viernes, 26 de abril de 2013

ALGO PERSOAL (X)

Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

Logo de explicar nunha colaboración anterior -Algo persoal (IX)- como a estratexia que o BCE, dirixido polo Sr. Mario Draghi, ven adoptando en materia de política monetaria e comercial leva aos países periféricos europeos de recesión en recesión provocando nas clases populares deses países un enorme dor e sufrimento, non podo por mais que reafirmarme na declaración doutra colaboración anterior –Algo persoal (VIII)- e sinalar que o Sr. Mario Draghi ao igual que fai o Sr. Olli Rehm minte compulsivamente, ten un alto nivel de analfabetismo e resulta como responsable político pouco presentable.
As evidencias de que estamos diante dun mentireiro compulsivo son, nos derradeiros tempos, constantes provocando unha situación que a certos niveis non deixa de seren bochornosa pero tamén moi, moi preocupante dado o poder acumulado por este dirixente. Paso a explicarme.
Dado que o Sr. Mario Draghi sabe perfectamente que as políticas monetaria e comercial que o BCE desenvolve non procuran nin o crecemento económico nin a creación de emprego senón que teñen outros obxectivos menos explícitos, non ten reparos en facer públicos documentos que queren xustificar as súas decisións pero que non so carecen do mais mínimo rigor senón que utilizan datos e fontes falsos o que resulta, repito, bochornoso e totalmente repudiable.
O Sr. Mario Draghi, e os seus subordinados do BCE, saben perfectamente que a falta de crédito que padecen as familias, as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo é debida, fundamentalmente, a negativa dos bancos que, como dixen nunha colaboración anterior –Algo persoal (IX)-, utilizan o diñeiro que reciben do BCE para especular contra a débeda soberana en vez de facilita-lo crédito. Unha actitude que é favorecida polo BCE ao negarse a facilitar o crédito directamente aos estados e forzar aos bancos nacionais a que actúen como auténticas entidades de crédito. Pois ben o Sr. Mario Draghi xustifica esta situación, de dificultades de acceso ao crédito, con mentiras:
1ª “Os bancos teñen serias dificultades para financiarse a si mesmos” M. Draghi). Mentira: a banca española está mercando todo o diñeiro que quere ao BCE –Algo persoal (IX)- ao un tipo entre 0,5 e o 1%, diñeiro que logo utiliza para especular contra a débeda soberana española –tipos entre o 6 e o 7%- en vez de facilita-lo crédito. E todo elo con o inestimable apoio do BCE.
2ª “O que agudiza a falta de crédito é o exceso de endebedamento, os malos préstamos, os malos resultados”  (M. Draghi). Mentira: Pero non quedamos en que o problema era a débeda pública e non a débeda privada?. Como se conxuga esto con as enormes ganancias que presentan os bancos?. Que pasa con o diñeiro que obteñen do BCE?.
3ª. “Os bancos teñen medo a que os seus préstamos non sexan devoltos.... prefiren comprar obrigacións  ou bonos do Estado que ariscarse a prestar o seu diñeiro a empresas e familias” (M. Draghi). Fai falta ter morro: como expliquei anteriormente –Algo persoal (IX)- a razón está no enorme negocio que o BCE lle está ofrecendo aos bancos aos converter nos primeiros, e únicos, receptores dos seus préstamos: un negocio avaliado nuns 300.000 millóns de euros anuais.
Como se pode veren o Sr. M. Dragui é un mentireiro compulsivo –o sabe-.
O Sr. Mario Draghi e os seus colaboradores saben que os países europeos periféricos teñen grandes déficits nas súas balanzas de pagos –mercan mais que venden-. Uns problemas que se ven agudizados pola súa pertenza a zona euro que lles supón que amais de teren unha moeda que está sobrevalorada (pola política monetaria do BCE) lles impide actuar sobre ela (devalala) xa que esa competencia pertence ao BCE que, asemade, mantendo un euro sobrevalorado está beneficiando as países fortemente exportadores (Alemana, Francia,...). Pois ben, para os señores do BCE estas dificultades nas balanzas de pagos dos países europeos débense aos “elevados salarios” dos traballadores deses países que debilitan a competitividade!. Puro analfabetismo: dicir que os salarios dos traballadores dos países periféricos –cos os salarios reais mais baixos da zona euro- son a causa da súa falta de competitividade –cando estes salarios levan lustros perdendo poder adquisitivo e perdendo peso na renda nacional en beneficio das ganancias empresariais- e puro analfabetismo. Pero o que resulta peor: o Sr. Mario Draghi non ten reparos en utilizar informes e estudios falsos, carentes de rigor para xustificar as súas actuacións: como ben demostrou o profesor J. Torres (“Las trampas de Draghi para bajar salarios”. PUBLICO, 02.04.2013) os señores do BCE non teñen o mais mínimo reparo en utilizar informes carentes de rigor e mentireiros para intentar xustificar as súas erróneas políticas: así para intentar demostrar que os países europeos periféricos deben rebaixar os salarios reais para mellora-la productividade utilizan datos que mentres reflicten as variacións da productividade en “térmenos reais” (descontándolle o impacto da inflación), as variacións dos salarios reflíctena en “térmenos nominais” (sen descontar o impacto da inflación). Incrible pero certo!.
O Sr. M. Dragui non so minte compulsiva e conscientemente, senón que é un analfabeto: debera saberen que para comparar variables –como salarios e productividade- debe usar os mesmos métodos para ambas –valores reais-. Este descoñecemento de cuestións básicas resulta bochornoso.
Este señor é tamén unha persoa pouco presentable como responsable político. Explícome: agora dedicase a explicarlle aos cidadáns dos países europeos nórdicos que a razóns dos problemas dos países europeos periféricos está en que os seus cidadáns son uns vagos e uns irresponsables. Un comportamento que fai que os responsables cidadáns dos países europeos do norte teñan que pagar estes excesos dos seus colegas do sur. Incrible pero certo: volvo a citar ao profesor J. Torres (“Mas trampas del BCE para cubrir a Merkel”. PUBLICO, 17..04.2013) e tamén ao profesor V. Navarro (“En Europa hay clases sociales que están en conflicto”. PUBLICO, 25.04.2013) quen nos explican como os responsables do BCE intentan convencer aos cidadáns europeos do norte de que somos os cidadáns europeos do sur moito mais ricos que eles (!!!) e que por riba aqueles pobres cidadáns do norte       –alemáns, daneses, suecos, austríacos...- teñen que paga-los excesos dos cidadáns europeos do sur –gregos, portugueses, españois...-. Difundir estas mentiras para intentar xustificar políticas reaccionarias, inxustas e tremendamente desiguais resulta dunha enorme irresponsabilidade e si ademais son altos responsables políticos quen o fai estamos diante de persoas pouco presentables.
Pois si, o BCE utilizando datos falsos e terxiversados inténtalle demostrar aos cidadáns europeos do norte que son mais pobres que os cidadáns europeos do sur. E que polo tanto aqueles non deben pagar os excesos de estes. E, xa que logo, que as políticas de duro axuste fiscal que se aplican nos países europeos periféricos están xustificados xa que deben pagar por “haberen vivido por riba das súas posibilidades”. E para divulgar este infundo o BCE non ten reparos en utilizar os grandes medios de comunicación e difusión europeos para así fortalecer as súas políticas de duro axuste fiscal que tanto benefician aos países europeos do centro    –especialmente a Alemana- como prexudican aos países europeos do Sur.
Velaí por que considero que ademais de mentireiro compulsivo e analfabeto, o Sr. M. Draghi é pouco presentable como responsable político.

MANOEL BARBEITOS ALCANTARA.


No hay comentarios: