lunes, 30 de marzo de 2015

GROMOS VERDES?

“O 2015 será o ano do despegue definitivo da economía española” (Mariano Rajoy, Presidente do goberno de España), “España entrou no 2015 a velocidade de cruceiro” (Luis de Guindos, Ministro de economía e competitividade do goberno de España). O Banco de España eleva a previsión de crecemento da economía española ata o 2,8% para 2015 e o 2,7% para o 2016. “Medramos (Galiza) o 0,4% no 2014 e a previsión agora para este ano (2015) e de 2%, moi superior á inicial” (A. Nuñez Feijoó, Presidente da Xunta de Galiza).

Cada vez son mais frecuentes as aparicións nos medios de comunicación e opinión de declaracións de diferentes actores da vida política e social galega i española asegurando que a crise queda atrás i que estamos entrando nunha fase de recuperación solida da economía: que aparecen gromos verdes solidos.
Que hai de certo en todo isto?. Que estamos atravesando un claro logo da grande tormenta recesiva pero que de ningures se trata dun horizonte despexado pois os nubarróns que provocaron a tormenta anterior seguen ahí. Explicome.
Hai nestas datas unha moi notable baixa do prezo de petróleo –o barril de petróleo chegou a estaren por baixo dos 50 dólares-. Na economía mundial actual calquera baixa no prezo dos combustibles fortalece a demanda agregada. Por qué?: por que supón que os axentes económicos poderán empregar ese diñeiro, que agora aforran, na economía propia –consumo, investimento, gasto público…- con efectos inmediatos sobre a demanda agregada e, xa que logo, no crecemento económico nuns estados europeos –entre elas España- que teñen unha demanda moi débil.
Ao mesmo tempo o euro baixa a súa cotización con relación ao dólar e as outras divisas relevantes –nestas datas esta por baixo dos 1.10 dólares e segue baixando-. Unha caída do euro supón un impulso as exportacións e, xa que logo, unha mellora do saldo neto exterior –aínda que ten o agravante de frear as importacións: son mais caras-. Unha mellora no saldo exterior que, tamén, repercute positivamente na demanda agregada favorecendo asemade o crecemento económico.
Como terceiro elemento positivo, pero menos, está a decisión do BCE de ofertar unha liquidez abondosa –segundo o seu presidente M. Draghi, o BCE investirá mais de 1 billón de euros en compras masivas de débeda pública- que temporalmente tirará da oferta e da demanda e contribuirá a mellorala situación económica. Nembargantes esta decisión ten tamén elementos moi negativos: con unha liquidez abondosa e uns tipos de xuro moi baixos o BCE está animando a grande banca europea a seguir especulando xa que esta sabe que en caso de teren problemas aquel acudirá de novo no seu auxilio, polo que esa liquidez dificilmente chegará as familias (para
animar o consumo) e as pemes (que son as grandes creadoras de emprego). Asemade unha liquidez abondosa e uns moi baixos tipos de xuro favorecerán a creación de novas burbullas que, con toda seguridade, axiña faranse visibles. E xa sabemos que pasa cando se crean burbullas: que logo explotan.
Un último elemento, tamén enganoso, que pode axudar a crear unha falsa imaxe de que a crise queda atrás é a creación de emprego. Unha falsa imaxe xa que os empregos que se están creando son en base a unha forte baixada dos salarios –a metade dos empregos creados no 2014 tiñan un salario inferior aos 900 euros mensuais- e un incremento notable da precariedade laboral –aceptanse empregos a tempo parcial non por que non se quieran empregos a tempo completo senón por que non existen-. Se a curto prazo esta dinámica laboral pode que provoque efectos positivos sobre a demanda, a medio e longo prazo e unha nova bomba de reloxería posto que se están ampliando uns xa enormes niveis de desigoaldade (España, xunto con Letonia, é o estado europeo con maiores niveis de desigoaldade).

Digo que é un efecto temporal por que os problemas de fondo das economías galega i española seguen aí: unh baixa crecente dos salarios reais e un elevado desemprego  que fan que se manteña débil a demanda agregada. Unha debilidade acentuada ademais por o elevadísimo nivel de endebedamento das familias –as hipotecas-, pola deflación, pola negativa dos bancos a conceder créditos as pemes (que, como dixen, son quen crean emprego) e polas políticas de axuste fiscal. Situacións todas elas que impiden un crecemento importante da demanda agregada elemento imprescindible, en España i en Galiza, para recuperar a senda do crecemento económico e a creación de emprego estable e sostido.

Manoel Barbeitos

No hay comentarios: