domingo, 13 de septiembre de 2015

VELLOS E CADUCOS DOGMAS III

Un dos dogmas neoliberais que foron profusamente utilizados tanto polas elites políticas i económicas españolas como polos seus altofalantes para explicar a crise actual foi aquel de que “vivíamos por riba das nosas posibilidades”. Xa se sabe, gastamos –especialmente as clases de rendas medias e baixas- moito e logo pasou o que pasou: en vez de aforrar endebedámonos, e con as débedas viu a crise actual
Este razoamento ademais de teren un claro plantexamento de clase –votarlle a culpa aos cidadáns de rendas medias e baixas e absolver aos de rendas altas- ten tamén un fundamento económico neoliberal que enlaza co plantexamento clásico habido no século XIX: o fundamentalismo dos mercados perfectos. Vexamos.
Segundo o plantexamento clásico o investimento depende do aforro. En consecuencia a intensificación do desexo de aforrar impulsa o incremento da inversión. A renda das familias distribúese entre o consumo e o aforro, segundo aumente ou diminúa un destes compoñentes o outro diminuirá ou aumentara. A maior consumo menor aforro e viceversa: canto mais gasten as familias menos aforran e canto menos gasto mais aforro. Canto mais aforren as familias mais capital hai no mercado o que favorecerá o abaratamento no prezo do mesmo grazas a unha maior oferta. Un abaratamento que se reflicte na baixa do tipo de xuro. Baixa que impulsa o investimento quen fai medrar a produción e con ela o emprego. Si aforro medra mais e mais o investimento medra tamén mais e mais e con el a produción e/ou riqueza nacional e o emprego. Ergo: hai que fomentar o aforro das familias xa que iso favorece a ocupación.
Velaí a esencia do pensamento neoliberal sobre a importancia económica do aforro das economías familiares. Un pensamento ortodoxo que parecera seren correcto, pero … moitas veces as cousas non son como parecen a primeira vista. Tamén en economía.
Os dous compoñentes da renda familiar –consumo e aforro- non teñen para as familias a mesma relevancia. Para estas o primeiro é o consumo –satisfacer as súas necesidades mais perentorias: alimentación, vestido, casa …- quedando o aforro condicionado a aquel: o aforro non deixa de seren deste xeito un elemento residual –non principal- da renda que depende da cantidade desta que se destine ao consumo: son si cantidades complementarias.
Son cantidades complementarias pero con efectos moi diferentes sobre o emprego. As evidencias empíricas demostran que, a diferenza do que defende o pensamento liberal, a propensión ao aforro –que trae aparellada un descenso no consumo- non repercute positivamente sobre o emprego senón todo o contrario. Cando medra o aforro, diminúe o gasto destinado ao consumo o que trae como consecuencia unha debilitación da demanda que provoca unha caída do emprego. Isto supón que a teoría ortodoxa que recomenda fomentalo aforro –austeridade- é nefasta para o emprego xa que debilita a demanda ao tempo que de ningures inflúe sobre o tipo de xuro nin provoca un crecemento do investimento como estamos vendo hoxe en día. A pesares da abondosa liquidez e os baixos tipos de xuro non medra o investimento por que as empresas non venden logo non invisten, e non venden por que as familias non consumen.
A diferenza do que sinala o pensamento clásico (e neoclásico) o incremento do aforro non inflúe sobre as taxas de xuro nin, xa que logo, ten que influír necesariamente sobre o investimento que non sempre medra ao medrar o aforro. Algo que si sucede ao medrar o consumo quen fai medralas ventas cales a súa vez fan medrar a demanda de capital –o investimento- que provoca un crecemento da produción e, xa que logo, do emprego. Se, pola contra, o consumo diminúe           –medrando o aforro- caerán as ventas e con elas a demanda de capital, o investimento, a produción e o emprego: “un aumento da propensión a aforrar non produce melloras no emprego senón todo o contrario” (J.M. KEYNES: “Teoría xeral da ocupación, o xuro e o diñeiro”)
Volvendo ao principio a crise española non se produzo por que –as clases populares- “vivíramos por riba das nosas posibilidades” –e, xa que logo, non aforráramos- nin moito menos. Nembargante o débil consumo que se viu acompañado por un elevadísimo endebedamento -derivados ámbolos dous duns salarios reais a baixa: o peso dos salarios na riqueza nacional no fixo mais que baixar en todos estes anos- si foi quen de provocar a debilidade da demanda o que ampliou e afondou a crise derivada do estoupido da burbulla inmobiliaria.
E nesas estamos: por moito que aforremos –os que poidan facelo- non sairemos realmente da crise mentres non se fortaleza a demanda que depende mais do consumo que do aforro.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: