sábado, 5 de septiembre de 2015

VELLOS E CADUCOS DOGMAS II

Fai xa algún tempo escribín sobre algúns dos vellos e caducos dogmas que, en materia de economía, a pesares das experiencias e as evidencias empíricas, aínda seguen a seren utilizados pola elite política e económica galega, española i europea. Dogmas que defenden que en tódolos mercados a demanda (consumo) sempre se axusta a oferta (produción) polo que compre so preocuparse desta derradeira para atopar o equilibrio (punto de encontro da oferta e a demanda).
Un dos dogmas agora recuperado –coñecido como a Lei de Say: “a oferta crea a súa propia demanda”- sinala que este principio de axuste sistemático da demanda á oferta é aplicable ao mercado de traballo o que significaba en termos sinxelos que, sempre que non haxan impedimentos exteriores, o mercado tende por se mesmo ao equilibrio -lugar de encontro da oferta e a demanda de traballo- que coincide co pleno emprego. Unha tendencia “natural” que deriva dos feitos seguintes: 1. Si a oferta é superior a demanda –hai un exceso de oferta: desemprego- os traballadores estarán dispostos a percibir un salario real mais baixo o que incitará aos empresarios a contratalos –sempre haberá traballadores dispostos a aceptar o salario que lle ofrezan os empresarios-, 2. Se polo contrario a demanda fora superior a oferta –hai en exceso de demanda: escasea o emprego- os empresarios baixarían os prezos o que atraería aos clientes –sempre haberá unha capacidade adquisitiva suficiente para atenderen os novos prezos-, incrementaranse as ventas e con elas a produción e o emprego.
Segundo os clásicos, defensores destes mercados perfectos, hai no mercado de traballo unha “tendencia natural, automática deica a plena ocupación, deica o axuste da oferta e a demanda”. Pero que pasa cando a pesares desa “tendencia natural” a demanda non se axusta a oferta de traballo e, xa que logo, estase nunha situación de desequilibrio, de desemprego?. Sempre que se produce esa situación é conxuntural pero de prolongarse, sempre segundo estes profetas, é debido a conduta dos traballadores que non queren traballar por que se negan a rebaixarse o salario (nominal e real) e a aceptar o salario de equilibrio. E si un traballador non quere traballar non hai xeito de obrigar a traballar a quen non quere facelo. Bastaría con que eses traballadores abandonaran a súa teima a unha redución dos seus salarios monetarios, admitiran unha baixa nos salarios reais, para que o mercado de traballo acadara o equilibrio o con el o pleno emprego.
Aínda que pareza incrible estas “homilías” de fai xa algúns séculos –Jean Batiste Say viviu entre os anos 1767 e 1837- volven a estar hoxe vixentes entre os defensores de neoliberalismo que son maioría entre as clases dirixentes europeas. Uns dirixentes que parecen ignorar que logo de J.B. Say apareceu  John Maynard Keynes que foi quen de desmontar a falacia de tal principio. J.M. Keynes demostrou a partires das evidencias empíricas que é a demanda, e non a oferta, a que determina o equilibrio do mercado de traballo e, ademais, que no punto de equilibrio da oferta e a demanda de traballo non hai pleno emprego. As evidencias para Keynes: a década dos anos 30 na que coincidiron unha depresión xeneralizada e un elevado e constante desemprego. Poderíamos, pola nosa parte, engadir agora unha nova evidencia: a década presente (dende o ano 2008) onde volve a darse a mesma coincidencia de depresión xeneralizada e elevado desemprego a pesares de estarse dando tamén unha caída dos salarios reais.
A explicación e moito mais sinxela do que se puidera pensar e apóiase nas evidencias empíricas. Unha explicación que como veremos demostra que a crenza no equilibrio automático dos mercados laborais, de que logo dunha depresión prodúcese “un retorno automático a utilización elevada e completa das fábricas e dos traballadores depende da fe, da esperanza e das promesas políticas, non da realidade económica” (J.K. Galbraith: “Unha viaxe pola economía do noso tempo”. Ariel Economía).
En primeiro lugar non é verdade que nunha situación de exceso de oferta os traballadores estean dispostos a aceptar calquera salario real e así o mercado acade o equilibrio e o pleno emprego. E non o é por que non queiran os traballadores, senón por que non poden, non teñen poder de influencia sobre o salario real medio: os traballadores –tanto individual como colectivamente- so poden aceptar baixar os salarios nominais pero non teñen capacidade de incidencia nos prezos e outras forzas económicas que son quen realmente determinan o nivel do seu salario real. Os traballadores non controlan o salario real pois non determinan os prezos. Que se deduce de todo isto?: que a primeira das premisas citadas anteriormente non se compre.
Pensemos no seguinte: se os traballadores, ante un exceso de oferta, aceptan baixar o salario nominal e esta baixa se acompaña dunha baixa nos prezos o salario real permanece estable o que, segundo os clásicos, frearía o incentivo dos empresarios a contratar mais traballadores. A relevancia deste postulado keynesiano é moi elevada: a ortodoxia sole culpar aos traballadores do desemprego por negarse a rebaixas nos salarios reais nos casos dunha depresión algo que, como acabamos de veren, resulta falso pois as baixas ou as alzas nos salarios reais non dependen deles senón de algo que eles non controlan: do nivel da demanda agregada cuxa insuficiencia –maiormente do volume da inversión- ven sendo a causa principal do desemprego e os baixos salarios. Algo que resulta evidente nas Galiza, España i Europa de hoxe en día.
En segundo lugar as evidencias empíricas tamén demostran que é falsa a segunda das premisas clásicas anteriores –cando escasea o emprego-. Os empresarios sempre se guían polo criterio da “ganancia máxima” i en base a ese criterio fixan o volume de produción e de emprego. Contratan, xa que logo, un número de traballadores e fixan uns salarios que garanten as máximas ganancias presentes e, sobre todo, futuras. Ó nivel de emprego de equilibrio chegase, xa que logo, cando os empresarios conseguen as máximas ganancias. Pero chegados a ese punto os empresarios non queren contratar mais traballadores –aínda cando haxa un exceso de demanda- pois suporía unha descenso nas súas ganancias xa que o novo nivel de emprego non se correspondería co das máximas ganancias. Nese caso, cun descenso das ganancias, os empresarios veranse estimulados a redución da produción e, xa que logo, o emprego. Os empresarios so estarían dispostos a incrementala produción, e con ela a ocupación, se hai maior demanda, unha demanda suficiente. Isto implica que é a demanda, novamente, e non os salarios dos traballadores quen determina o nivel máximo do emprego.
Esta foi unha das grandes apartacións de J.M. Keynes ao pensamento económico: é a demanda agregada –o consumo e a inversión maiormente- quen determina o nivel de emprego e os salarios. Un nivel de emprego que acada o seu equilibrio cando a demanda e a oferta agregadas coinciden e que, nunca, nunca no sistema capitalista, equivale a unha situación de pleno emprego. Non hai mercados perfectos.


 Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: