viernes, 9 de octubre de 2015

CRECEMENTO ECONÒMICO OU DESENROLO


A crise financeira-inmobiliaria, o fin por estoupido do boom inmobiliario español puxo en evidencia, unha vez mais, o fracaso das teses desarrollistas. A idea de asociar “progreso” a “crecemento económico” leva, con demasiada frecuencia, a que gobernantes de moi distinto signo –lembremos as declaracións triunfalistas dos gobernantes españois e galegos: “España vai ben” (…..) “Estamos seguros de que imos superar a Alamana e a Italia en renda per capitá” (…) “Galicia medra a un ritmo superior a media española i europea” (…)  encol da marcha das economías española e galega durante o boom inmobiliario- semella que pechen os ollos diante do feito de que ese “crecemento económico” –baseado no desarrollismo- de ningures supón o progreso social e moito menos nas zonas periféricas caso de Galiza senón que, moi pola contra, conduce finalmente a unha crise marcada tanto polo deterioro das condicións de vida nesas comunidades, moi especialmente das súas xentes de rendas medias e baixas, como polo grave deterioro ecolóxico.
Unha evidencia dese deterioro social témola nas consecuencias que para moitas familias galegas i españolas tivo, e segue tendo, o elevado endebedamento en que caeron por mor de apuntarse a un “crecemento económico” que de ningures significaba progreso senón que levaba nas súas entrañas a burbulla que o faría estoupar. Un endebedamento que sitúa a esas familias, que creron no desarrollismo, ao borde da exclusión social por moitos anos.
Outra evidencia témola a nivel ecolóxico e medio ambiental: a burbulla inmobiliaria, xunto as moitas grandes infraestruturas construídas –autopistas, AVEs..- e as actividades industriais a elas asociadas –moi especialmente as industrias extractivas da lousa, o granito, a minería … - deixaron unhas paisaxes en España i en Galiza –como por caso As Mariñas coruñesas, A Costa lucense, O Macizo central ourensá, A Serra de Queixa, Pontevedra-Vilaboa, Valdeorras, Val do Louro, O Caurel, Terra Chá, Sarria, por citar algúns dos casos mais paradigmáticos que non únicos- marcadas por un enorme impacto destrutivo na natureza tal que tardaranse xeracións –si é que algunha vez se consegue- en restaurar o equilibrio e a diversidade destruídos.  Un impacto que os diferentes gobernantes españois e galegos semella non chegaron a veren. Estes non tiveron en conta os efectos regresivos de tal crecemento económico nin tampouco a necesidade, si falamos de auténtico desenrolo, de conservalos recursos naturais e a diversidade.
Esta aceptación como instrumento de progreso e benestar do que resulta seren simple desarrollismo ven a seren unha vitoria mais da ideoloxía neoliberal sobre o pensamento progresista. A identificación do incremento da produción         –PIB- co progreso e a modernidade tanto social como individual non deixa de seren –como ensinan múltiples evidencias- mais que planteamentos obsoletos que, mais cedo que tarde, levan a “unha miserabilización sen precedentes” (Ivan Ilich).
Planteamentos obsoletos que derivan de que “todos nos estamos tan influenciados pola ideoloxía xustificadora do progreso que configurou este sistema histórico que resúltanos difícil admitir incluso os grandes inconvenientes históricos deste sistema (….) Lonxe de seren un sistema <<natural>>, como algúns apoloxistas tratan de manteren o capitalismo histórico é un sistema absurdo (…) que busca acumular capital co gallo de acumular mais capital” (I. Wallerstein: “El capitalismo histórico” SIGLO XXI). Un pensamento absurdo que non é so monopolio das dereitas.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: