Na presentación do Proxecto de Lei de Orzamentos da Xunta para 2015, a Conselleira de Facenda recoñeceu que estaban presididos pola prioridade do axuste. Non pola loita contra o desemprego, nin polo compromiso co crecemento, nin polo consumo, nin polo benestar.
As consecuencias de cinco anos continuados de axuste, son moi visibles. Estancamento, depresión, nunca crecemento. Desemprego consolidado, mocedade emigrando, consumo mínimo. Envellecemento e despoboamento, un país en declive. A reforma do mercado de traballo introduciu un modelo dual, con enorme precariedade e devaluación salarial, pero non crecemento do emprego.
Hoxe Galicia, como España, ofrece menos oportunidades e máis desigualdade.
Nunha vistosa, presentación do orzamento 2015, en especial nas páxinas 59, 60 e 61 describese o compromiso co crecemento intelixente, sostible e integrador. Como eixos se citan a economía do coñecemento, que rexistra unha caída do 15% en cinco anos, as políticas activas de emprego, reducidas nun 54%, a atención ós colectivos máis desfavorecidos, minoración do 27%, a dinamización demográfica, simplemente ausente do orzamento, as infraestruturas, que baixaron un 56%, a competitividade empresarial, que anota unha baixada do 50%, a sensibilidade ambiental, reducida nun 70% e o control ambiental, que se resume no modelo SOGAMA, incompatible coas directrices europeas. Cifras do 2015 en relación co 2009.
¿Ilusión? ¿Voluntarismo? ¿Marketing? ¿Cinismo?. Un cadro das principais magnitudes, é o seguinte:
ORZAMENTOS 2015 (en millóns de euros)
2009 2015 DIFERENCIA
Función 32 Promoción do emprego 421 193 - 228
- 54%
Función 41 Sanidade 3.767 3.409 - 358
- 10%
Función 42 Educación 2.404 2.048 - 356
- 15%
Función 45 Vivenda 211 41 - 170
- 80%
Función 51 Infraestruturas 596 264 - 332
- 56%
Función 54 Actuacións medioambientais 295 90 - 205
- 70%
Función 71 Dinamización economía rural 409 309 - 100
- 25%
Función 72 Pesca 174 54 -120
- 69%
Función 74 Desenvolvemento empresarial 205 103 -102
- 50%
Función 9 Débeda Pública 393 1.515 + 1.122
+ 285%
Capítulo II Gastos en bens correntes 1.394 1.388 - 6
- 0,4%
Capítulo VI Investimentos reais 1.462 699 - 863
- 52 %
Capítulo VII Transferencias de capital 1.246 546 - 700
- 56%
José Luis Mendez Romeu
No hay comentarios:
Publicar un comentario