viernes, 13 de noviembre de 2015

INFLACION VERSUS CRECEMENTO ECONÓMICO


Fai xa algúns días –o 1 de novembro- o meu querido amigo Xosé Carlos Arias –catedrático de Política Económica da Universidade de Vigo- escribía en LA VOZ DE GALICIA, “a política monetaria non vai dar xa para moito mais, polo que, si se quere afastar as perspectivas da temida deflación e dunha xaponesización da economía europea haberá que pensar en serio en vías de intervención que inciden mais directamente sobre a economía real. E iso chámase política fiscal activa e reformas que favorezan as ganancias en produtividade”.
I é que nesta crise que nos esnaquiza estamos asistindo, como vimos repetindo reiteradamente neste espazo, as múltiples manifestacións dos paradoxos e contradicións que agocha o pensamento neoliberal que domina a maioría dos gobernos e instancias europeas. Unha de tantas é a que afecta a “temida” inflación. Como é ben sabido para os monetaristas –banqueiros e bancos centrais, gobernantes neoliberais, instancias europeas ….- o peor mal é  a inflación que “debe seren combatido sen piedade” pois, segundo eles, unha inflación alta –para estes profetas do mal toda aquela que estea por riba do 1/2%- e moi mala para a economía.
Non vou agora a entrar en debater este argumento “filosófico” –pois diso trátase, de filosofía- que aos únicos que beneficia e aos banqueiros –con taxas de inflación baixas maiores ganancias polo diferencial do tipo de xuro e maiores posibilidades para a especulación-. Nembargante si vale a pena subliñar que levamos xa longo tempo nunha deflación –inflación negativa- sen que se vexan as vantaxes da mesma pois continuamos –a pesares do pequeno respiro actual- engaiolados nunha longa recesión económica. E os banqueiros, políticos e altofalantes que tan prestos están para denunciar e/ou criticar calquera desvío inflacionista permanecen agora calados diante dunha situación deflacionaria. Algo que pon en evidencia os seus reais intereses pero que, como di o meu amigo X. C. Arias. non favorece o crecemento económico e a creación de emprego senón todo o contrario polo que os gobernos deben actuar con outras palancas ademais da política monetaria.
A economía española presentaba no mes de outubro deste ano una taxa interanual de inflación do -0,7%, e pechara o ano 2014 cunha inflación negativa     (-1%) algo que facía moitas décadas que non sucedía. Se nos atemos ao pensamento neoliberal parecera que estamos diante dun dato económico positivo pero …. todo o contrario é un moi mal dato que as elites queren ocultar e/ou ignorar pois reflicte unha situación de recesión económica. Vexamos por qué.
En primeiro lugar hai que sinalar que as taxas de inflación negativas –de deflación- prolongadas van sempre unidas a situacións de depresión económica. Algo que se pode comprobar se acudimos a historia: finais do século XIX, anos 30 do século XX.
En segundo lugar a inflación sole estar ligada á variacións da demanda agregada –en realidade á relación entre a demanda e a oferta agregadas-. Nesta fase tanto o consumo das familias, como o investimento privado e o gasto público   –tres compoñentes da demanda- están moi por baixo da capacidade produtiva real das economías galegas e española o que fai que os prezos turren a baixa. En termos macroeconómicos a demanda agregada non medra ao nivel da oferta facendo baixalos prezos para que ambas se equilibren.
Finalmente a actual situación de deflación deriva en parte da situación do emprego e os salarios. Como demostran as evidencias galega i española o elevado desemprego turra dos salarios a baixa: os traballadores teñen menos forza para presionar  e conseguir subas salariais e os empresarios teñen mais capacidade para seren aínda mais duros e oporse as demandas salariais. Como os prezos están relacionados cos custos laborais medios, unha baixa nos salarios repercute nos custos laborais i estes nos prezos. Velaí unha das causas da deflación en Galiza i en España: o elevado desemprego. A ecuación é sinxela: elevado desemprego-caída dos salarios nominais-caída da demanda agregada-baixa nos prezos-deflación.

Manoel Barbeitos Alcántara.

No hay comentarios: