as máximas ganancias –vía políticas de axuste fiscal, política monetaria, regulacións laborais, débeda soberana....- e a conta das clases populares –rendas medias e baixas- que financian estas ganancias con desempregos masivos, caída das rendas, deterioro dos servicios públicos, exclusión social.....

Unhas clases dominantes que, na súa estratexia, contan con o apoio político da chamada troica (FMI, BCE e CE) e a maioría dos gobernos europeos. Un sistema de dominación que precisa, para unha maior eficacia, dun progresivo deterioro dos sistemas democráticos –mediante unha cesión de soberanía por parte dos gobernos e os parlamentos democráticos en beneficio de instancias (a troica) carentes das imprescindibles garantías de funcionamento e control democráticos- e dun crecente control dos medios de comunicación e difusión.

Un dos mecanismos clásicos de esta dominación son as políticas de axuste fiscal como as que actualmente, e baixo o paraugas da UEM, estanse impoñendo na maioría dos países europeos pero con especial virulencia nos países europeos periféricos (Grecia, Portugal, España...). As políticas de axuste fiscal tiveron a súa rutilante aparición nos primeiros anos oitenta do século pasado impulsadas polo FMI (Fondo Monetario Internacional) e o seu socio o BM (Banco Mundial) co gallo da chamada “crise da débeda soberana” dos países do Sur. Estas políticas xurdiron co obxectivo central de garantirlles aos países do Norte acredores –maiormente aos seus bancos privados- o cobro da débeda e os seus intereses. Son políticas realmente eficaces nese senso, outra cousa son os efectos que provocan nos países endebedados e moi especialmente entre as súas clases populares.

Neste contexto podemos asegurar con toda rotundidade que as políticas de axuste fiscal que, no marco da UEM e co gallo da crise económica, estanse agora impoñendo nos países europeos periféricos teñen como obxectivo central liberar recursos públicos destinados neses países a actividades básicas –as funcións públicas de benestar, a creación de emprego, as infraestructuras primarias...- para destinalos ao pago da débeda con os seus correspondestes xuros aos acredores, os grandes bancos europeos -con os alemáns e os franceses á cabeza quen, p.e., solo en débeda española e italiana teñen investidos mais de 750.00 millóns de euros-.

Cando a chanceler alemana Sra. Merkel reclámalle as países europeos periféricos que cumpran os obxectivos de déficit e débeda públicos acordados        –“cumprir os compromisos”- está tremendo por que apliquen políticas de axuste fiscal que garanten que eses países terán recursos para pagaren as débedas contraídas polos respectivos bancos nacionais con a grande banca alemana: calcúlase que a banca alemana ten investidos en Europa mais de 700.000 millóns de euros dos cales 145.000 millóns son so en España.

O mais sangrante e inxusto destas políticas é que, fronte ao repetidamente subliñado polos voceiros oficiais e os seus alabardeiros, estas débedas foron contraídas maiormente polos propios bancos nacionais –gregos, portugueses, españois- para con os grandes bancos europeos –alemáns e franceses maioritaria pero non exclusivamente-. Así cando estoupou a crise no Estado español o grande problema a nivel de débeda non era a débeda publica senón que era a enorme DÉBEDA PRIVADA (94% do débeda total) contraída, co gallo da burbulla crediticia, por parte das familias, as empresas e o sistema bancario español. E no reparto desa débeda privada aparecían o sistema bancario (32%) xunto so sector inmobiliario (31%) como principais debedores. 

 Unhas débedas que finalmente eses debedores –especialmente a banca- rematan non pagando xa que conseguen que –grazas ao seu enorme poder sobre os respectivos gobernos- recaian sobre as clases populares ao seren estas as víctimas principais tanto das políticas de axuste fiscal como das regulacións laborais

Así observamos como mentres se aplican fortes recortes do gasto nas funcións públicas de benestar –ensino, sanidade, dependencia, infancia, desemprego..- e se rebaixan os salarios reais –salarios, pensións...- procedese a unha enorme transferencia de recursos públicos ao sistema bancario. Unha transferencia que pode seren por dúas vías: una directa -mediante avales, investimentos directos ou novos saneamentos- e na que se levan gastado mais de 150.000 millóns de euros, e outra indirecta, posible grazas a que conta co apoio do BCE, consistente en que os bancos nacionais compran diñeiro (ao propio BCE) a un xuro do 1% que logo utilizan na merca de débeda soberana española a tipos moi superiores, un 5 ou 6%: un negocio redondo.

Velaí o carácter de clase das políticas de axuste fiscal: baixo supostos problemas de déficit e débeda públicos agóchase unha clara estratexia de drenaxe de recursos públicos deica as caixas dos grandes bancos que, grazas a elas, estanse forrando. Uns recursos públicos que estaban destinados ao financiamento de servicios –sanidade, ensino, desemprego, dependencia....- cuxos principais beneficiarias eran as clases populares.

 Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: