Este ano celebraranse eleccións a Xunta de Galiza.
Estamos en ano electoral: compre, xa que logo, facer balance da xestión dos
gobernos presididos por A. Núñez Feijoo (2009-2016)
En España, i en Galiza, o Partido Popular explicou a crise financeira do
2008 por mor de que os cidadáns “vivíramos por riba das nosas posibilidades”.
Un gasto excesivo estaba, segundo estes profetas do capital, na raíz da grave
crise polo que a superación da mesma debería pasaren por unha redución dese
gasto -público e privado- que levara a uns déficits e unhas débedas públicas
insostibles.
Pois ben e centrándonos en Galiza vimos de coñecer, segundo fontes solventes,
que este país pechou o 2015 con unha débeda pública de 10.300 millóns de euros,
equivalente ao 18,5% do PIB. Para avaliar a real importancia do dato lembremos
que no ano 2009 -cando A. Núñez Feijoo ao fronte do PP acedía
a Presidencia da Xunta de Galicia- a débeda pública galega era de 4.900 millóns
de euros –equivalente ao 8,6% do PIB-. Isto significa que durante os mandatos
de A. Núñez Feijoo (PP) a débeda pública de Galiza incrementouse en 9,9 puntos –duplicouse-
equivalentes a 5.400 millóns de euros. Un incremento que realmente é superior
xa que na débeda pública contabilizada para o 2015 non se inclúe o gasto
público –xuros e amortizacións- derivado tanto do Hospital de Vigo como de
distintas autovías, como de partidas do gasto farmacéutico que se trasladaron
de exercicio para non contabilizar como déficit –que suman en conxunto mais de
2.000 millóns que haberían que engadir a débeda pública si contabilizada
(10.300 millóns)-. Un gasto que, nembargante, a Comisión Europea non considera
débeda pública senón gasto corrente (capitulo II), aínda cando os cidadáns o
paguemos como si fora débeda.
Por si ese dato non fora suficientemente clarificador saibamos tamén que
durante estes dous exercicios (2009-2015) o goberno galego pagou, en concepto
de servizos da débeda –xuros e amortizacións-, un total de 7.600 millóns de
euros, unha cantidade moi superior ao global da débeda inicial (4.900 millóns
de euros), un pago que nembargante non impediu que a débeda seguira medrando
(de 4.900 a 10.300 millóns), chegando a producirse o despropósito de que nos
derradeiros anos a débeda contraída anualmente ía destinada case na súa
integridade ao pago dos servizos da débeda acumulada. Tomemos
como exemplo o que pasou no 2015: nese ano os ingresos públicos por débeda
sumaron 1.700 millóns de euros, dos cales 1.544 (90,8%) foron para a carga da
débeda acumulada mais as amortizacións quedando so 23 millóns de euros (1,4%)
para investimentos, “para financiar 23
millóns de euros en investimentos a Xunta de Galiza tivo que endebedarse en
1.700 millóns de euros” (X. Álvarez Corbacho: “Orzamentos e débeda pública”.
TEMPOS NOVOS, agosto 2015). A Xunta contrae débeda para pagar débeda -e non
para o financiamento de bens e servizos públicos- ao tempo que aquela segue
medrando. Un disparate?: non, UNHA ESTAFA.
Durante estas dúas lexislaturas o goberno galego (PP), utilizando sempre
como xustificación a necesidade de rebaixala débeda pública, levou a cabo uns
recortes brutais no gasto público en atención sanitaria (-12%), ensino (-11%) e dependencia (ata un 25% de
rebaixa na prestación media, e un 21,5% de aumento na denegación de
solicitudes) entre outros servizos públicos básicos. Recortes que, nembargante,
non impediron que a débeda pública galega seguira medrando e de xeito
exponencial (210%)
Neste contexto está mais que xustificado, realmente é unha necesidade,
reivindicar que o novo goberno galego, que saia das urnas na vindeira consulta
electoral, faga unha AUDITORIA da débeda
pública galega pois os galegos temos dereito a saber a verdade sobre a
mesma. A verdade de por que, a pesar dos grandes axustes no gasto público (-14,5%), a
débeda pública galega non parou de medrar durante estas dúas lexislaturas do PP
con A. Núñez Feijoo ao fronte da Presidencia da Xunta. A saber o POR QUÉ desta
ESTAFA e QUEN se está beneficiando da mesma.
Manoel Barbeitos Alcántara
(*)
Este texto foi extraído dun artigo mais extenso, do mesmo autor, publicado no
diario dixital PRAZA PÚBLICA con data 5 de xaneiro: “As débedas públicas como
estafa”.
No hay comentarios:
Publicar un comentario