viernes, 6 de noviembre de 2015

A IDEOLOXÍA ECONÓMICA DOMINANTE


Nalgúns textos anteriores tentei de chamar a atención sobre as mentiras do pensamento económico dominante. De xeito e modo cómo as variables e os indicadores que se utilizaban para xustificar un suposto crecemento económico non servían pois non permiten entender a realidade tal cal é.
En Galiza i en España vímolo tanto na derradeira fase expansiva (1995-2008) como estámolo vendo agora cando os gobernos galego i español –ambos en mans do PP- intentan convencernos de que estamos saíndo da grande depresión i entramos nunha fase de grande crecemento. No caso español o argumento utilizado polas elites é que, supostamente, o PIB español vai medrar neste ano por riba da maioría dos PIB europeos. Sempre é a mesma historia, a mesma mediocridade informativa, a mesma pobreza científica e ideolóxica. 
Para rematar esta serie de textos sobre crecemento económico e desenrolo quero volver a subliñar as mentiras e falsidades destes argumentos económicos supostamente rigorosos.
En primeiro lugar compre subliñar que se fala de crecemento económico exclusivamente en térmenos monetarios pois considerase que a riqueza mídese polo valor monetario deixando a unha veira valores  tan relevantes como os físicos e os sociais que son tan decisivos e definitorios –remítome de novo a experiencia española e galega última- como aqueles outros. Volven a utilizarse, por parte das elites políticas e económicas e os seus altofalantes indicadores que so falan da produción (PIB) esquecendo, voluntariamente, aspectos tan relevantes como a distribución, o impacto ambiental, a estrutura produtiva, o sistema industrial e en definitiva como ese suposto incremento da produción afecta –suponse que beneficiosamente- aos habitantes, o territorio, o tecido empresarial etc, etc. Esta interpretación da realidade –pura ideoloxía- fai que, como está sucedendo en Galiza i en España, o tempo que se vende un suposto crecemento económico esquézase a enorme desigualdade social e territorial que se está creando con as políticas que favorecen ese crecemento. E posible, aínda que dubidoso, que España e Galiza teñan este ano un crecemento do PIB destacable pero será seguro que en ámbolos dous territorios acadaranse uns niveis de desigualdade sen precedentes, entre os mais elevados da Unión Europea.
Ademais, e isto é algo moi estendido en Galiza polas características da súa industrialización, as avaliacións dos resultados fanse sempre, como dicía antes, tendo en conta exclusivamente os resultados monetarios sen considerar os custos de reposición especialmente os referidos aos recursos naturais: todo é ganancia!. Non por casualidade as industrias extractivas teñen en Galiza, i en España, maior implantación que as renovables: dan maiores ganancias ao non contabilizar aqueles custos.
Finalmente subliñar que estes criterios económicos coadxuvan a acentuar os desequilibrios territoriais, con territorios que se especializan na extracción fronte a outros que o fan na transformación, comercialización e distribución que xeran moito mais valor engadido e, xa que logo, riqueza sen que teñan que sufrir o deterioro ambiental dos primeiros.

Manoel Barbeitos Alcántara


No hay comentarios: