lunes, 27 de abril de 2015

AS ELECCIONS MUNICIPAIS: UNHA NOVA OPORTUNIDADE PARA UNHA MAIOR DEMOCRACIA.

O meu moi querido amigo Xaquín Alvarez Corbacho (Catedrático de Facenda Pública na USC, agora xubilado) ven de publicar un libro (“Educación democrática ou barbarie”. Edicións LAIOVENTO) que considero debera seren de obrigada lectura tanto polos candidatos que se vaian presentar nas vindeiras eleccións municipais (24 de maio), como polos dirixentes políticos e mesmo  polos estudantes de Facultades como Políticas, Económicas, Dereito, Socioloxía, Filosofía….. sin esquecer aos propios membros dos medios de comunicación e opinión galegos –directores, xornalistas…- Unha recomendación que parte da consideración de que estamos diante dun manual que “educa en democracia”: algo que hoxe en día en Galiza, como en España, fai moita, moita falla.


Logo dunha análise minuciosa e detallada das balanzas fiscais dos concellos galegos durante o período  2004-2012, que lle permite atender un período que coñece en Galiza dous gobernos totalmente diferentes (PSOE-BNG e PP), Xaquín A. Corbacho apoiándose na súa gran formación fiscal e no coñecemento directo dos funcionamento dos concellos –fora alcalde de O Grove nas primeiras eleccións democráticas- é quen de nos informar que “a maioría dos concellos galegos non dispoñen por si mesmos dos recursos necesarios para atender os servizos e obrigas que por lei teñen encomendadas”.
Este déficit fiscal derívase tanto da propia composición dos instrumentos financeiros que constitúen as principais achegas dos concellos “impostos, transferencias, subvencións e débedas públicas” como do feito de que en Galiza os impostos non son o relevante que deberan seren xa que “sen ingresos tributarios relevantes o concello pasa a seren unha administración fallida”. Por outra parte un elevado peso das transferencias –incondicionadas- e das subvencións –finalistas- remata, como así demostran tódalas evidencias, xerando efectos perversos como, por exemplo, os que derivan do paternalismo ou do clientelismo políticos”.

Unha afirmación que X.A.C. apoia na evidencia empírica. Así i en canto a distribución dos recursos financeiros nos concellos galegos hai unha dobre realidade. Nas grandes cidades “os ingresos tributarios aproxímanse ao 60% dos ingresos totais, mentres as transferencias e subvencións representan o 30%”. En senso contrario, nos concellos pequenos, menores de 5.000 habitantes pero que supoñen o 64% do total –maioría nas provincias de Lugo e Ourense-, “as transferencias e subvencións móvense en torno ao 70% dos ingresos totais, mentres os ingresos por tributos propios representan de media o 26% do total”.  Unha situación contraria a que se da nos estados federais onde “as cifras de tributos propios oscilan entre o 50% e o 75% dos ingresos non financeiros do orzamento… e onde o segmento básico dos ingresos municipais son os tributos propios”. Incluso diferente as medias españolas xa que os concellos galegos “-datos do 2011- “manteñen o último lugar cando comparamos os ingresos tributarios totais, expresados en euros por habitante, coas cifras medias que teñen os concellos doutras comunidades autónomas”. Un feito que leva a que “os concellos galegos normalizados ou de doáda normalización son o 35% do total mentres os resto (65%) teñen dificultades crecentes ou problemáticas, a medio prazo, para acadar a súa converxencia e normalización tributaria”.

A importancia política desta realidade fiscal dos concellos galegos non se lle escapa a XAC nin a calquera que reflexione un pouco. Si na maioría daqueles (dous terzos) as transferencias –que son incondicionadas- e as subvencións –que son finalistas- constitúen o núcleo do protagonismo fiscal o risco de utilización partidaria das mesmas e moi alto. Un risco que as evidencias empíricas confirman. Así no estudio citado  autor comprobou que en relación as transferencias e subvencións deuse un reparto moi clarificador: “no ano 2004, cando en Galiza i en España gobernaba o PP, o reparto das subvencións amosa unha desigualdade evidente onde o nesgo partidario –neste caso favorable ao PP- descansa na tradición. No ano 2005, en que se celebran eleccións, en termos agregados as subvencións destinadas a municipios gobernados polo PP foron outra vez maiores que as recibidas polos concellos do PSOE, BNG e outros, cando as cifras exprésanse en millos de euros e tamén en euros per cápita. Pero ao comparar estas subvencións coa distribución igualitaria referencial os resultados repítense”. Unha distribución demostrativa do “fervor partidario”.

Pero, no exercicio 2006, cando gobernaron Galiza PSOE e BNG, deuse a volta a tortilla. “Os concellos do BNG e do PSOE son agora os mais beneficiados mentres os gobernados polo PP son os prexudicados, como tamén outros municipios”. No exercicio 2007 celébranse eleccións municipais e “cambia tamén o destino das subvencións. O primeiro cambio foi deter o seu crecemento agregado anual. O segundo cambio afecta ao BNG, que pasa a ocupar o primeiro lugar no reparto agregado e tamén nos distintos estratos de poboación”.

A evidencia empírica e a análise estatística da distribución por concellos das transferencias e as subvencións durante o período 2004-2012 reflicten, xa que logo, que amais de distribuirse dun xeito altamente desigual a nivel territorial tamén variaron segundo fora ou non ano electoral de xeito tal que “as relacións de clientela afloraron con xenerosidade en tempos de turbulencia electoral”. A nivel territorial a distribución foi totalmente partidista e por afinidade política –saíndo sempre beneficiados aqueles concellos que coincidían políticamente co goberno da Xunta de Galiza-. Para maior déficit democrático Xaquin A. Corbacho poido comprobar que o “Parlamento e o Goberno galegos non obrigan aos concellos beneficiados a que expliquen a oportunidade e rendibilidade social das subvencións otorgadas e financiadas en parte con tributación allea”.

En definitiva o traballo de XAC permite comprobar tanto como o actual sistema de financiamento dos concellos galegos non lle permite a maioría deles (case as dúas terceiras partes) atender os servizos e obrigas que por lei teñen encomendadas canto que dada a menor relevancia dos impostos son moi frecuentes i extendidas as prácticas de paternalismo e/ou  de clientelismo políticos. Situacións que xustifican que moitos concellos galegos se avalíen como administracións públicas fallidas.

Que moitos concellos galegos sexan administracións públicas fallidas non deixa de seren un grave déficit democrático para Galiza. As vindeiras eleccións municipais (24 de maio) ven poderían ser unha excelente oportunidade para que as forzas progresistas debateran sobre ese déficit e propuxeran solucións (algunhas atoparanas no libro citado e fan referencia a base económica dos concellos, a tutela urbanística, as novas plantas municipais, as Deputacións, a LRSAL 27/2013… ) que permitan aos novos concellos atender fiscalmente os servizos e obrigas que teñen encomendadas e que están moi relacionadas co chamado estado de benestar. Solucións, en definitiva, que permitan eliminar o paternalismo e o  clientelismo políticos tan arraigados en Galiza.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: