lunes, 8 de abril de 2013

ALGO PERSOAL (VII)


Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

 
As políticas de axuste fiscal teñen para os sectores mais poderosos do capital outras vantaxes a maiores das sinaladas anteriormente. Cos recortes no gasto público, que aínda tendo un carácter xeral céntranse maiormente nos servicios e transferencias das funcións públicas de benestar (educación, sanidade, dependencia, infancia, desemprego...) e nas pensións, abren a porta a entrada do capital nestas áreas que si antes eran públicas, agora pasan a seren privadas.

Baixo o eufemismo da supervisión dos gastos públicos para así garantir a permanencia dos servicios públicos hai unha estratexia de reducción do público nas funcións de benestar que supón a retirada progresiva do estado nestes servicios e a súa substitución pola iniciativa privada.

As evidencias empíricas desta privatización dos servicios públicos son abondosas no Estado español. Co gallo de “cumprir os obxectivos de déficit” comunidades autónomas como Madrid, Catalunya, Pais Valencia, Galicia, Castela A Mancha.... están privatizando un número crecente de servicios e actividades públicas de benestar: hospitais, centros de ensino, residencias, escolas de infancia...... que pasan a seren xestionados por empresas privadas. Ao tempo que se lle abren as portas do patrimonio publico a iniciativa privada tamén dáselle un protagonismo cada vez maior na prestación destes servicios: medran os concertos con empresas privadas (sanidade, ensino, dependencia, infancia...). En ámbolos dous casos estamos diante dunha crecente transferencia de fondos públicos deica o capital privado.

Un capital privado que na maioría das veces é capital financeiro –bancos, fondos de pensión e investimento, mutuas, ..-. Un capital que leva anos pelexando por penetrar nas funcións públicas de benestar e que, co gallo das políticas de axuste, ve como se lle abren as portas deste substancioso “mercado”.

Se as políticas de axuste fiscal afectan a tódalas funcións públicas de benestar hai un servicio ao cal o capital privado lle ten unha especial querencia: as pensións públicas. Dende fai décadas o capital financeiro español, e internacional, ven pelexando pola “reforma privatizadora do sistema público de pensións”. Dende fai décadas, e utilizando o seu enorme poder mediatice e político, o capital financeiro trata de convencer a poboación española, con argumentos falsarios e nada rigorosos, da necesidade de capitalización das pensións pola imposibilidade financeira de manter o actual sistema público quen pasa por seren    –segundo estes- un dos principais responsables dos supostos problemas de déficit e débeda públicos. Trata, xa que logo, de introducir no “mercado” das pensións os fondos de pensión privados que este capital financeiro controla e que son para o mesmo unha enorme fonte de ingresos.

Nos países europeos periféricos (Grecia, Portugal, España) unha das primeiras medidas aplicadas, co gallo do recorte nas contas públicas esixido polo troica –pero, repito, avaliado polos respectivos gobernos nacionais-, foi a reforma do sistema público de pensións. Unha reforma, xustificada, en base a supostos problemas financeiros que, de ningures, foron probados: estes países atópanse entre aqueles da UE que menos gasto público –medido tanto en función da riqueza (PIB) como da poboación (gasto per cápita)- destinan ao financiamento das pensións.

Tamén son abondosas as evidencias no Estado español de como esta privatización das funcións e servicios públicos de benestar supón un enorme deterioro dos mesmos –nalgúns casos unha auténtica ruína- con consecuencias especialmente graves (na saúde, na atención, na cobertura, nos ingresos...) para as clases populares. A pesares do silencio informativo, froito do enorme control que o capital financeiro ten sobre a maioría dos medios de comunicación e opinión, sucédense dun xeito crecente as noticias sobre os perniciosos efectos que os axustes nas funcións públicas de benestar teñen sobre as persoas mais vulnerables: pensionistas, dependentes, doentes crónicos, nenos...

Unha privatización que, consonte vimos subliñando, se adapta aos criterios das políticas de axuste fiscal que, en Europa, lidera a troica co beneplácito da maioría dos gobernos europeos. Uns criterios que responden a lóxica da loita de clases e que supoñen unha enorme transferencia de recursos públicos –cuxas maiores beneficiarias eran as clases populares- deica iniciativas privadas controladas polo capital financeiro –as clases de rendas mais altas-.

 

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: