sábado, 31 de octubre de 2015

ESTASE INCUBANDO UNHA NOVA BURBULLA


Teño sinalado repetidamente que en España un dos maiores problemas económicos, pero con repercusións políticas e sociais, é o enorme poder de influencia da oligarquía financeira e inmobiliaria. Un poder que condiciona totalmente as políticas económicas tanto do goberno español como de autonomías tal que a galega.
Unha oligarquía que, en sintonía coa grande banca de ámbolos dous lados do Atlántico, ten preferencia polas burbullas, e non de xabón precisamente. Burbullas que cando estoupan, algo que resulta inevitable polo seu carácter de burbulla         –prezo superior a valor: ou en termos marxistas valor de cambio moi superior a valor de uso-, provocan crises de tal magnitude como a que vimos de atravesar e na que seguimos cos efectos, sobre o crecemento económico, o emprego, o benestar social e o medio ambiente, de todos coñecidos.
Tamén sinalei –“O risco de novas burbullas”, 1 de outubro de 2015- que os poderes políticos estaban creando as condicións para que se incubara unha nova burbulla. A política monetarista do BCE, primeiro coa súa obsesión pola inflación e logo con o cambio de postura en canto a oferta monetaria facilitando agora unha abondosa e moi barata liquidez, estaba –e está- creando as condicións idóneas para que se incube unha nova burbulla que en España será de novo inmobiliaria polas razóns políticas anteriormente citadas. Unha tolería.
As razóns que me levan a cualificar de tolería a nova estratexia da  oligarquía española é moi simple: no mercado español de vivenda hai na actualidade e no lado da oferta 535.000 vivendas novas aínda sen vender, 33.500 en Galiza,           –decembro 2014, Ministerio de Fomento- as que hai que engadir sobre 1.115.000 de vivendas de segunda man –non teño datos de Galiza- que están a venta. En definitiva un total de 1.650.000 vivendas están, hoxe en día, no mercado español: para darse de conta da relevancia do dato lémbrese que España conta con 47,13 millóns de habitantes e 18,2 millóns de familias. Se comparamos o número vivendas no mercado co número de familias a relación é de 1 casa en venta por cada 16 familias: non sei se haberá algún outro estado europeo que poda presentar este nivel de oferta.
Por outra parte, no lado da demanda, debemos saber que o número actual de vivendas vendidas anualmente apenas supera as 320.000 vivendas -12.000 en Galiza- o que da idea dunha débil demanda. Unha débil demanda que, en contra do que pensa a oligarquía financeira e inmobiliaria española, non é por un problema de crédito ou de liquidez senón da abundancia de vivendas. Unha demanda que de manter ese ritmo tardaría 5 anos en cubrir toda a oferta actual de vivenda e sempre e cando non se construíran novas vivendas.
Pois ben, a pesares desta realidade e da realidade dun mercado laboral que ben está expulsando mozos/as ao estranxeiro ben os mantén en precario, da realidade dunha débeda privada superlativa, da realidade dos desafiuzamentos estanse escoitando de novo ecos emitidos por esa oligarquía, acompañados de tambores dos seus altofalantes, de que se debe recuperar o motor inmobiliario. O argumento utilizado é o de que aínda hai zonas –pobos- en España nos que a oferta non cobre a demanda de vivenda. De tolos!.
Algún goberno galego e español, nalgún momento, atreverase a meterlle man a esta tolemia? ou seguiremos de burbulla en burbulla, cos respectivos estoupidos, ata que para atopar solares para construír vivendas haxa que viaxar a lúa?.



Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: