viernes, 12 de junio de 2015

VELLOS E CADUCOS DOGMAS






Javier Vega de Seoane, presidente do Circulo de Empresarios pide “a redución do salario mínimo interprofesional (SMI) para os mozos sen formación e, ademais, que parte do seu soldo sexa en especie”.

Helge Berger, xefe da misión do FMI para España, sinala que “a consolidación do crecemento” –en España- “e unha redución sostida dos niveis de endebedamento público e privado requirirán esforzos fiscais e reformas estruturais adicionais”.



Aínda que pareza incrible pero a pesares das evidencias, os avances científicos e as experiencias, os que hoxe en día gobernan en Europa –a troica (FMI,BCE,CE), o goberno alemán, o goberno español..-, así como as elites económicas e sociais –bancos, multinacionais- que os sustentan e os altofalantes que os serven, seguen defendendo en materia de economía vellos e caducos dogmas. Vellos e caducos dogmas que cando foron aplicados en outras épocas demostraron de xeito contundente que non serven para solucionar determinados problemas económicos senón que colaboran a súa agudización e prolongación como proba a crise actual e  experiencias históricas anteriores.

Nas declaracións recollidas ao principio deste texto atopamos un reflexo do subliñado: a repetición dos vellos dogmas económicos que fracasaron unha vez si e outra tamén pero que non por elo deixan de seren utilizados polos representantes do capital.

Así de novo os empresarios e a troica volven, por enésima vez, co dogma de que para crear emprego é preciso rebaixalos salarios reais dos traballadores –por suposto que non din ren das ganancias das rendas de capital- a pesares de que en todos estes anos –décadas xa- a participación das rendas do traballo na riqueza española non deixara de caer, de que o salario real medio en España así como o custo da man de obra –un 27% mas barata que a media da eurozona- estean moi por debaixo da media nos países da eurozona e de que teñamos un dos SMI mais baixos de Europa –so superior ao de Portugal e Grecia-. Nada, de nada lle valen a esas elites estas evidencias. A esas elites non se lles ocorre pensar que “poida que” os baixos salarios sexan unha das causas do elevado desemprego, pensar en que relación pode haberen en que aqueles estados europeos da eurozona (España, Portugal, Grecia..) con salarios reais mais baixos son tamén aqueles que teñen taxas de desemprego mais elevadas. Non se lles ocorre pensar que logo dunha crise tan fonda como a actual –co dobre estoupido das burbullas inmobiliaria e crediticia- o que cumpría –e segue cumprindo- é unha recuperación dos salarios reais –non baixalos aínda máis como pide Javier Vega- e un forte impulso fiscal público –todo o contrario dos esforzos fiscais de que falan os burócratas do FMI- pois do contrario o desemprego seguirá subindo –ou será emprego de mala calidade, precario- e a economía non se recuperará solidamente en liña cos crecementos tidos antes da crise.

Pero ollo, o estímulo fiscal debe estaren ben deseñado. Aínda que poida parecer estraño e esaxerado é moi probable que un maior gasto nas prestacións de desemprego –cubrindo a tódolos traballadores desempregados que non perciben prestación algunha- seguramente tería un efecto positivo sobre a economía superior o diñeiro gastado no rescate dos bancos –mais de 100.000 millóns de euros-. A explicación é sinxela: os traballadores desempregados que perciban eses ingresos gastarannos inmediatamente para cubrilas primeiras necesidades o que repercutirá directamente sobre o consumo e, xa que logo, a renda nacional, o emprego e a produción. O mesmo cabe dicir do incremento dos salarios e das prestacións e pensións mais baixas ou da implantación dunha renda básica para aquelas familias que non teñen ingresos ou non chegan ao SMI. Como nos mostran infinitas experiencias os incrementos na renda derivados deses estímulos son moi superiores o incremento do gasto que provocaron. 

Experiencias que tamén nos subliñan cales son os “efectos positivos” sobre a economía –as familias, as pemes, o comercio polo miúdo..- dos rescates bancarios tal como foron concibidos: nulo pero, a cambio, incrementan expoñencialmente a débeda pública. O mesmo cabe dicir sobre o impacto das rebaixas fiscais as rendas altas: nulo, xa que aquelas destinarán esas ganancias ao aforro ou a especular. Que a estas alturas aínda haxa que explicar estas ideas económicas básicas!!!!.

Volvendo a teima neoliberal de reducir máis e máis os salarios como condición imprescindible para entrar na senda dun crecemento económico sostido sería suficiente con subliñar como as evidencias estatísticas das derradeiras décadas desmenten estes dogmas. Os salarios reais non pararon de decrecer –dende mediados dos anos 90- sen que por elo se evitará a grande depresión do 2008, e seguen decrecendo –entre un 13 e un 17% segundo o xénero- sen que mellore a competitividade da economía i esta se recupere. A razón é tan simple e obvia que pode resultar incrible que non se entenda e/ou non se queira aplicar: a rebaixa ou a caída dos salarios –especialmente dos medios e baixos- non fai mais que agudizala crise xa que as familias reducen o gasto afectando negativamente ao consumo e, de resultas, a demanda agregada que ten no consumo –e este nos salarios- unha compoñente moi relevante. Algo que esta grande recesión puxo en evidencia unha vez máis: baixando os salarios as empresas baixan os custos pero funden a economía.

O argumento neoliberal sinala que os problemas que ten España –como Grecia, Portugal- derivan de que os traballadores teñen uns salarios demasiado elevados. Baixo este dogma o goberno español –portugués, grego..- ten que faceren que baixen os salarios pois elo melloraría a competitividade española e sairiamos da crise. Un argumento que, ademais de falaz como sinalei antes, non ten base científica algunha: os custos dunha empresa dependen tanto dos salarios como da produtividade polo que a redución daqueles depende tanto do nivel dos salarios como do da produtividade. Incrementando a produtividade redúcense os custos –pódese producir máis a un custo menor-. E os xeitos de incrementar a produtividade poden seren varios: con melloras na organización da empresa –xornadas, horarios, desprazamentos, participación dos traballadores- increméntase a produtividade. O mesmo si se producen melloras tecnolóxicas, na infraestrutura informática e na cualificación profesional dos traballadores.

Por que os empresarios e os gobernos neoliberais non falan destas melloras na produtividade?: por que supoñen tanto unha cesión de poder –en participación e capacidade de decisión- por parte dos empresarios a prol dos traballadores, como un maior gasto público por parte dos gobernos –en ensino, I+D+i, transporte público-. Algo ao que ámbolos dous non parecen dispostos.

Hai outro elemento relevante en relación con os custos e que afecta ás grandes empresas. Tódolos estudios serios apuntan a que hai unha coincidencia na maioría dos estados da eurozona que é o crecemento dos custos laborais unitarios quen, velaí a falsidade do dogma neoliberal, subiron por mor da alza nos prezos dos produtos e non dos salarios. Unha alza nos prezos que, ás grandes empresas lles permiten enormes ganancias. Unhas alzas nos prezos que se trasladan ós custos das pemes que son quen realmente crean emprego pero que non poden resistir eses custos –carburantes, electricidade, comunicación, servizos-. Algo do que xa temos falado noutros comentarios.

Nembargante, non debéramos esquecer que estes dogmas agochan un fortísimo interese de clase: das clases de rendas altas interesadas sempre na obtención das máximas ganancias a costa das clases de rendas medias e baixas.




Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: