lunes, 17 de agosto de 2015

EN MEMORIA DE XAIME QUINTANILLA MARTÍNEZ E OS SEUS COMPAÑEIROS

Hoxe cúmprense 79 anos do fusilamento de Xaime Quintanilla Martínez  xunto con outros catorce compañeiros, en Ferrol, o 17 de agosto de 1936.

Os historiadores Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez teñen publicada unha magnífica biografía deste médico e alcalde socialista ferrolán, na que describen o perfil dun home  xenial, polifacético e comprometido, que como político soubo combinar tres aspiracións que debían confluír nunha Galicia nova: o republicanismo como forma de goberno; o socialismo como sistema económico e social; e o galeguismo como base de identidade dun pobo que aspiraba a gobernarse a si mesmo.[1]

No libro-rexistro do cemiterio de Canido en Ferrol, figura a defunción e sepultura de Xaime Quintanilla Martínez, na data mencionada do 17 de agosto de 1936, a causa da defunción o fusilamento; a localización da sepultura, unha foxa común do cadro 2. Na actualidade, no cemiterio ferrolán de Catabois, no número 937, figura unha lápida co seguinte texto:

EN LA MEMORIA DE

Alfonso Abrodes Rey/ Manuel Besteiro Luaces / Cipriano Canosa Caruncho / Juan García Niebla / Ángel García Toribio / Ángel Monteagudo Carro / Avelino Parrrilla Ares / José Pérez Cisneros / Jaime Quintanilla Martínez / Alfonso Raja Coronado / Ramón Ríos Sordo / Juan Romalde Prieto / Manuel Serantes Canosa / Ramón Souto González / Jesús Tenreiro Prim.

17 de Agosto de 1936

Sirva esta breve nota de recordo e recoñecemento a todos eles e os que como eles foron vítimas do golpe militar primeiro e da posterior represión da ditadura franquista nos anos seguintes.

Sirva tamén para que os socialistas de hoxe non esquezan o legado dos que foron abrindo o camiño cara os horizontes dunha sociedade mellor e mais xusta para todos. Dos que creron e morreron polos seus ideais de igualdade, liberdade e solidariedade.

Xesús Mosquera Sueiro / 17 de Agosto de 2015.








[1] XAIME QUINTANILLA MARTÍNEZ. Vida e obra dun socialista e galeguista ao servizo da República.- Ana Romero Masiá e Carlos Pereira Martínez.- Editado pola Fundación Luís Tilve