lunes, 2 de marzo de 2015

O PROBLEMA É ALEMAÑA



Manoel Barbeitos

Cando un lee ou escoita as declaracións e manifestacións dos executivos, dirixentes políticos, banqueiros, grandes empresarios e medios de comunicación e opinión europeos sobre Grecia, os seus actuais gobernantes (Syriza) e incluso sobre o propio pobo grego non pode por menos de solidarizarse con Syriza e con Grecia diante de ataques tan inxustos, desproporcionados e interesados.
Empecemos polas acusacións sobre o falseamento das contas polos gobernos gregos. Neste caso cabe subliñar que foron os gobernos anteriores a Syriza quen falsearon as contas e que ademais non foron os únicos que o fixeron para evitar “ser intervidos”. Vexamos por caso o comportamento do Deutsche Bank, principal banco alemán e quizás o banco mais grande do mundo si temos en conta os seus balances, que ten ademais unha influencia enorme no BCE (e por deriva na Troica e no propio goberno da Sra. Merkel). Repasemos a súa historia mais recente e inmediata que é a historia dunha parte moi relevante do capitalismo xermano e tamén da clase dirixente de Alemaña.
O comportamento deste banco alemán durante a crise é paradigmático da conduta que o goberno alemán critica dos gregos: a mentira, a ocultación do estado real dos seus balances. A súa participación no mercado de derivados dos Estados Unidos provocáralle (ano 2009) unhas perdas calculadas en 12.000 millóns de dólares. Unha perda que ocultou mentindo sobre os resultados e anunciando, pola contra, uns beneficios de 18.000 millóns de euros: esta operación –baseada en disimular perdas mediante amaños contables a espreita de que volvan os beneficios- tiña como obxectivo facer subilo prezo das súas accións e evitar así o “rescate”: operación que tivo un relativo éxito pois o valor das accións duplicáronse. Con estes enganos, e grazas a complicidade –“portas xiratorias”- que este Banco tiña, e ten, tanto co goberno alemán (compre subliñar que nesas datas xa era cancellera a Sra. Merkel), como ca troica e co propio goberno dos Estados Unidos, o Deutsche Bank conseguiu non seren intervido. Non esta de mais lembrar asemade as excelentes relacións que este banco mantivo no seu día co réxime nazi: unha auténtica conivencia (http: //wikipedia.org/wikiDeutsche_Bank).
Sobre a corrupción política estes políticos alemáns tampouco están para dar leccións. En concreto e facendo referencia o mais furibundo “inimigo” do actual goberno grego, o Ministro de Finanzas Alemán, herr Wolfgang Schüable convén saber que este político que fora elixido presidente federal da CDU en novembro de 1.998 –con A. Merkel de Secretaria- tivo que dimitir do seu cargo no ano 2000 por mor dun escándalo de financiamento ilegal do seu partido o CDU, o chamado caso “Spendenaffäre” considerado o escándalo de corrupción mais grave da historia de Alemaña. En comisión parlamentaria Schüable tivo que admitir que o seu partido (CDU) aceptara unha doazón feita polo traficante de armas Karlheinz Schreiber que en 1994 fora condenado por evasión de impostos. Os responsables da CDU remataron admitindo que había cantidades de diñeiro que non figuraban na contabilidade da CDU, feito tamén admitido posteriormente polo propio Helmunt Kohl (http://wikipedia.org/wikiWolfgang_Schauble).
Finalmente en canto ao pagamento das débedas non esta de mais volver a recordar que pasou coa enorme débeda Alemaña logo da II guerra mundial. Mediante o chamado Acordo de Londres de 1953 os (25) países aliados –entre os que estaba Grecia que fora masacrada polo réxime nazi- concederon a Alemaña Federal unha quita da súa débeda (maiormente privada) do 62%: o redor de 24.250 millóns de marcos daquela época. Alemaña rematou de pagala débeda restante cincuenta anos despois -exactamente o 3 de outubro do 2010- (http://wikipedia.org/AcuerdodeLondresde1953sobreladeudaalemana).
Puidera pareceren que desculpo os comportamento falsarios, corruptos,….. de ningures das maneiras. Simplemente digo que algúns, por caso os políticos, empresarios e financeiros alemáns, antes de esixirlle aos demais europeos que cumpran os “compromisos”, antes de seren tan duros e inflexibles con determinados países deben empezar por seren eles mesmos consecuentes co que reclaman aos demais. Do contrario os seus argumentos perden credibilidade quedando en evidencia que existen “outros intereses” menos obxectivos e lícitos.
Simplemente, e para finalizar, que un xa está farto das leccións de ética, seriedade, rigor e responsabilidade que por parte da “elite” Alemaña se nos queren dar ao resto dos europeos e moi especialmente aos “periféricos”. Leccións que agochan un real interese de clase: da clase capitalista Alemaña.


No hay comentarios: