viernes, 12 de abril de 2013

ALGO PERSOAL (VIII)

Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

 
O Vicepresidente da Comisión Europea (CE) e responsable de Asuntos Económicos e Monetarios, Olli Rehm, é un digno representante da actual clase política dirixente da troica (BCE, CE e FMI): minte compulsivamente, ten un alto nivel de analfabetismo e resulta como responsable político pouco presentable. Explicarei o por que destas cualificacións.

Dado que as políticas de duro axuste fiscal que o goberno español está aplicando, baixo o paraugas de troica, non promoven nin a anunciada recuperación nin que a economía española entre na senda do crecemento económico senón que as recesións se repiten unha tras outras, con trazos de grande depresión, agora o Sr. O. Rehm intenta xustificar este fracaso –que é un fracaso da propia troica e como tal aféctalle directamente- sinalando que non é o axuste fiscal senón  a “insuficiencia” do mesmo, a causa de que se prolongue a recesión en España. Por elo, segundo o vicepresidente da CE, son necesarias novas medidas que afonden aínda mais nas reformas emprendidas especialmente na laboral e na das pensións: mais aceite de rícino para as clases populares.

O. Rehm minte compulsivamente xa que sabe perfectamente que o obxectivo das políticas de axuste fiscal non é o de promover o crecemento económico e a creación de emprego aló onde se aplican –agora nos países europeos periféricos-. O obxectivo real (vid., neste Foro, “Algo persoal (VI)”) é liberar recursos públicos     –maiormente os destinados as funcións públicas de benestar social e as infraestructuras básicas- para entregarllos á banca europea ben vía pago de servicios da débeda soberana ben mediante transferencias directas –como en España está facendo o FROB-. O Sr. O. Rehm, como bo servidor da banca europea que é, sabe esto e que ademais detrás das políticas de axuste fiscal hai outro obxectivo estratéxico: desmantelar o estado de benestar para entregarllo ao capital privado –especialmente os sistemas públicos de pensións-. Finalmente, o Sr. o. Rehm, sabe tamén que as políticas de axuste fiscal aló onde se aplicaron provocaron fondas depresións económicas que carrexaron uns grandes dor e sufrimento as clases populares, como agora está sucedendo nos países europeos periféricos (Grecia, Portugal, España). Sabeo pero non lle importa ren, e logo minte, minte compulsivamente.

O. Rehm é un analfabeto. So dende a ignorancia pódese afirmar que a prolongación da recesión económica española é debida a un excesivo gasto público en pensións e a un mercado laboral moi ríxido que “reducen o potencial de crecemento da economía”. O. Rehm é un analfabeto por que parece descoñecer      –aínda que consta nos informes de EUROSTAT- que o gasto público en pensións de España –tanto en térmenos de PIB como de renda per capita – está entre os mais baixos da Unión Europea por mor dun importe medio das pensións públicas que é asemade dos mais cativos (Ídem “Algo persoal (II)”). Datos que desmenten categoricamente a tese comunitaria dun excesivo gasto público en pensións. O. Rehm é un analfabeto por que parece descoñecer, tamén, que o mercado laboral español é un dos que maior número e mais liberais reformas ten adoptado nas derradeiras décadas. Unhas reformas que o sitúan entre os de maior precariedade da UE: se volvera a consultar os informes de EUROSTAT vería como os salarios en España son os únicos, entre os países da OCDE, que veñen perdendo poder adquisitivo nas derradeiras décadas en beneficio das rendas de capital, como España é o pais da UE con maior índice de precariedade laboral e, finalmente, como o salario real medio en España está entre os mais baixos da UE. Non son os salarios dos traballadores españois os que provocan os problemas de competitividade da economía senón os excesivos beneficios empresariais –os mais elevados da UE-, o escaso gasto público en I+D+i –un dos mais baixos na UE-, o peso do caracter especulativo no sistema productivo e o baixo nivel da formación profesional.

O. Rehm é un impresentable. Como un político que ten unhas remuneracións tan extraordinarias –salario, dietas, complementos, indemnizacións, pensión....- atrévese a esixir para as castigadas clases populares españolas menores salarios e pensións?. Como xa sinalei no artigo anteriormente referido (Ídem “Algo persoal (II)”) tanto os salarios actuais como as pensións públicas futuras dos comisarios europeos son “estratosféricos”, sen falar doutras prebendas e beneficios. Na actualidade o salario bruto real do Sr. O. Rehm está bastante por riba dos 27.300 euros mensuais e a súa pensión futura superará os 10.000 euros netos ao mes: compárense estes ingresos con os dun traballador medio español –salario medio bruto anual: 21.500 euros; pensión media anual: 13.640 euros brutos-. Como se pode ver o salario mensual do Sr. O. Rehm supera o ingreso medio anual dos traballadores españois, e a súa pensión futura case equivale o importe medio anual dun pensionista español. Uns salarios e unhas pensións, os do Sr. Olli Rehm, que son financiados con fondos públicos procedentes dos petos de tódolos europeos así como sono outras prebendas das que tamén goza: dietas, complementos, vivenda,.....

Velaí as razóns que me levan a cualificar ao Sr. Olli Rehm tal e como fago. Unha cualificación na que inclúo a maioría dos membros da troica, como son por caso o Sr. Mario Draghi presidente do Banco Central Europeo (BCE) e Mdme. Cristine Lagarde directora xeral do Fondo Monetario Internacional (FMI).
 
Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: