viernes, 10 de julio de 2015

KEYNES, A TROICA, ALEMANA

Lendo unha excelente biografía de John Maynard Keynes (ROBERT SKIDELSKY “Keynes”. Edición RBA libros) ocorréseme pensar que diría Keynes (posiblemente o economista mais importante do século XX) do comportamento actual tanto da troica (FMI, BCE e CEE) como de Alamana e da maioría dos gobernos europeos de hoxe en día, moi especialmente da súa impresentable actitude para co goberno actual de Grecia (Syriza).
Coido que non resulta difícil o adiviñalo. Moi probablemente que Keynes mantería unha postura moi crítica como esta a pasaren con dous neokeynesianos de elevado rigor e grande prestixio: J.Stiglitz, P. Krugman.
Na biografía citada o autor relátanos cal foi a avaliación por parte de John Maynard Keynes da conferencia de paz de París (xaneiro de1919) –na que se trataron as sancións a impoñer a Alamana polos aliados como consecuencia da I Guerra Mundial- e da posterior sinatura do tratado de Versalles (xuño de 1919). Unha avaliación moi, moi crítica –“a paz é vergonzosa e non pode traernos mais que desgrazas”- como ven recollido no libro que escribiu posteriormente co gallo de ámbolos dous feitos históricos (J.M.KEYNES: “As consecuencias económicas da paz”). Neste traballo Keynes analiza o comportamento e o papel que tiveron cada un dos dirixentes participantes e as consecuencias das súas decisións que, segundo moitos autores entre eles o propio Keynes, facilitaron o ascenso de Hitler ao poder en Alamana o que a súa vez provocou a estalido da II guerra mundial.
Nesa conferencia os países participantes –maiormente Francia, Italia e Rusia- consideraban que Alamana debería pagala factura da guerra que provocara pola enorme destrución causada. Unha factura –mais de 40.000 millóns de marcos- que Alamana non podía pagar de ningures. Como lle sucede actualmente a Grecia        –gardando as enormes distancias: Grecia non provocou ningunha guerra- que non é quen de pagar a súa actual débeda pública que supera os 300.000 millóns de euros. Unha factura que o actual goberno alemán da señora Merkel insiste en que debe pagarse: “non haberá unha quita para a débeda grega” (Angela Merkel).  Alamana –dicían os vencedores- debe pagar, Grecia –di agora a troica turrada por Alamana- debe pagar. Que importaba a situación en que estaba/está cada quén e a súa real capacidade de pago: ”imos a espremer aos alemáns coma a un limón, ata que ruxan as sementes” (Eric Geddes, negociador británico)-
Naquelas J.M. Keynes era un funcionario do Ministerio de Facenda británico que formaba parte da delegación británica que estaba en París. Diante da postura dos seus superiores abandonaría a delegación e realizará un ataque furibundo contra as posturas intransixentes dos vencedores. O seu argumento era que o tratado de Versalles –quen recollía as posicións daqueles- so tiña como obxectivo arruinar aínda mais a Alamana, que así veríase incapaz de atendelos pagos, para logo reclamarlle os mesmos. Sona coñecida esta música, verdade?. Para J.M. Keynes aqueles lideres europeos eran simplemente “estúpidos” –sen comentarios sobre os da actualidade-. “O Tratado non inclúe ningunha disposición para a rehabilitación económica de Europa (….) Tampouco ofrece ningunha forma de pacto de solidariedade económica entre os propios aliados” (J.M.KEYNES). “Calquera reparación que se lle esixira a Alamana polo dano causado debería teren en conta a súa capacidade para pagar” (JMK) e como no tratado final iso non se tiña en conta “o acordo é un acordo sobre o papel que incluso si se acepta non se pode esperar que dure” (JMK).
As consecuencias do tratado para Alamana –que non tivera mas remedio que aceptalo- aínda que son de sobras coñecidas vale a pena recordalas, pois parecera que os actuais dirixentes europeos –moi especialmente os alemáns- ou as descoñecen ou as esqueceron. Alamana aínda que fixo esforzos para recadar os ingresos suficientes para pagalas débedas non foi quen de conseguilo e tivo que solicitar más préstamos que dispararon o déficit e a débeda públicos (segue soando a música?). Os prezos disparáronse e caeu o aforro co conseguinte deterioro do poder adquisitivo moi especialmente dos alemáns de rendas medias e baixas. A suba de prezos estimulou o fraude fiscal –valía a pena retardar o pago pois salia un gañando polo menor valor futuro do diñeiro- que repercutiu de novo sobre a balanza fiscal o que fixo necesario a solicitude de novos préstamos. A industria non se recuperaba o incrementouse o desemprego –Alamana tiña 8 millóns de desempregados cando Hitler chegou ao poder- e con el o gasto público polas prestacións por desemprego. Con unha inflación sen control os prezos non pararían de subir –dia a dia, hora a hora- e, como consecuencia, a cotización do marco empezou a caer. Todos: desempregados, obreiros con traballo, pequenos autónomos, comerciantes viron como a súa situación empeoraba día a día tal que “mulleres e nenos morrían de fame” (Lloyd George primeiro ministro británico).
A desesperada o goberno alemán emite unha nova moeda –o “rentenbank”- que “milagrosamente” conseguiría manter a estabilidade e, en consecuencia, parala escalada inflacionaria. Pero a débeda pública Alamana era descomunal para a época e imposible de pagar. Finalmente os países acredores aceptaron a realidade, a realidade dunha Alamana exhausta que non era quen de pagaren unhas débedas que ademais, a pesar dos esforzos fiscais e os terribles custos sociais, non paraban de medrar.
E como sucedera antes, sucedeu entón e sucederá mais tarde e sempre houbo que aceptar que como a débeda era impagable había que reestruturala e tamén reducila –proceder a “quitas”-. Previamente fóronlle facilitados a Alamana préstamos para pagala débeda, logo ofrecéronlle moratorias para finalmente, na “conferencia de Lausana, reducir as demandas das reparacións a un nominal cércano aos 3.000 millóns de marcos” (J.K. GALBRAITH: “Unha viaxe pola economía do noso tempo”. EDITORIAL Ariel). A pregunta é obvia: por que se tardou tanto en recoñecer que a débeda era impagable?, por que tal saña?.
Un esperaría que esta experiencia histórica sobre a inflación e a débeda pública na Alamana posterior a I Guerra Mundial servira de lección aos dirixentes e políticos europeos, especialmente aos alemáns. A actitude do actual goberno alemán liderado pola señora A. Merkel e o seu ministro de finanzas W. Schaübe así como a do BCE e a de moitos dos actuais dirixentes europeos para con o goberno grego actual e a enorme débeda pública de Grecia non parece indicar que aprenderan ren daquela terrible experiencia que rematou co ascenso de Hitler ao poder, o que sería o preludio da II Guerra Mundial. Non parecen entender, ou non importarlles, que entre as consecuencias da súa actitude intransixente e inxusta para con Grecia e Syriza poden estaren amais de derrubalos do poder –cousa que parecen estar buscando- o de estendela miseria entre o pobo grego e  facilitarlle o ascenso ao goberno nacional de partidos autoritarios como Amanecer Dorado cos que quizais, de xeito irresponsable, pensen que lles será mais fácil entenderse. Pero, e as consecuencias para o pobo grego?, as consecuencias para Europa?.
Keynes avisou dos perigos e as consecuencias e non lle fixeron caso –era partidario dunha cancelación das débedas de todos para con todos, aínda que recoñecía que isto non era factible, e sostiña que “os intentos de cobrar toda a débeda surxida durante a derradeira guerra –incluíndo as reparacións- envelenaría e quizais destruiría o sistema capitalista”-. P.Krugman, J.Stiglitz, J.Galbraith e moitos mais tamén avisan agora de que a intransixencia alamana para con Grecia y Syriza pode destruír a eurozona … tampouco lles farán caso?. Serán tan necios e tan insensibles?.

Manoel Barbeitos Alcántara


No hay comentarios: