miércoles, 18 de marzo de 2015

AS DÉBEDAS PÚBLICAS: ORIXE E CAUSAS

Co gallo da oposición do goberno grego (Syriza) a seguir as receitas neoliberais  (“o austericidio”) que a troica (BCE, CE e FMI) e o goberno alemán intenta impoñer nos países da eurozona e, moi especialmente, nos países europeos periféricos, un vello axioma política (“as débedas hai que pagalas”) volve a seren utilizado co gallo de xustificar estas políticas noeliberais que están esnaquizando o Sur de Europa: estes estados –Grecia, Portugal, España….- viviron por riba das posibilidades, gastaron más do que teñen, endebedáronse e….. agora deben pagar por elo. Deben pagalas súas débedas. Que hai de verdade ou de estafa neste asunto?.


Analicemos o caso dos tres estados citados –Grecia, Portugal, España- empezando pola orixe das respectivas débedas públicas. Unhas débedas públicas que supoñen –decembro 2014-, respectivamente o 176%, 131,5% e 97,7% dos correspondentes PIB. En termos reais: 315.509, 228.360 e 1.033.857 millóns de euros en cada caso. Unha débeda que, importante detalle, disparouse coa crise e as durísimas políticas de axuste fiscal que se aplican nestes estados: no ano 2008 as débedas ascendían ao 109,3% do PIB (264.623 millóns de euros) en Grecia, 71,7% (128.191) en Portugal e 39,4% (392.168) en España. Os incrementos das débedas públicas foron xa que logo de: 66,7 puntos do PIB en Grecia (50.886 millóns de euros), 59,8 en Portugal (110.169) e 58,3 en España (641.689). Quizás sexa oportuno sinalar que a débeda pública tamén medrou en estados de Alamana (do 64,9% ao 74,8%: 9,9 puntos) e Francia (do 67,8% ao 95,3%: 27,5 puntos) aínda que fora en menor proporción.


O primeiro que hai que subliñar é que estes tres estados –Grecia, Portugal, España- teñen unha característica fiscal común: unha moi baixa presión fiscal por mor de que as rendas do capital apenas pagan impostos e defraudan moito sendo as rendas do traballo o soporte central da facenda pública. Os tres estados antes do estoupido da crise tiñan unha presión fiscal (Grecia: 34,4% PIB, Portugal: 37,8%, España: 37,9%) inferior a media europea (UE 27: 40,9%) pero un nivel de fraude fiscal moi superior (Grecia: 27,5%, Portugal: 26,8%, España: 22%, UE27: 18%). Unha presión fiscal que descansa maiormente nas rendas do traballo. Un fraude fiscal que, nestes estados, en case un 75% procede das rendas do capital.


Unha situación que se agravou por mor da crise e as políticas de axuste fiscal que se aplicaron con enorme dureza nestes tres estados: ao dispararse o desemprego (Grecia: 25,8%, Portugal: 13,3%, España: 23,4%, UE27: 9,8%) caeron de xeito drástico os ingresos fiscais por mor das seren as rendas do traballo o principal soporte das facendas públicas nestes tres estados. Velaí a falacia do argumento neoliberal sobre os déficits e as débedas públicas nestes tres estados: estes derivan, en parte, dun sistema fiscal regresivo cuxos efectos negativos agudízanse coa crise e as políticas de axuste fiscal. O elevado desemprego da clase traballadora, e o seu impacto negativo sobre os ingresos fiscais, foi unha das causas do crecemento das débedas públicas nestes tres estados (Grecia, Portugal i España). Pero non foi a única: o fraude fiscal medrou coa crise e tamén medrou o gasto público –por dúas razóns fundamentais: o lóxico incremento do gasto derivado do crecemento do desemprego e, o menos lóxico, o rescate bancario que derivou na transformación en débeda pública o que era unha débeda privada-.


Estes países teñen outro problema estrutural que afecta as arcas públicas: son estados que, por mor da súa condición de periféricos, importan mais do que exportan o que deriva nunha elevada débeda externa. Unha condición de estados periféricos que se intensificou coa actual política monetaria que mantén o BCE pensada mais en favorecer aos estados europeos do norte que aos do sur: con unha moeda tan forte como o euro estes estados teñen difícil reducir os seus deficits. Con balanzas de pagos claramente deficitarias (Grecia: 28,5%, Portugal: 60,5%, España: 66,9%, UE: 93,5% como taxas de cobertura no ano 2008 previo a crise) estes estados non teñen mais remedio que endebedarse. En definitiva balanzas fiscal e de pagos deficitarias –por razóns diversas- facilitan as débedas públicas destes países ao tempo que desmenten as teses interesadas de que sexa o elevado gasto público a causa da elevada débeda pública.


En relación a isto último –gasto público- compre subliñar que segundo datos da OCDE estes tres estados estaban, e seguen estando, na cola de Europa en canto a gasto público social: Grecia (46,6% do PIB), Portugal (48,3%), España (42,9%), Eurozona (49,3%).


Por si isto non fora suficiente está a política monetaria da UE co BCE como primeiro director. Como é ben sabido o BCE –a diferenza doutros bancos centrais como a Reserva Federal, o Banco de Inglaterra…- non financia directamente aos estados –coa compra directa dos seus títulos de débeda- senón que acude ao mercado secundario actuando dun xeito maquiavélico e tremendamente prexudicial para os estados periféricos: préstalles diñeiro aos grandes bancos europeos a taxas moi baixas de xuro -0,25/0,5%- que logo aqueles utilizan para especular contra as débedas soberanas dos países europeos do Sur –esixindo uns xuros que poden chegar ao 5/6% e incluso superiores- encarecendo o seu financiamento e, xa que logo, provocando un incremento das débedas públicas (xuros e amortizacións).


Finalmente está a débeda privada e a conversión dunha parte da mesma en débeda pública. Cando estoupou a crise o principal problema financeiro destes tres estados –e pódese dicir que de toda a Unión Europea- era a débeda privada. Unha débeda privada moi elevada –Grecia: 92% do PIB, Portugal 300% e España: 357%- na que o peso da débeda do sector financeiro propio era moi alto –Grecia: 21% PIB, Portugal 145%, España: 152%,– e que, en conxunto era moi superior a pública, agás no caso grego –Grecia: 152%, Portugal: 86% e España: 53%-. Posteriormente os rescates bancarios e os plans de flexibilización cuantitativa fixeron que unha parte moi relevante da débeda privada dos bancos fora transferida as arcas públicas converténdose deste xeito en débeda pública e pasando a incrementar o volume da mesma.
Velaí as causas das elevadas débedas públicas dos estados europeos do sur    –Grecia, Portugal, España-. Unhas causas que, de ningures, son as de que os cidadáns destes estados, especialmente os de rendas medias e baixas, viviran por riba das súas posibilidades senón que derivan basicamente de catro feitos: 1. A súa condición de periferia no seo da Unión Europea, 2. A política monetaria fixada polo BCE, 3. A política comercial tamén fixada polo BCE e 4. A política fiscal destes estados. Feitos que teñen que veren tanto coa defectuosa creación da UEM –que se fixo por e para as finanzas e o capital comercial alemán- como co poder de influencia desas mesmas finanzas tanto en estes tres estados como na toma de decisións da troica (BCE, CE, FMI). Feitos que non fan mais que reflectir o marco actual da loita de clases a nivel europeo.


MANUEL BARBEITOS ALCÁNTARA

No hay comentarios: