viernes, 10 de mayo de 2013

ALGO PERSOAL (e XI)


Entre estes tipos i eu hai algo persoal”...........(J.M. Serrat)

A estas alturas, e logo de cinco anos de crise, xa ninguén con un mínimo de perspectiva pode afirmar que as políticas de duro axuste fiscal e de desregulamento laboral que, baixo o paraugas da troica (FMI, BCE, CE) aplican os gobernos dos países europeos periféricos teñan como obxectivo central o crecemento económico e a creación de emprego. Como reflectín ao longo de diferentes artigos (vid. especialmente Algo persoal (VI), (VII) e (IX)) os obxectivos reais son outros: destinar fondos públicos ao pago da débeda soberana e os seus xuros, desmantelar primeiro e logo privatizar as funcións públicas de benestar e desregular o mercado laboral para así precarizar o mercado de traballo. Todo ao servicio da grande banca europea e as súas filiais (os chamados “mercados”), do capital exportador e dos grandes oligopolios.

Uns obxectivos que tanto os dirixentes da troica como da maioría dos países europeos saben que non son lexítimos e que de seren perfectamente coñecidos pola cidadanía serían totalmente rexeitados –como así o demostran os innumerables actos de repudio (manifestacións, folgas....) que teñen lugar nos países europeos periféricos-. Velaí que as clases dirixentes acudan a prácticas ocultistas e despóticas para así executar estas políticas lonxe do necesario e lexítimo control popular.

Prácticas políticas que camiñan en varias direccións. Unha delas consiste, e como xa expliquei noutros artigos -Algo persoal (IV), (V) e (IX)-, na cesión de soberanía e de competencias por parte dos gobernos europeos –saídos dunhas eleccións democráticas- a prol de instancias carentes do mínimo control e da necesaria representatividade democrática –a troica: FMI, BCE, CE-. Outra, non menos relevante, é o repetido incumprimento por parte dos partidos no goberno dos compromisos contraídos nos programas electorais –como sucedeu moi especialmente nos países europeos periféricos: Grecia (Papandreu), Portugal (Sócrates), España (Zapatero e Rajoy)-. Finalmente nun control por parte dos poderes económicos da maioría dos medios de comunicación e opinión que avalían estes comportamentos –o Estado español é un caso paradigmático-.

Como tamén sinalei -Algo persoal (V)- dende o ano 1990 vense producindo un proceso continúo e imparable de cesión de soberanía, en materias claves de política económica (fiscal, monetaria, comercial), por parte dos gobernos europeos e os seus parlamentos –auténticos representantes da soberanía popular- a prol dunha troica –FMI, BCE, CE- que escapa ao control cidadán. Hai que sinalar con toda rotundidade que esta cesión é voluntaria, consentida, plenamente consciente e que ten como un dos obxectivos, non explícitos, o impedir que a cidadanía poida poñer freo as políticas de duro axuste fiscal e de desregulamento laboral que a maioría dos gobernos europeos defenden e executan. A ninguén se lle escapa que os gobernos estatais terían moitas mais dificultades para xustificar e, xa que logo, levar adiante esas políticas se estas foran supervisadas pola cidadanía –como pon en evidencia o fracaso dos gobernos socialdemócratas grego, portugués i español-. Unha cesión de soberanía que facilita o ocultismo das actuacións gobernamentais e a deriva de responsabilidades –quen controla e fiscaliza a toma de decisións da troica?-.

Xunto a esta cesión de soberanía hai un crecente comportamento obsceno por parte de moitos partidos europeos gobernantes que non teñen reparo algún en presentarse ás eleccións dos seus países con un programa electoral para unha vez gañadas as eleccións levar adiante unha acción do goberno que nada ten que veren con as súas promesas electorais. Sabedores de que si se presentaran as eleccións defendendo políticas de axuste fiscal e de desregulamentación dos mercados laborais non as gañarían, non teñen reparo en ocultar as súas reais intencións e en presentar programas que, saben perfectamente, logo non van cumprir. De novo os partidos (socialdemócratas e conservadores-liberais) dos países europeos periféricos (Grecia, Portugal, España) son un fiel paradigma desta hipocrisía. O Partido Popular é hoxe un líder deste cinismo: as promesas electorais de M. Rajoy   –“non subirei os impostos”, “non rebaixarei as pensións”, “rematarei co desemprego”...- e a súa acción gobernamental son radicalmente diferentes. Un comportamento obsceno que inclúe a adopción dunha serie de medidas políticas encamiñadas ao debilitamento do sistema democrático neses países para así impedir unha resposta cidadán de repudio á esas políticas duras e inxustas –de novo os gobernos dos países europeos periféricos (Grecia, Portugal, España), onde proliferan as mobilizacións cidadáns de rexeite a estas políticas, se levan a palma nesta furia gobernamental antidemocrática-.

Finalmente, nesta ofensiva neoliberal as clases dominantes contan con o inestimable apoio da maioría dos medios de comunicación e opinión. Grazas ao control que teñen –maiormente os bancos- destes medios son unha abafante maioría as informacións e opinións que defenden e lexitiman estas políticas. Proliferan os medios de comunicación, foros, equipos de estudios, articulos de opinión, ..... que intentan convencer a cidadanía –as clases populares- de que os “sacrificios” que os gobernos lle impoñen son necesarios e imprescindibles para recuperar a senda do crecemento económico e a creación de emprego. O tempo aquelas minoritarias voces críticas que procuran informar das reais intencións e auténticos obxectivos destas políticas son silenciadas, ignoradas e profusamente vilipendiadas.

MANOEL BARBEITOS ALCÁNTARA. 

No hay comentarios: