domingo, 20 de diciembre de 2015

O MODÉLICO CAPITALISMO ALEMAN (III)


A nivel industrial Alamana é hoxe por hoxe un dos estados mais potentes do mundo, a cuarta economía e a primeira potencia exportadora. Nembargante nos derradeiros anos son cada vez mais frecuentes as informacións nas que empresas alamanas moi potentes aparecen vinculadas a prácticas empresariais nada recomendables. Informacións que, de novo cuestionan, cando menos, o “modus vivendi” do capitalismo xermánico                       –“ordoliberalismo- que domina Europa. Un “modus vivendi” no que ata fai pouco -1998- o suborno non so era legal senón que beneficioso fiscalmente –deducía nas declaracións-.

Vexamos algúns casos relevantes que evidencian como  as “leccións” de eficacia e honestidade que tanto a señora Merkel como o señor Schauble intentan darnos ao resto de europeos non están xustificadas. Que o capitalismo alemán é, como tódolos capitalismos, salvaxe, inmoral, corrupto e infinitamente avaricioso. Un capitalismo con un sector industrial potentísimo pero liderado por empresas que en demasiados casos teñen un comportamento nada exemplar.

Unha das empresas alemáns da automoción mais coñecidas é a VOLKSWAGEN: case 200.000 millóns de euros en ventas para 10 millóns de vehículos vendidos (2014) que a colocan no segundo lugar mundial en ventas so superada por Toyota. Nos derradeiros tempos saltou a fama e non precisamente pola calidade dos seus produtos. Casualmente os cidadáns europeos chegamos a coñecer que os seus directivos e dirixentes amais de pagar subornos ao comité de empresa para que apoiaran os plans da dirección facían trampas estafando a todo o mundo sobre as reais taxas de emisión de partículas finas e de CO2 dos seus vehículos diésel e gasolina.  Unha estafa que ven a poñer en solfa a fama da empresa. Pero como as penas nunca veñen soas este escándalo vai a repercutir sobre as súas finanzas: a Volkswagen foi unha das empresas pioneiras na venta a crédito dos seus coches, crédito que concedía a través do seu propio banco -Volkswagen Financial Services-. Créditos que logo, co apoio do BCE, titulizaba –facía títulos ABS: Asset Backed Securitis-. Títulos que posteriormente vendía aos inversores co que obtiña novos capitais que lle permitían conceder novos créditos. Todo co apoio do BCE –non faltaba mais: os alemáns non son os gregos!- quen compraba eses títulos nunha media de 60.000 millóns de euros mensuais. Pero chega o escándalo das emisións e con el a caída de valor deses títulos e a negativa do BCE a seguir comprando ABS. Que vai pasar agora?: a historia continuará pero os clientes non poden evitar a sospeita de que foron dobremente enganados por esta exemplar sociedade alamana.

SIEMENS (AG) que conta con mais de 450.000 empregos e unhas ventas que superan os 80.000 millóns de euros anuais foi considerada durante moitos anos como a empresa mais segura, eficiente e innovadora en todas e cada unha das múltiples actividades que desenvolve: sistemas de comunicacións, automoción industrial, iluminación, equipos médicos, electrodomésticos.etc. Pero, Siemens tamén é famosa pola súa preferencia polos subornos. O caso mais soado produciuse a finais da década pasada –entre os anos 2009/2010- en que apareceron caixas negras, pagos de diñeiro en b, desvío de fondos cos que se pagaban cantidades, iso si en países estranxeiros e con baixo perfil democrático           –Nixeria, Rusia, Libia, China…-, a cambio de subornar a clientes potenciais –entre os que non faltaban funcionarios e políticos- para así conseguir ventas. O expediente resolveuse co pago de unha serie de multas por un valor superior aos 1.500 millóns de euros e a renuncia do Presidente do Consello Regulador de Siemens (AG) que, oh casualidade, fora asesor dos cancelleres G. Schroder e A. Merkel.

Poida que estes dous foran, dada a importancia das sociedades implicadas, os casos mais soados de corrupción empresarial en Alamana. Pero no foron os únicos nin moito menos: segundo algúns cálculos bastante fiables a economía alamana perde anualmente mais de 25.000 millóns de euros por casos de suborno. Sociedades da relevancia de DEUTSCHE TELEKOM xigante mundial das telecomunicacións –espionaxe a periodistas, políticos, directivos-, MAN  fabricante de vehículos industriais e DAYLER fabricante de vehículos de luxo, ambos grupos lideres europeos no seu sector –creación dun sistema de subornos que garantía ventas no estranxeiro- , THYESSEN GROUP siderúrxica –conformación dun cartel para fixar prezos- entre outras apareceron tamén involucradas en evidentes casos de corrupción empresarial e de practicas de suborno algo que, por outra parte, ven sendo noticia demasiado frecuente en Alamana nas derradeiras décadas.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: