miércoles, 29 de mayo de 2013

GOBERNOS ILEXITIMOS, GOBERNANTES MENTIREIROS (III)


Seguindo con as incontables mentiras e os innumerables enganos do Presidente do goberno español, Mariano Rajoy, outra promesa (?) incumprida ou esquecida é a referida a non cortar as funcións públicas de benestar: “Defenderei a sanidade pública, a educación pública e o poder adquisitivo das pensións” (Xuntanza do Comité Executivo Nacional do PP para a aprobación do programa electoral, outubro 2011), “Voulle meter a tesoira a todo, agás as pensións públicas, a sanidade e o ensino.....” (Entrevista en ABC Punto Radio, novembro 2011), “Respectamos os piares básicos: o ensino e a sanidade pública e o sistema de pensións” (Xornadas do PP celebradas en Salamanca, maio 2013).

Non me cansarei de repetir que unha mostra da debilidade e o déficit da democracia española é o feito de que moitos políticos españois –ao igual que moitos galegos- poidan mentir compulsivamente, facer promesas que nunca van cumprir...., sen que teñan que render contas aos cidadáns por estas mentiras e enganos. Realmente no caso dos actuais dirixentes do PP esta estratexia –a de mentir- adquire caracteres de auténtica paranoia: “algo cheira a podre no Estado español”.

Cando redacto este texto (finais de maio) unha nova mentira de Mariano Rajoy queda ao descuberto: o respecto ao sistema público de pensións. Utilizando, unha vez mais, o argumento da (suposta) insostenibilidade do actual sistema público de pensións o actual goberno español (PP) –por medio da inigualable Ministra de emprego, a Sra. Fátima Bañez: unha muller que, segundo algunhas fontes solventes, xamais traballou- tenta de xustificar a “necesaria” reforma do actual sistema público de pensións. Unha reforma que -como todas as anteriores- ten como obxectivos centrais tanto diminuír o gasto público en pensións como o favorecer a extensión dos fondos privados de pensións. Unha diminución do gasto público que supón menor número e mais cativas pensións públicas –o que prexudica as clases populares-. Unha extensión dos fondos privados de pensións que tanto prexudica as clases de rendas medias e baixas –con menores ingresos para subscribir eses fondos- como beneficia aos mercados financeiros –propietarios deses fondos-.

Un argumento –insostenibilidade do sistema público de pensións- que ven sendo utilizado profusamente polas seus alabardeiros –bancos, fondos de pensión, mutuas, gobernantes, dirixentes políticos e medios de comunicación e opinión afíns- dende fai xa décadas a pesares de que tódalas evidencias demostran, un ano si e outro tamén, que está totalmente inxustificado, que é rotundamente falso. Vexamos por que digo esto:

O Estado español é un dos que menos gasto público –medido tanto en térmenos de riqueza nacional (PIB) como de habitantes (per cápita)- destina a financiar as pensións públicas no seno da Unión Europea. Hai, xa que logo, recursos suficientes para financiar o Sistema público de pensións so é necesario ter vontade política para destinalos a este fin, como fan moitos gobernos europeos. Este dato confirma que o problema das pensións españolas está nos ingresos e non nos gastos: temos unha pensión media real das mais baixas na zona euro.

Os argumentos demográficos reiteradamente utilizados para intentar xustificar a necesidade dunha reforma baséanse en varios supostos erróneos. En primeiro lugar non é certo que hoxe vivamos todos moitos mais anos –período de gozo da pensión- que en épocas anteriores: si ben é certo que cada vez hai mais “anciáns” esto non quere dicir que estes vivan moitos mais anos como demostran tódalas estatísticas. En segundo lugar tódalas previsións demográficas que se veñen facendo dende décadas fallan por non ter en conta o impacto das fases económicas –en épocas de expansión medran os activos, en épocas de recesión o fenómeno é o contrario-. Finalmente non é a relación activos/pasivos quen determina a viabilidade do sistema público de pensións senón que son os ingresos –a recadación- que dependen dos empregos e as cotizacións quen a súa vez o fan dos salarios e a productividade. (“El subdesarrollo social de España”. Vicenc Navarro. Editorial Anagrama, 2006, “Hay alternativas” V. Navarro, J. Torres, A. Garzón. Editorial Sequitur, 2011 )

Tendo en conta todo o anterior entendo que son as políticas de axuste fiscal e as reformas laborais conservadoras quen realmente poñen en cuestión a sostenibilidade do sistema público de pensións (“Falacias e falsidades”. Domingo Barros. La Voz de Galicia 28.05.2013). Políticas que, como estamos a veren, disparan o desemprego e a emigración, baixan os custos laborais –salarios e cotizacións-, recortan o gasto público en I+D+i e nas funcións públicas de benestar, favorecen fiscalmente as rendas de capital.... factores todos que mingúan a recadación e, xa que logo, os ingresos públicos necesarios para o financiamento, entre outros, do sistema público de pensións.

Estas evidencias poñen ao descuberto as mentiras e os enganos do goberno de Mariano Rajoy. Unhas mentiras e uns enganos que o converten nun goberno ilexítimo con un presidente mentireiro compulsivo. Un presidente que se rodea de “sabios e expertos” igualmente mentireiros pero moi amigos dos mercados financeiros.

 

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: