viernes, 26 de junio de 2015

Os pobres e a política

Por moito que M. Rajoy e A. Núñez Feijoo quéirano negar resulta indiscutible que tanto as eleccións europeas últimas –maio 2014- como as recentes eleccións municipais e autonómicas –maio 2015-, con sucesivos débalos electorais do PP, puxeron moi nerviosos aos dirixentes populares que ven como o seu “reinado” toca ao seu fin e por vontade popular.
Un dos feitos mais indicativos é que agora, ámbolos dous mandatarios, e os seus respectivos gobernos, pareceran por fin lembrarse daqueles que mais están sufrindo as consecuencias do “austericidio” que están aplicando e a quen viñan ninguneando en todos estes anos de soberbia política. Agora pareceran aceptar, din estar sensibilizados, de que en Galicia i en España hai familias que o están pasando realmente mal, moi mal pois están “en risco de pobreza”.
Vexámolos datos mais fiables: segundo fontes oficiais (INE) as persoas en risco de exclusión chegan ao 29,2% en España e ao 23,8% en Galiza. Cifras que por si soas xa deberan sementala alarma dos gobernos respectivos que terían que estaren dedicando unha atención especial a esta tremendo problema. Unha alarma da que so parecen tomar nota logo das débalos electorais reflectidos pero dun xeito tan pouco crible que realmente dan a seguridade de que seguiran sen faceren ren importante. Este xuño, inmediatamente despois das eleccións municipais, A. Núñez Feijoo presentaba un “plan de loita contra a desigualdade social” pero sen a correspondente dotación económica.
Son moitas as razóns que explican esta falta de sensibilidade por parte do Partido Popular deica as familias que están “en risco de pobreza i exclusión”, que son pobres. A primeira é mais evidente: os pobres non son noticia na maioría dos mentireiros políticos e mediatices. Mentres a débeda ou o déficit público, os problemas financeiros, a inflación e, incluso, o desemprego e agora a corrupción, por razóns obvias, son noticia non se fala das familias pobres aínda que “se lles poida teren simpatía, incluso compasión”. Pero nin M. Rajoy nin A. Núñez Feijoo discuten da política, das medidas que sería necesario adoptar para rematar con esta lacra, para axudar a moitas familias a saír da pobreza na que caeron.
Outra das razóns mais evidentes e a de que semella que M. Rajoy e A. Núñez Feijoo nunca se viron persoalmente expostos a pobreza. O mesmo sucede coa maioría dos directivos e dirixentes do Partido Popular: a verdade é que igual pasa con cada vez mais dirixentes políticos galegos i españois entre os que son esmágante maioría os procedentes das clases de rendas medias e altas. Cada vez hai menos representantes políticos procedentes das clases traballadoras onde a pobreza golpea con mais forza.
Unha mais das razóns deste abandono das familias pobres por parte deses dirixentes e que non parecera que sexan quen de entender de que rematar coa pobreza esixe un grande esforzo público e, xa que logo, de fondos públicos. Que non é verdade que medrando o PIB acábese coa pobreza como mantén a ideoloxía neoliberal. Que no sistema capitalista –i España está sendo un exemplo paradigmático- pode medrar a economía e o mesmo tempo medrar as desigualdades e a pobreza. Pero si que é certo que naqueles estados onde mais desenvolvido está o estado de benestar, onde mais recursos públicos empregan as administracións públicas nas funcións de benestar, é onde hai menos familias pobres. Aínda así M. Rajoy e  A. Núñez Feijoo non parecen entender, por exemplo, que esnaquizando a sanidade e o ensino públicos están colaborando a que medre, e se enquiste, a pobreza.
Claro está que para aliviar algo a súa conciencia, e a moi baixo custo, sempre introducen nos seus orzamentos públicos –tanto no Goberno español como na Xunta de Galiza- algún programiña, algunhas actuacións que teñen como beneficiarias as familias pobres: “un xeito de aliviar a conciencia liberal i económica a baixo prezo” como diría o meu admirado profesor J. K. Galbraith. Pero son medidas de tan curto alcance e baixo orzamento que, de ningures, rematan co problema. Medidas que, ademais, son froito dunha concepción da pobreza, e das familias pobres, moi peculiar e propia das clases de rendas altas.
Estas clases pensan que dar diñeiro aos pobres é unha mala política, un erro estratéxico, un prexuízo moral e social. Estas clases pensan que as familias que son pobres sono maiormente por que os seus membros non queren traballar, non por que non haxa ou escasee o emprego. Velaí que, para esta clases de rendas altas, sexa prexudicial darlles diñeiro as familias pobres pois remataran preferindo recibir ese diñeiro público sen esforzo en vez de traballar o que vai en prexuízo do propio sistema económico ao crear familias dependentes.
Resulta curioso como estas clases avalían os perigos dunha conduta “ociosa” segundo cal sexa a orixe social de quen a práctica. Cando se trata dos pobres falan dun perigo moral e social pero cando son os ricos estes “son admirados, non condenados. Aprenderon a vivir a boa vida. Contribúen como patrocinadores a distinción artística ou literaria do país e ditan normas de estilo e de comportamento persoal louvadas e incluso celebradas pola súa novidade, variedade i extravagancia. Ninguén ou moi poucos critican o seu abandono.
A posición do pobre é moi diferente. Neste caso os ingresos inmerecidos considéranse prexudiciais tanto moral como socialmente especialmente pola inactividade a que poden dar lugar. Ditos ingresos e dita inactividade non se perdoan nin sequera cando é evidente que non se dispón de oportunidades de emprego alternativas. O que se gaba nos ricos condenase severamente nos pobres” (“Unha viaxe pola economía do noso tempo”. JOHN KENNETH GALBRAITH).
  


Manoel Barbeitos Alcántara.

No hay comentarios: