viernes, 23 de octubre de 2015

OS GALEGOS PELEXADOS COA BIOSFERA


Cando un vota unha ollada ao conxunto do territorio galego, de Ribadeo a Tui –pola costa e polo interior-, non pode por menos de pensar que, dalgún xeito, “os galegos estamos pelexados coa biosfera”. O territorio galego ten sinalado nas súas entrañas e na súa contorna, quizás moito mais que a maioría das comunidades españolas, as sinais dun modelo de crecemento económico que considera que os recursos naturais de Galiza son inesgotables amais de facilmente renovables.
Enfeito parecera que os axentes políticos, sociais i económicos galegos apostaran, na súa maioría, por un crecemento económico baseado na explotación intensiva dos recursos naturais, unha explotación que vai deixando en todas partes a súa marca indeleble. Os sistemas agrario, pesqueiro e  industrial, a actividade da construción, o propio turismo apóianse nunha explotación intensiva da biosfera, da terra, o mar, o aire, os recursos vexetais e minerais, as especies animais a un ritmo moi superior a súa propia capacidade de reposición.
E por si esta explotación de recursos no fora suficiente ataque a biosfera,  a burbulla inmobiliaria con unha intensa i extensa creación de asentamentos urbanos –maiormente, aínda que non exclusivamente, na costa- e a febre de novas e grandes infraestruturas con un feixe inacabado de autopistas, autovías, novas liñas de ferrocarril para grande velocidade –cos conseguintes acuedutos, pontes, túneles..- que amais de ocupar terreos de grande rendemento biolóxico, supoñen tanto a redución da superficie galega destinada a usos agrarios, a espazos naturais e a bosque como a perda de cortiza vexetal e de fauna animal e o desvío anárquico, cando non a seca, de canles naturais de auga tales que estase provocando un cambio radical nos ecosistemas e na paisaxe de Galiza. Un cambio ao que contribúe o intenso proceso de despoboamento que está sufrindo o rural galego con o conseguinte deterioro do patrimonio e os activos agrarios e forestais. Un cambio tal que poida que este chegando a seren irreversible. Un cambio cuxos custos económicos, ecolóxicos e sociais poden chegar a seren imposibles de asumir.
Un cambio que ten un motor e unha guía económicos. Un motor que é a avaricia infinita dos posuidores do capital –bancos e construtoras maiormente-. Unha guía que é a máxima ganancia e o mínimo custo. Un cambio que ten unha cobertura e unha lexitimacións políticas: a cobertura dunha clase política gobernante –a nivel estatal, autonómico e local- maiormente corrupta, incompetente e raposeira que favorece, encobre e aguilla este tipo de crecemento económico: os incontables casos de corrupción entre a clase política avala esta derradeira afirmación. Corrupción que confirma o maridaxe que en España existe entre a oligarquía financeira-inmobiliaria e a clase política.
Un cambio que parecera subliñar algo así como si os galegos estivéramos pelexados coa biosfera.



Manoel Barbeitos Alcántara

.

No hay comentarios: