jueves, 6 de junio de 2013

GOBERNOS ILEXITIMOS, GOBERNANTES MENTIREIROS (IV)


No traballo anterior fixen referencia ao fragrante e insolente incumprimento, por parte de Mariano Rajoy (PP), das promesas electorais mais relevantes como as relativas a servicios básicos tal que a sanidade e a educación públicas. “Defenderei a sanidade pública, o ensino público” (Xuntanza do Comité Executivo Nacional do PP para a aprobación do programa electoral, outubro 2011), “Voulle meter a tesoira a todo, agás ..... a sanidade e o ensino.....” (Entrevista en ABC Punto Radio, novembro 2011), “Respectamos os piares básicos: o ensino e a sanidade pública....” (Xornadas do PP celebradas en Salamanca, maio 2013).

A realidade volve a poñer de novo en evidencia a Mariano Rajoy (PP). En primeiro lugar polos fortes recortes que no gasto está tendo un servicio público básico como a atención sanitaria (un diminución superior ao 11% anual). Uns recortes que podemos afirmar, como reflicten tódalas evidencias, conducen a sanidade pública española (e galega) ao maior nivel de deterioro das derradeiras décadas. Un deterioro que, como non podía seren doutro xeito, prexudica especialmente aos cidadáns de rendas medias e baixas (as clases populares) que por mor duns menores ingresos precisan más dos servicios dunha atención sanitaria publica que os cidadáns de rendas altas que se poden pagar unha privada.

Uns recortes que non teñen xustificación algunha dende o punto de vista do gasto: o estado español é, entre os estados da UE.15 (7,7% do PIB), un dos que menos gasto público (6,5%) destina a atención sanitaria (EUROSTAT). Trátase, xa que logo, dunha opción política: no Estado español, e tamén en Galicia (6,2% do PIB), hai recursos suficientes para manteren unha sanidade pública de calidade, universal e gratuíta. A cuestión e a vontade política de ter un servicio público universal e gratuíto ou de apoiar o negocio privado como é o caso dos gobernos tanto de Mariano Rajoy como de Alberto N. Feijoo.

Uns recortes na sanidade pública que están producindo unha saturación dos servicios públicos tanto hospitalarios como ambulatorios que, loxicamente, afecta a calidade dos servicios sanitarios e provoca un deterioro crecente da asistencia sanitaria pública. Uns recortes que se reflicten nunha retirada de servicios públicos básicos (fármacos, ortopróteses, productos dietoterápicos, transporte sanitario para tratamentos....) que, como as evidencias sinalan, está afectando moi negativamente a propia saúde dos pacientes, especialmente aqueles que ben teñen graves doenzas (artroses e reumatismos, oncolóxicos, SIDA) ben son mais vulnerables (pensionistas, dependentes, inmigrantes sen papeis, seropositivos/as, nenos/as nunha contorna de pobreza, desempregados/as). Hai estudios ao efecto que demostran a veracidade do sinalado: “os suicidios e os brotes de doenzas crónicas son cada vez mais comúns en Grecia, Portugal i España como consecuencia das políticas de austeridade” (The Lancet, marzo 2013), “o 16,8% do pensionistas deixaron de tomar algún medicamento debido ao copago farmacéutico” (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública –FADSP-), “as consecuencias da reforma do sistema sanitario estanse empezando a notar gravemente nos casos de doentes oncolóxicos” (Asociación Española contra o cancro –AECC-).

Uns recortes na sanidade pública que benefician a sanidade privada: diante do crecente deterioro da atención sanitaria pública os pacientes vense obrigados, cada vez con maior frecuencia, a acudir a asistencia sanitaria privada. Unha sanidade privada que “se ve favorecida pola crecente preferencia do goberno popular (PP) pola concertación”. (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública –FADSP-). Non é casualidade, xa que logo, que mentres diminúe o gasto público destinado aos centros públicos (ambulatorios e hospitalarios) medre o destinado a concertación con o sector privado.

Unha concertación que impulsa a deriva dos pacientes con doenzas “rendibles” deica a sanidade privada quedando o resto –especialmente os pacientes con doenzas graves ou crónicas- para seren atendidos na sanidade pública. Unha concertación que, deste xeito, provoca un deterioro da calidade asistencial: “privatizar a sanidade non so é mais caro para a Administración pública senón que os beneficios que obteñen as empresas privadas que acaparan as concesións dos hospitais públicos están relacionadas directamente con unha peor asistencia ao paciente”(Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública –FADSP-). I é que so os analfabetos ou os mentireiros compulsivos poden negar que o obxectivo central do capital privado –tamén na atención sanitaria- sexa o obter a máxima ganancia.

Por outra parte estes recortes na atención sanitaria pública rematan sendo “moi custosos” para o erario público, quedando en evidencia o argumento dunha “maior eficiencia no gasto” que, como demostran múltiples experiencias, non é mais que un grande engano e unha enorme mentira.

Mentres en Galicia a Consellería de Sanidade presume dos beneficios do copago en Alemana veñen de suprimilo por ineficaz –non provocou reduccións importantes no gasto farmacéutico- e custoso –incrementou espectacularmente o gasto en burocracia- de xeito tal que voces autorizadas da sanidade alemán sinalan que o copago “non serviu para nada”.

O mesmo sucede tanto con a construcción de grandes infraestructuras sanitarias –complexos hospitalarios cuxo custo final pode chegar a multiplicar por catro o custo inicial estimado: velaí o caso do “novo Complexo Hospitalario de Vigo cuxo custo final (case 1.800 millóns de euros) multiplicará por mais de catro o custo inicial estimado (400)”.(Plataforma SOS Sanidade Pública)- como coa transferencia a empresa privada da xestión dos hospitais públicos –modelo PFI: Iniciativa de xestión privada, tan querido polas empresas inmobiliarias polas enormes ganancias que lle permite- que, como demostran innumerables experiencias, “empeora o funcionamento dos centros sanitarios e incrementa os custos da atención” –entre un 16% e un 27%- “e so resposta aos intereses dalgunhas empresas” (Federación de Asociacións para a Defensa da Sanidade Pública –FADSP-).

A promesa electoral, tanto de Mariano Rajoy como de Alberto N. Feijoo, de defenderen a sanidade pública converteuse nunha nova enorme mentira –velaí a xusteza de cualificalos como mentireiros-, un novo grande engano que, dende unha perspectiva democrática, ilexítima os seus gobernos.

 

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: