viernes, 29 de mayo de 2015

OS BANCOS COMO PROBLEMA ECONÓMICO E SOCIAL


Fai xa algunhas semanas varios medios de comunicación recollían unha noticia financeira que a pesares da súa extremada relevancia e significado non recibiu a atención mediatice, coas oportunas explicacións, que debera: "as autoridades do Reino Unido e dos Estados Unidos impuxeron unha abondosa multa de 5.780 millóns de euros a seis grandes bancos -CITIGROUP, RBS, J.P.MORGAN, BARCLAYS, ROYAL BANK OF SCOTLAND e UBS- polas súas prácticas fraudulentas no mercado de divisas".

Antes de entrar na avaliación deste feito convén saber que todos, todos estes bancos estiveron intensamente involucrados na crise financeira do 2008 polas súas "malas prácticas": non parecera, xa que logo, que aprenderan ren da maior crise habida dende a II Guerra Mundial. Convén saber tamén que a maioría destes bancos percibiron cuantiosas fondos públicos para así poder facer fronte aos seus problemas de solvencia e liquidez derivados dos riscos asumidos e os elevados niveis de apalancamento. Finalmente compre saber ademais que no mercado de divisas, onde os principais axentes son os bancos, a maioría (95%) das transaccións son especulativas quedando unha moi pequena parte (5%) para o investimento e o comercio: unhas transaccións que superan o volume diario dos 5,5 billóns de dólares. Neste mercado os bancos especulan con determinadas moedas, a alza ou a baixa, co gallo de obter ganancias cos diferenciais dos tipos de cambio sen que lles importe as perdas, e os prexuízos, que provoca ao conxunto da sociedade esta inestabilidade monetaria. Neste caso tratase da manipulación conxunta -por parte dos bancos citados- dos tipos de cambio no que tamén veuse afectado o euro. Por si isto non fora suficientemente escandaloso compra subliñar que aparecen implicados importantes responsables das autoridades británicas de control.

Sen deixar de criticar, como é xusto, este novo comportamento indecente e criminal dunha parte da grande banca europea e estadounidense considero mais importante explicar como é posible que sucedan estas repetidas "prácticas bancarias" que agora, na mundialización neoliberal, tanto se repiten sen que se lle poña freo por parte das distintas autoridades europeas e estadounidenses.

Grazas a que o sector bancario estivera fortemente regulado durante varias décadas, e logo da terrible experiencia do crash de 1.929, non se produciron importantes crises bancarias e bursatis. Unha regulación moi estrita que limitaba o campo de acción dos bancos co diñeiro dos seus depositantes. Mediante a chamada Lei Glass Steagall Act os bancos de depósito -tamén chamados bancos comerciais- tiñan limitado o seu campo de acción á concesión de prestamos a particulares e a empresas pero tiñan prohibida a emisión de títulos, accións ou calquera outro instrumento financeiro. Actividade que quedaba reservada aos bancos de negocios -ou bancos de investimentos- que si podían captar os seus recursos nos mercados financeiros para así emitir títulos, accións e demais produtos financeiros. Non menos importante foi que durante eses anos xunto a banca privada houbera, en moitos países, unha importante banca pública.

Esta situación cambiaría a finais dos anos 70 e coa liberalización e o desregulamento habidos as crises bancarias e bursatis multiplicaríanse. No ano 1.971 o goberno Nixon "liberalizou" o mercado de cambio ao suprimir a convertibilidade do dólar en ouro e crear uns tipos de cambios flotantes, liberalización que se ampliou ao mercado de obrigacións e de accións. Esporeados por esta decisión a maioría dos países industrializados procederon a abolir tódolos controles administrativos sobre os tipos de xuro, de crédito e de movementos de capitais. Esta "liberalización" bancaria incrementou o volume -unha enorme masa- de capitais que empezou a circular libremente por todo o mundo sen control estatal algún.

Unhas décadas mais tarde -finais dos anos 80, primeiros dos 90: con Clinton na Casablanca- suprimiuse a separación creada pola Lei Glass Steagall entre bancos comerciais e bancos de investimento dando paso ao que se chamaría banco universal: una banco que tanto actúa como banco de depósito, que como banco de financiamentos e de investimentos, como  banco de negocios e incluso como compañía de seguros. Esta "desregulación" supuxo grandes cambios no sistema bancario: por unha parte favoreceu a aparición de grandes bancos universais -too big to fall- que nembargante "teñen o demo dentro": os riscos derivados das operacións financeiras afectan a todo o banco podendo, xa que logo, repercutir sobre a sección de depósitos e poñer en risco os aforros das familias, das pequenas e medianas empresas, o comercio polo miúdo, das administracións públicas que teñen depositados seus fondos nese banco. Un riscos, por outra parte, que estes grandes bancos asumen con alegría xa que por seren bancos de depósitos saben que en caso de teren dificultades -como sucedeu coa crise do 2008- os estados acudiran de inmediato ao seu rescate pois estes están obrigados pola garantía do Estado da que se benefician os depósitos dos aforradores -ata os 100.000 euros-. Os bancos, xa que logo, "xogan sobre seguro", poden especular con alegría sen medo as consecuencias. Vimos de coñecer, coa crise do 2008, unha confirmación desta realidade.

Uns grandes bancos que, podendo actuar con total liberdade e falta de control administrativo, nun mercado financeiro totalmente liberalizado e desregulado optaron maioritariamente polas operacións financeiras i especulativas (95%) reducindo ao mínimo (5%) as vellas operacións como banca de depósito: canto maior risco e maior complicación maiores ganancias. Operacións especulativas que abranguen tanto ao mercado de cambio como aos chamados produtos derivados, como as materias primas e os alimentos, as débedas soberanas... Todo está legalmente permitido neste "casino mundial" como corresponde a ideoloxía neoliberal que domina o mundo occidental.

Claro que, como operacións especulativas que son, poden teren gravísimas consecuencias para millóns de persoas. A especulación con os alimentos e as materias primas provocou nos anos 2007 e 2008 unha escalada dos prezos nos alimentos e no petróleo que, no primeiro caso, produzo que se incrementara en 150 millóns o número de persoas que no mundo pasan fame. A especulación no mercado cambiario en 2013 fixo que as moedas de moitos países emerxentes (India, Brasil, Arxentina, Turquía..) perderan preto do 20% do seu valor co correspondente impacto na súa balanza de pagos. A especulación coas débedas soberanas está a provocar enormes problemas financeiros aos países europeos periféricos que vense así sometidos ao chantaxe da troica (FMI, BCE, CE). A crise financeira do 2008 está relacionada coa especulación dos bancos coas hipotecas privadas –primeiro se titularizaron e logo as converteron en produtos especulativos-.

Por si isto non fora suficiente os grandes bancos, favorecidos pola desregulación bancaria, tamén se dedican a outras actividades non menos ilícitas cando non autenticamente criminais: ao branqueo de diñeiro procedente da droga –o caso do banco británico HSBC, que xa participara no comercio do opio, é paradigmático-, a evasión e o fraude fiscal –no que a banca suíza UBS é unha abandeirada-, a manipulación dos prezos da enerxía –na que se viu involucrado o Deustche Bank-….

Unhas operacións especulativas que os bancos realizan recorrendo ao  apalancamento -mais e maior endebedamento por parte dos bancos-, as operacións fora de balance –financiamento, e dicir débedas que non aparecen nos balances contables-, a “banca na sombra” –creación polos bancos de sociedades financeiras que actúan no seu nome- e aos “paraísos fiscais”. Todas elas operacións de moi alto risco i elevado fraude que precisan tanto do consentimento das autoridades políticas –nacionais e internacionais- como dunha constante e crecente rentabilidade dos operacións en curso. Algo explosivo pois tan axiña como esa rentabilidade se cae os bancos entran en gravísimos problemas de solvencia e liquidez, en creba. Claro que como se sabe cando iso pasa as autoridades políticas –gobernos e bancos centrais- acoden raudas no seu auxilio. Mentres os responsables e altos directivos deses bancos e, xa que logo, máximos responsables quedan, na maioría dos casos, impunes sendo protexidos polas autoridades políticas e xudiciais. Unha impunidade que anima a aqueles a continuar con as súas prácticas especulativas, a acometer mais e mais abusos e correr mais e mais riscos.

Mentres as autoridades políticas –como por caso a troica: FMI, BCE e CE- aparecen moito mais preocupadas e mais intransixentes co comportamento de gobernos–coma por caso o actual goberno grego- e partidos responsables –Syriza, Podemos…- que non queren respetar a súa lóxica neoliberal e atrévense a cuestionar o comportamento destes bancos.

“O casino segue aberto: fagan xogo señores banqueiros!”

 

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: