viernes, 4 de diciembre de 2015

O MODÉLICO CAPITALISMO ALEMAN (I)

A pesares das complicidades políticas e mediáticas cada vez aparecen mais evidencias sobre a auténtica faciana do capitalismo alemán. Unha faciana que nada ten que veren coa propaganda que tanto dende diferentes instancias alamanas –goberno, entidades financeiras e empresariais, medios altofalantes, - como europeas –Comisión Europea, Eurogrupo, BCE…- faise sobre unhas excelencias e virtudes (o “ordoliberalismo”) tales que deberan seren copiadas polo resto de estados da Unión Europea. Unhas evidencias que atinxen tanto a clase política e gobernante alamana como a buques insignia do seu sistema bancario e mesmo da súa industria. Vexamos algunhas.

Empecemos pola presuntamente honesta e correcta clase política alamana. Pero antes de nada digamos que, segundo Transparencia Internacional, Alamana ocupa o honroso posto 14 no ranking da corrupción a nivel mundial –nun listado no que os estados europeos nórdicos de Dinamarca, Finlandia, Suecia e Noruega copan os primeiros lugares mentres España está no lugar 37-. Nembargante esta excelente clasificación a clase política alamana aparece, dende fai décadas, envolta en frecuentes practicas de corrupción, con casos moi soados.

No ano 1981 estoupou o caso Flick chamado así porque o empresario multimillonario Karl Friedrich Flick –con antecedentes nazis e inculpado no proceso de Nuremberg-, logrou corromper aos catro grandes partidos alemáns –CDU, SPD, CSU e FDP- conseguindo beneficios fiscais na venta dun paquetes de accións de Daimler Benz avaliado en 2.000 millóns de marcos.

No ano 1991 xurdiu o caso Schreiber no que o actual Ministro de finanzas W.Schauble apareceu vinculado a un caso clarísimo de corrupción: sendo tesoureiro da CDU este partido recibiría un donativo de parte do traficante de armas Karl Schreiber que no seu día fora condenado por evasión de impostos. O mais grave do asunto –considerado o maior escándalo por fraude da recente historia de Alamana- é que o citado K. Schreiber declararía diante un tribunal de Augsburgo que a CSU (a versión da CDU en Baviera) tiña unha caixa negra en Suíza na que aquel depositou 1,4 millóns de marcos como pago inicial por terlle favorecido o goberno alemán de H. Kohl (CDU) a venta de armas a Arabia Saudí –o valor final da comisión ascendería a 200 millóns de marcos-. Lembremos que tanto o señor W. Schauble, como a súa xefa A. Merkel, aparecen hoxe en día na Unión Europea como abandeirados dunha austeridade fiscal que está estragando as economías e as sociedades en moitos estados europeos: como no seu día dixo o corresponsal dun famoso periódico alemán (De Telegraaf) “como se poden confiar as finanzas públicas alamanas” –e tamén as europeas- “a alguén que admite recibir donativos irregulares?”. Mais tarde quedaría sobradamente demostrado que W. Schauble fora unha figura clave en toda a operación Schreiber.

No ano 2009 estoupou asunto Movenpick no que sería o partido liberal (FDP) socio no goberno da señora Merkel (CDU) o que aparecería salpicado por un caso de corrupción ao comprobarse que aceptara un donativo de 1,1 millón de euros dos propietarios da cadea hoteleira Mövenpick a cambio de baixarlles o IVA do 19% ao 7% a estes hoteis.

 No ano 2012, e cando apenas levaba 1 ano no cargo o Presidente alemán, Chistian Wulff –membro do partido liberal- veríase obrigado a dimitir por un escándalo de tráfico de influencias.

Finalmente sinalar que son noticia frecuente en medios alemáns as excelentes relacións que ten o goberno da señora A. Merkel e o señor Schauble co lobby nuclear, as industrias farmacéuticas e outras industrias punteiras –como a Wolksvagen, Siemens…- e con axentes financeiros como por caso o Bundesbank. Relación con sociedades envoltas en clarísimos casos de corrupción pero sobre os que escribirei en vindeiras colaboracións nas que quero subliñar como en Alamana tamén “cocen fabas”. As fabas dun capitalismo salvaxe, corrupto e, de ningures, modélico: ata onde eu sei Alamana aínda non ten ratificado a convención da ONU contra a corrupción.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: