viernes, 19 de junio de 2015

A NOVA ORDE MUNDIAL: CAMBIOS NA ECONOMIA-MUNDO CAPITALISTA


Fai xa algunhas meses varios medios de comunicación recollían unha noticia financeira de transcendencia histórica que, sorpresivamente, non provocou a debate que se merece: a creación, por iniciativa china, do Banco Asiático de Investimento e Infraestructuras (AIIB). Un organismo financeiro co que China da un paso mais –e moi relevante- na su inequívoca intención de ocupar un lugar de hexemonía na actual economía-mundo capitalista. A aceptación que está tendo este banco da claras mostras da súa importancia: ao día de hoxe adheríronse tanto estados europeos  relevantes, practicamente todos os da eurozona –Alamana, Francia, Países Baixos, España-, amais de Gran Bretaña como membros do grupo dos chamados BRICS –Brasil, Rusia, India e Sudáfrica-, e outros estados tamén significativos –Australia, Corea do Sur, Israel-. Con un capital inicial de 100.000 millóns de dólares e o seu centro en Shanghai o AIIB ven, sen xénero de dúbidas, a cuestionar con firmeza a actual orde financeira internacional base da presente mundialización neoliberal.
Lembremos que a economía-mundo actual apóiase, dende a II Guerra Mundial, no liderado ata agora incontestable dos Estados Unidos. Un liderado maiormente baseado nunha hexemonía militar practicamente incontestable pero tamén nun grande poderío financeiro e nunha preferencia do dólar como divisa internacional. Un liderado que, a nivel financeiro, conta co soporte tanto do Fondo Monetario Internacional (FMI) como do Banco Mundial (BM).
Estados Unidos foi durante a segunda metade do século XX a potencia económica hexemónica, a que dominou o mundo impoñendo os seus intereses comerciais e as súas receitas económicas tanto ao través do FMI e o BM como da propia OMC (Organización Mundial de Comercio). Pero esta situación cambiou especialmente a partires da administración Reagan –anos oitenta-: fronte ao que se puidera pensar esta administración foi, en mais dun sentido, un auténtico desastre para os Estados Unidos. O enorme endebedamento –público e privado- en que esta administración meteu aos Estados Unidos    –familias, empresas, estado- ao tempo que o aparato produtivo debilitábase fronte a forte competencia exterior –China, Alamana- facilitou que a súa condición de potencia mundial hexemónica fora apoiándose cada vez mais no seu enorme poderío militar e na conservación do dólar como divisa internacional por excelencia e non na súa capacidade produtiva i económica.
E mentres isto sucedía o mundo observaba como emerxía cunha enorme forza produtiva e comercial unha nova potencia: China. Unha nova potencia que, hoxe por hoxe, é a primeira potencia económica mundial ao representar o 16,5% do PIB mundial e converterse, na práctica, na “fabrica do mundo”. Unha potencia que consciente do seu crecente poderío, e tamén farta do control absoluto que os Estados Unidos teñen sobre organismos financeiros como o FMI,  crea agora o AIIB (Banco Asiático de Investimento e Infraestruturas) que se converte así nun competidor directo do citado FMI (Fondo Monetario Internacional). Si agora lembramos que  China xa creara anos antes (exactamente no 1994) o Banco de Desenrolo de China e que os estados chamados BRICS (Brasil, Rusia, India, a propia China e Sudáfrica) crearon a ano pasado o NDB BRICS (Novo Banco de Desenrolo BRICS) e que ámbolos dous aparecen como fortes e directos competidores do BM (Banco Mundial) entenderemos que na actual fase de mundialización da economía-mundo capitalista en que a actividade financeira é a que domina a economía a batalla pola hexemonía está en pleno apoxeo e con tódalas perspectivas de que, cando menos no campo industrial e financeiro, os cambios de dirección son imparables. Uns cambios que cuestionan claramente a anterior hexemonía estadounidense, algo do que a propia administración Obama parece cada vez mais consciente.
Uns cambios que poden rematar afectando a propia divisa mundial -o dólar- e o seu papel nos intercambios internacionais. Por un lado está o asunto das enormes reservas en dólares que os chinos teñen no seu poder: case 4 billóns de dólares. Unha situación que fai que, hoxe por hoxe, a fortaleza do dólar estea un pouco nas mans dos chinos: é fácil pensar que lle pasaría a esta divisa se China –cousa que non vai faceren polo seu propio interese- pon no mercado todas a unha parte importante desas reservas. Polo outro están os propios intereses comerciais e monetarios de China: uns intereses que coinciden cos intereses dunha potencia hexemónica e que pasan por tratar de impoñer a súa propia divisa, neste caso o yuan. E totalmente lóxico que unha tal potencia financeira –con un volume de reservas tan enorme preparadas para seren investidas noutros estados- e comercial –con 3 billóns de euros que suman os seus intercambios comerciais China é, hoxe por hoxe, a primeira potencial comercial do mundo- queira impoñer a súa propia moeda. E así o está facendo China con un cada vez mais grande forte volume de investimentos, créditos, vendas e compras internacionais realizados en yuans e  en cada vez mais estados (África, Latinoamérica…).
Unha dinámica que parece, a primeira vista, imparable e que de seguir por este camiño converterá a China na primeira potencia mundial e nivel financeiro cando xa o é a nivel comercial e industrial.
Velaí as bases da economia-mundo capitalista de hoxe en día que poden, a pesares do inmenso poderío militar dos Estados Unidos, sinalar o comezo dunha nova orde mundial. Unha nova orde mundial na que Europa –e mais en concreto a Unión Europea- ocupa un lugar cada vez mais secundario, de cuase-periferia entre os dous colosos. Haberá, algún día, que darlle as grazas por elo a “troica” e a Alamana.
Queda por subliñar que cada vez que se produzo un cambio desta natureza na economía-mundo capitalista houbo por medio terribles guerras -a guerra dos 100 anos, as guerras napoleónicas e a I e II guerras mundiais-. Esperemos que esta vez non sexa así pero non debemos descartar esta opción mentres a primeira potencia militar a nivel mundial  sega pensando que é a forza quen domina o mundo e, mais en concreto, que é a forza militar quen debe dominar a política exterior.



Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: