lunes, 11 de mayo de 2015

GROMOS VERDES E O CONTO DA LEITEIRA

Dende fai xa varias décadas –seguramente dende a época do dúo Reagan/Thatcher- estendeuse entre a clase política occidental –a ámbalas dúas veiras do Atlántico- a costume de aplicar unha estratexia mediatice que intenta, nunha fase recesiva da economía, convencer aos cidadáns de rendas medias e baixas –as clases populares- de que a situación económica xeral é mellor da que aqueles perciben. De que, estando en plena crise e fronte a tódalas evidencias, hai unhas “bases sólidas” para o crecemento económico e a creación de emprego polo que deben seren pacientes pois as cousas –a economía- van a mellor e axiña as clases populares notarán esa mellora.
Este discurso político –en moitos casos auténticas arengas- que agora utiliza o goberno español (PP) lembra en España outros habidos durante a derradeira fase expansiva da economía cando o goberno (PSOE), a banca e as empresas inmobiliarias “arengaban” a cidadanía para que consumira mais pois a economía ía a “velocidade de cruceiro”.
Os bancos, aproveitando que os seus clientes maioritariamente non leen a letra pequena dos contratos bancarios, ofertaron produtos financeiros varios (distintas tarxetas, créditos hipotecarios, preferentes,) que supostamente ían a dar importantes ganancias aos seus propietarios, sen apenas riscos e con compromisos facilmente asumibles: garantía total de éxito económico para quen adquirira calquera tipo de produto financeiro. Con esta estratexia conseguiron que o endebedamento privado das familias chegara en España a valores superlativos; unha lousa para moitos, moitos anos.
As empresas inmobiliarias estimuladas por unha lexislación favorable, unha liquidez abondosa e unhas administracións locais ansiosas, por distintas razóns, de encher de cemento e ladrillo o solo dos seus concellos, turraron dos cidadáns para que adquiriran unha (ou varias ) vivenda coa promesa fundada de que o seu prezo ascendente non tiña volta co que a ganancia era segura e o financiamento fácil.
O goberno do momento, cegado pola evidencia empírica do importante crecemento económico e a creación de emprego, lonxe de  deterse a avaliar con seriedade e rigor a auténtica solidez de tal crecemento, colaboraba cos bancos e as empresas inmobiliarias na extensión da “euforia”.
E os cidadáns deixáronse convencer. A xente non vía –ou non quería ver- que entre os bancos, as empresas inmobiliarias e os gobernos estaban inchando dúas burbullas –a inmobiliaria e a financeira- cuxo estoupido teríase que producir, mais cedo que tarde, con consecuencias que serían terribles para o sector mais débil: as clases de rendas medias e baixas.
O que pasou é de sobras coñecido polo que non vale a pena volver sobre elo. Si quero sinalar o irresponsable comportamento da clase política e gobernante quen non ten reparos en presentar unha realidade económica e social que non se axusta a realidade con tal de que os cidadáns se crean o mensaxe e “recuperen o optimismo”. Un optimismo que, segundo creen estes políticos, poden reverter a tendencia do consumo e o investimento privados favorecendo, así, o crecemento da demanda. Un fomento do optimismo que algúns economistas e políticos consideran positivo a pesar das numerosas evidencias en contra.
Como xa dixen é agora o goberno popular (PP) quen utiliza esta estratexia. O incualificable presidente (M. Rajoy) ven dende fai un ano repetindo aquel vello conto de que “non falemos de gromos verdes, senón de raíces vigorosas”. Un conto que repiten a coro tódolos membros do seu goberno aínda que o responsable de economía (L. De Guindos) virase obrigado a precisar que “saímos da recesión pero seguemos en crise” dado o rebumbio levantado por aquelas declaracións.
Unha vez mais os políticos confunden as crenzas coa realidade. Aínda hai políticos, i e economistas que pensan que difundindo repetidamente boas novas se infunde optimismo nos axentes económicos que entón si comezan a consumir, investir, gastar..... turrando así da economía. Esquecen que esta estratexia pode provocar os efectos contrarios: crear desilusión e decepción entre os cidadáns que pasarán a pensar que a crise e, polo contrario, fonda e longa e contraerán aínda mais o consumo e o investimento, en definitiva o gasto.
Pero que fundamentos hai para as reiteradas declaracións optimistas sobre a situación económica por parte do goberno español (PP)?. Podemos dicir que a recesión experimentou un freo grazas a que factores como a caída no prezo dos combustibles, a baixa na cotización do euro e a forte inxección de liquidez por parte do BCE provocaron unha mellora conxuntural da situación que ten o seu reflexo nun certo crecemento da economía e do emprego. Pero isto é algo conxuntural xa que os problemas que orixinaron a crise seguen aí: o emprego que se crea é moi precario e temporal, os salarios seguen caendo, a débeda privada mantense elevada e continúan os desafiuzamentos, o investimentos non remata de chegar como fora mester as pemes, a desigualdade consolídase, a banca segue con as súas prácticas especulativas.... o que subliña que hai motivos fundamentados para pensar que a situación para a maioría dos cidadáns –maiormente cidadáns de rendas medias e baixas- segue sendo moi dura e difícil.
Unha vez mais acudo en auxilio do meu admirado profesor J. Stiglitz. “Para a maioría dos cidadáns a recesión so terá pasado cando se teñan restaurado o pleno emprego e os soldos empecen de novo a medrar. O optimismo baseado simplemente no fin da caída libre e nun final técnico da recesión non será sostible, aínda cando se lle diga repetidamente a xente que as cousas van mellor. A disparidade entre as súas esperanzas e a realidade pode facer incluso que se depriman más. Estimular os espíritos animais non basta. Pode facer medrar temporalmente os prezos das accións. Incluso pode inducir temporalmente a un gasto maior. Pero non son os discursos os que nos van a sacar dunha recesión tan fonda como a Grande Recesión do 2008”.
O conto da leiteira como estratexia política sempre conduciu ao fracaso e a decepción política. Esta ben, incluso moi ben como conto pero non vale, é moi prexudicial como estratexia política.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: