viernes, 5 de junio de 2015

O FRACASO DOS MERCADOS PERFECTOS


 Pode resultar sorprendente que logo das experiencias habidas aínda haxa hoxe en día quen fale da superioridade económica dos mercados, especialmente dos mercados non regulados. Non debera sorprender  aínda que as evidencias demostren, un día si e outro tamén, o erróneo desta doutrina –a ideoloxía neoliberal- e que sexan frecuentes as crises favorecidas por esa suposta superioridade dos mercados quen faría innecesaria a intervención pública. Non debera sorprender, digo, que a dereita sega defendendo eses postulados ideolóxicos –auténticos dogmas- aínda que si sorprende que algúns sectores que se declaran de esquerdas compartan este fundamentalismo ideolóxico.

Bastaría con avaliar como tivo lugar a presente crise (2008) e como reaccionaron a maioría dos gobernos europeos fronte a ela para rebater contundentemente este dogma. Pero, sen menosprezar estas evidencias quizás sexa oportuno lembrar que está pasando, por exemplo, co mercado dos carburantes, da enerxía eléctrica, da telefonía e mesmo do transporte e as comunicacións en España. Funcionan moito mellor estes servizos logo de que foran privatizados e liberalizados?, son mercados autenticamente competitivos o que favorece aos consumidores e asegura unha maior calidade e eficiencia no subministro ao tempo que un mellor prezo ao consumidor?. Lembremos que estes foron os argumentos utilizados polos gobernantes de torno para xustificar a súa privatización, liberalización e desregulación.

Repasemos algúns dos casos mais sobresalientes e avaliemos os resultados para veren si a súa privatización e, xa que logo, a competencia mellorou a “eficiencia” do mercado como sosteñen os neoliberais partidarios de que os gobernos non interveñan na economía. Vexamos que nos din algunhas experiencias relevantes.

Empecemos polos transportes. Fai décadas España contaba no transporte aéreo coa empresa pública IBERIA –fora nacionalizada no ano 1944 estando integrada no INI- que si ben era unha empresa competitiva e rentable estivo  pesimamente xestionada. No ano 2001 foi privatizada case ao mesmo tempo que se procedeu o liberalización do transporte aéreo quen facilitou a aparición de novas empresas, a apertura de novas liñas e incluso que baixaran algunhas tarefas –low cost-. Co tempo, e froito desa pésima xestión, IBERIA empezou a ter problemas financeiros, sufrir grandes perdas para rematar fusionándose  coa  británica  BRITSH  AIRLINES –crearíase a sociedade  IAG: International Airlines Group- sen que desapareceran os problemas. O resultado final foi que BRITISH aumentou a súa cota de mercado en España un 23% mentres se reducía a de IBERIA nun 15%. Segundo fontes sindicais (SEPLA) esta dinámica favorable a BRITISH viuse confirmada pola case entrega dos voos de curto e media distancia (IBERIA EXPRESS) á aroliña británica (BRITISH). O tempo as outras compañías aéreas –xurdidas por mor da liberalización do sector- non paran de teren problemas polo que non parecera que a doutrina do libre mercado servira para mellorar o transporte aéreo en España como así poden certificar a maioría dos usuarios.

No ámbito das comunicacións, TELEFÓNICA empezou (1987) un proceso de liberalización e privatización que, segundo os seus promotores, debería servir para senta-las bases de futuro das telecomunicacións españolas quen, a súa vez, serían unha peza fundamental do desenrolo tecnolóxico e económico español. A realidade é que TELEFONICA, quen pasou a formar oligopolio con outras compañías (VODAFONE, FRANCE TELECOME entre outras) é obxecto de continuas reclamacións diante da CNC (Comisión Nacional da Competencia) quen xa lle abriu a todas estas compañías varios expedientes por “posible abuso de posición de dominio” e por teren “unha conduta consistente na aplicación de prezos excesivos” que supoñen ataques a libre competencia. Hoxe por hoxe os consumidores españois aboamos por estes servizos un 21% mais da media que se paga nos estados da Unión Europea pero temos peores servizos.

No sector eléctrico –cuxa liberalización tivo lugar entre os anos 1998 e 2009- a existencia de cinco grandes compañías privadas (ENDESA, EON ESPAÑA, GAS NATURAL, HIDROELECTRICA DO CANTABRICO, UNESA) non está a repercutir beneficiosamente nos consumidores. Estas compañías, crearon outra situación de oligopolio que, aproveitándose dunha total falta de competencia e de transparencia no mercado, lles permite pactar prezos entre si tales que provocan espectaculares incrementos dos mesmos –unha media de 250 euros mais por ano e por consumidor- utilizando argumentos (“déficit de tarifarao”) que nunca foron demostrados pero que son aceptados polos poderes públicos (“portas xiratorias”).

Sobre as vantaxes de libre concorrencia nos carburantes xa falei noutro texto anterior. A realidade foi que a privatización (REPSOL era unha empresa pública ata o ano 1997) e a liberalización do sector dou paso a creación dun oligopolio mais (REPSOL, CEPSA, BPS) que fai que cando “o petróleo se encarece o prezo dos carburantes suba coma un foguete pero que cando aquel abaratase ese prezo ou non baixa ou faino coma unha pluma”. España é hoxe un dos estados europeos cos prezos dos carburantes mais altos antes de impostos –so nos superan Italia e Dinamarca- por mor desa falta de competencia no sector.

Estas experiencias e as innumerables evidencias ensínannos que ese principio –da superioridade dos mercados desregulados: os “mercados perfectos”- raia na teoloxía e resulta mais un dogma que un argumento científico. Cando os mercados non están regulados as empresas mais fortes rematan dominando o sector i expulsando a competencia mais débil logrando quedarse co mercado ben nunha situación de monopolio ben de oligopolio que lles permite impoñer subas nos prezos e baixas nos salarios a pesares da perda de calidade nos servizos e produtos. Unhas evidencias que fan que os argumentos a prol da superioridade dos mercados deixaran definitivamente de seren cribles.

 

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: