Mostrando entradas con la etiqueta Eleccións. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Eleccións. Mostrar todas las entradas

miércoles, 1 de junio de 2016

VENEZUELA, FRANCO E OS FALSOS DEMOCRATAS



Primero vinieron a buscar a los comunistas y no dije nada porque yo no era comunista.
Luego vinieron por los judíos y no dije nada porque yo no era judío.
Luego vinieron por los sindicalistas y no dije nada porque yo no era sindicalista.
Luego vinieron por los católicos y no dije nada porque yo era protestante.
Luego vinieron por mí pero, para entonces, ya no quedaba nadie que dijera nada"

A irrupción primeiro do 15M e logo da súa versión política, PODEMOS, puxo no seu día bastante nerviosos tanto as elites dominantes como os seus medios altofalantes, que son abafante maioría. Mentres, un sector da esquerda sistémica observábaos cun certo ton de superioridade e/ou condescendencia. Ningún deles esperaba que as seguintes convocatorias electorais –europeas 2014, xerais 2015- viñeran a confirmar de xeito indiscutible que esa irrupción non era conxuntural e que algo estaba cambiando no panorama político galego e español. Un cambio que se reflexaría  tanto na crecente ascendencia de PODEMOS (20,7% dos votos: terceira forza parlamentaria) como na superación do bipartidismo ( PP: 28,7%, PSOE: 22%, PP+PSOE: 50,7%).
Si estes resultados acentuaron o nerviosismo do conxunto de forzas sistémicas e dos seus altofalantes de tal xeito, a posterior alianza entre PODEMOS e IZQUIERDA UNIDA parecera desatar tódolos demos escondidos nas citadas forzas e elites sistémicas.  Un  disparate tal –diso se trata, dun auténtico disparate- que fai que se observen comportamentos que non so raian coa histeria senón que cuestionan claramente o talante democrático da maioría daquelas forzas sistémicas –partidos, medios altofalantes, elites bancarias e empresariais …-.
Seguindo o criterio de que “todo vale” contra UNIDOS PODEMOS –nome que finalmente adoptou a alianza electoral entre PODEMOS e IZQUIERDA UNIDA- as forzas sistémicas e os seus altofalantes parecen embarcados nunha campaña de desprestixio daquela que adopta formas e contidos propios de elites con moi escasa cultura democrática. Aínda que as probas son abondosas voume referir a unha das últimas, por certo moi pouco orixinal.
Si un sector do periodismo español mais cavernícola e záfeo ven traballando conxuntamente co Ministerio de Interior (PP), e os seus funcionarios nas cloacas do estado, para atopar “probas” que demostren o financiamento ilegal de PODEMOS e mais en concreto que esta organización recibiu cartos de Venezuela, o que de paso serve para unha vez mais demonizar ao réxime boliviariano e aos seus dirixentes.  Agora súmanse outros destacados representantes dos partidos sistémicos. Deixando a un lado os cada vez mais patéticos F. González e J. L. Cebrían, son destacados dirixentes tanto do PP, como de C´s e, incluso, do propio PSOE –que tristeza!- quen rivalizan agora por cal é mais crítico co réxime venezolano e, de resultas quen ataca mais a UNIDOS PODEMOS utilizando Venezuela como argumento. O de menos é a veracidade e a obxectividade dos argumentos, mais ben acusacións. O que importa e “emporcar” como sexa a imaxe dunha forza que está increscendo en vez de combatela politicamente, democraticamente: que enorme mediocridade!.
Non vou ser eu quen defenda ao actual goberno venezolano pero si quero sinalar varias cousas apoiadas en informacións serias e rigorosas. Se falamos de democracia en Latinoamèrica son moitos nese continente os réximes, segundo organismos tan pouco sospeitosos como o PNUD (ONU), AI, UNICEF, OEA, FAO…,  nos que a democracia e as liberdades ben non existen ben están moi restrinxidas: México, Guatemala, Honduras, O Salvador, Haití, Colombia, Paragüay…. sen que por caso a ningunha daquelas forzas políticas e de medios altofalantes parecera interesarlles. Se tamén falamos de desenrolo económico, de benestar social eses mesmos organismos informan, con coñecemento de causa, como en Venezuela, a pesar dos enormes erros gobernamentais na xestión da economía, os avances en aspectos tan relevantes como a mortaldade infantil, a fame e a pobreza, a escolarización, a atención sanitaria…. son impresionantes… si impresionantes (PNUD, CEPAL, FAO, IALCSH, FMI….). Algo do que tan pouco falan os anteriormente citados o que pon en evidencia as súas reais intencións. Que credibilidade pode ter quen critica ao actual réxime venezolano ao tempo que garda silencio –cando non apoia- sobre réximes que son auténticas ditaduras que masacran aos seus pobos e téñeno reducido a miseria?, a onde miraban cando asasinaron a Berta Cáceres en Honduras?...
Por si había dúbidas: non simpatizo co réxime chavista pero non trago con pedras de muíño. En Venezuela dende o ascenso de Chaves ao poder (1999) téñense celebrado catro (4) comicios lexislativos nacionais, todos suxeitos a unha vixilancia internacional sen precedentes pero todos avaliados como escrupulosamente democráticos. Pola contra en Arxentina e en Brasil veñen de darse dous auténticos golpes de estado brandos sen que Rajoy, Rivera, Sánchez… e os seus altofalantes digan ren.
Tamén resulta sorprendente o silencio cando non a oposición que a maioría daqueles forzas políticas e dos medios altofalantes manteñen en relación, por exemplo, a criminal ditadura franquista, aos seus asasinatos, as súas vítimas e tamén os seus verdugos. Velaí por caso que ao día de hoxe non se investigara nin se teñan depurado responsabilidades polos atroces crimes franquistas –un caso único no mundo de tolerancia cos responsables de tantas matanzas e tanta represión-. Velaí por caso que moitos galegos e españois teñan que soportar que os corpos dos seus familiares desaparecidos por causas políticas –asasinados- aínda non se atoparan nin moitos outros foran exhumados e estean abandonados en fosas comúns cando non en cunetas de calquera carreteira. Que bochorno, que ignominia!. Cando se fará xustiza coa vítimas do fascismo franquista?.
Que casualidade, a maioría dos que atacan ao réxime venezolano calan sobre o réxime franquista: unha das peores e mais criminais ditaduras do século XX!. Claro, ocupados con Venezuela esquécense de España.
Por certo, en relación as “contas” de PODEMOS poucas veces un partido democrático en España ten estado sometido a tal escrutinio e persecución sen que, ao día de hoxe, haxa probas de financiamento ilegal. Pero …. seguirán.
O que isto escribe nin é militante nin simpatizante de PODEMOS pero non soporta as mentiras e non pode por menos que solidarizarse con eles diante de tanta inmundicia.


Manoel Barbeitos Alcántara.

domingo, 6 de marzo de 2016

DUAS PEDRAS DURAS NON FAN FARIÑA




Comparto o criterio dalgúns analistas de que “todo está atado e ben atado” cara o vindeiro goberno español. Si, son dos que penso que imos cara o tripartito –PP,PSOE,C´s- desexado polos poderes fácticos –liderados polo IBEX35, EL PAIS, EL MUNDO e destacados lideres dos tres partidos citados-. O que non se sabe e quen formará realmente o goberno     –si será unha coalición de dous, o mais probable, co apoio externo do terceiro, si estarán os tres…- nin quen o presidirá –aínda que neste caso si se sabe quen non o fará: nin M. Rajoy nin P. Sánchez serán o futuro presidente do goberno español-. Antes das eleccións e nun diario dixital galego (PRAZA PÚBLICA dixital: “Cara o tripartito se a periferia non o impide”. M. Barbeitos) xa apuntaba esa opinión.
As razóns son evidentes: a mapa político español é moi plural e (por fin!) ten deixado atrás o bipartidismo a pesar dunha lei electoral que foi feita para perpetuar aquel en beneficio dos partidos tradicionais. Un mapa político plural que esixe alianzas. E a hora de tecer aliados resulta moi evidente que dende fai décadas –case dende fai séculos- hai alguén que en España ten moito poder de influencia. Estoume referindo o IBEX35 que lidera o Banco Santander. Un grupo que, loxicamente, está por manter o actual statu-quo que, como expliquei nun artigo anterior (“A vella loita de clases”. Foro Claridade……..) tan grandes ganancias lle permite. Un statu quo que a nivel económico ven marcado polo axuste fiscal, a rebaixa salarial e a privatización de activos públicos, política que a nivel europeo defende e lidera a troica baixo mandato alemán.
Un IBEX 35 que por diferentes razóns ten, de antigo, moi boa relación con importantes e numerosos dirixentes dos tres partidos citados (PP, PSOE, C´s). E ben sabida a querenza destes dirixentes polo IBEX 35, unha querenza que non teñen polas clases de rendas medias e baixas, as clases populares as que mais ben rexeitan cando non simplemente desprezan. Hai numerosas probas desto nas hemerotecas, nas propias declaracións e actos deses dirixentes, así como no uso frecuente das portas xiratorias algo que se pode comprobar votando unha ollada a composición das direccións nas empresas do IBEX35 onde podemos atopar dende numerosos exministros, exdirectores xerais, etc. ata expresidentes de goberno.
Unha alianza tripartita que, a pesar da campaña a prol da mesma dos altofalantes do IBEX35 –liderados polo EL PAIS e EL MUNDO-, nembargante puido fracasar si algúns dirixentes políticos tiveran unha maior visión e unha menor teima. A estas alturas resulta evidente que si o PSOE e PODEMOS tivéranse posto de acordo, como quería a cidadanía que os votou, aquela alianza non sería posible. Un acordo que non foi posible por aquilo que digo no enunciado do artigo de que “dúas pedras duras non fan fariña”: claro está que cando falo de dúas pedras duras estoume referindo as actuais direccións do PSOE e de PODEMOS. Dúas direccións as que, na miña opinión, fáltalles madurez política e sóbralles orgullo (?).
Non comparto de ningures os continuos e desmesurados ataques que recibe PODEMOS dende o mesmo intre en que se constituíu. Aínda que nin son afiliado, nin votante desta organización non deixo de recoñecer o importantísimo papel político e social que ven desempeñando a prol da democracia e a liberdade en España e en Galiza. A súa aparición no panorama político español foi un sopro de aire fresco que se facía cada día mais necesario. Pero dito isto, digo tamén que se está equivocando na súa estratexia dende o 20D. Que se está equivocando a adoptar unha postura tan ríxida e tan altiva: unha rixidez moi sangrante –polo menos a min iso me parece- con Izquierda Unida (IU) e moi altiva co PSOE. Que se está equivocando ao non recoñecer os resultados habidos nas derradeiras eleccións. Uns resultados que outorgan, aínda que sexa por unha moi pequena diferenza, o PSOE papel de líder na esquerda española, que non galega. Que se equivocan a adoptar co PSOE un postura tan antagónica, aínda tendo razón en moitos dos seus argumentos, e o non adoptar outra mais contemporizadora e mais inclusiva. O resultado ai está.
Pero si non comparto a estratexia da actual dirección de PODEMOS moito menos comparto a da actual dirección do PSOE cuxa inmadurez e incomprensión do momento presente resulta moi, pero moi preocupante. Falta de madurez que, así parece, lle impide superar as fortes presións internas que o lobby das “vacas sagradas”, co apoio mediatice de EL PAIS, ven exercendo co gallo de impedirlle unha alianza cos partidos a súa esquerda que sexan quen de gañarse apoios, ou cando menos, non belixerancias no campo nacionalista. Unha incompresión das necesidades do momento presente en que millóns de familias españolas estano pasando moi, moi mal por mor das políticas que se veñen aplicando polo que é urxente a posta en marcha doutras moi diferentes. Unhas políticas que so será posible levar adiante co apoio de toda a esquerda política e social española. Unha alianza que, digan o que digan os contrarios, é posible si se deixan a unha veira as orelleiras antinacionalistas que tanto dano estanlle facendo a democracia española e se entende, dunha vez, que España é un estado plurinacional mal artillado.
Manoel Barbeitos Alcántara

viernes, 26 de febrero de 2016

CORRUPCION E MENTIRAS


Por si non fora suficiente coa corrupción sistémica que afecta a moitos países europeos e moi especialmente aos estados periféricos como por caso España, Italia, Grecia … outro fenómeno político non menos preocupante esténdese por todo o occidente: a mentira como táctica política. Cada vez son mais os políticos, e os correspondentes partidos, que non teñen reparo algún en facer promesas sen fin, especialmente en campaña electoral, paro logo unha vez chegados ao goberno esquecerse das mesmas e executar políticas moi diferentes, cando non antagónicas coas que prometera.
Unha táctica que se alguén pensaba que era patrimonio da dereita –velaí os casos tan paradigmáticos de Bush, Sarkozy, Aznar, M. Rajoy...por citar algúns actores consumados relevantes- as evidencias ratifican que tamén na esquerda os políticos mentireiros medran como os cogomelos: Blair, Schrober, Zapatero, Papandreu, Hollande…. Un fenómeno que, xunto ao anteriormente citado da corrupción, estalle provocando un enorme dano a democracia e a política en xeral. Ao tempo que a desconfianza cidadán na clase política non para de medrar: a desconfianza dunha cidadanía que vese impotente diante de tanta desfachatez de moita da clase política. Segundo o propio CIS para os españois a clase política –española- é o terceiro (3º) problema mais importante de España, incluso por diante do terrorismo: esta enquisa fora feita antes dos derradeiros casos de corrupción do PP e das movidas políticas recentes.
Nestes días estamos asistindo en España a unha función deste teatro vulgar e mediocre que reproduce funcións nas que todo vale con tal de achegarse ao poder. Unha función que ten como actores principais a Pedro Sánchez (PSOE) e Albert Rivera (C´s) e como actor secundario ao propio Mariano Rajoy (PP) algo, isto último que xa non sorprende a ninguén. Non fai falla acudir as hemerotecas para confirmar que o que hoxe estes novos e xoves actores políticos afirman non coincide de ningures co que prometeron na campaña das derradeiras eleccións xerais. Por non falar das grandes diferenzas que presentaban nos seus programas algo que agora non parece ser un hándicap para gobernar xuntos.
Por citar so algunhas evidencias do sinalado recomendo que os curiosos acudan as hemerotecas e lean o que cada un destes dirixentes (P. Sánchez e A. Rivera) dicían, e prometían, sobre temas tan relevantes en materia de política económica como o axuste fiscal, a débeda pública, as reformas laborais e fiscais, o emprego e os salarios, o  ensino e a sanidade públicos, a universidade, Europa….. e o que se presenta no documento recentemente asinado por ámbolos dous partidos. Calquera parecido e mera coincidencia. Aínda mais atoparan claras e contundentes contradicións co prometido.
Algúns (moitos?) dirán que son cousas da política realista, das necesidades que impón o marco político saído das eleccións….etc. etc. Outras pensamos que é pura desfachatez e simple ambición política pero tamén mediocridade, unha enorme mediocridade dunha clase política sen principios nin outra ideoloxía que non sexa a do poder polo poder.

Os cidadáns, como sempre, teñen a derradeira palabra e serán que ditarán o seu veredicto. O veredicto sobre unha comedia que non fixo mais que empezar e na que poida que muden os actores principais e incluso que cambie o guión inicial. Habería tamén materia para falar dos corifeos –medios de comunicación e opinión, IBEX 35….- que tamén están moi abonados as mentiras e a corrupción e as mentiras.

   Manoel Barbeitos Alcántara.

ELECCIONS GALEGAS: UNHA NOVA OPORTUNIDADE PARA O CAMBIO (III)

Segundo o balance iniciado en textos anteriores sobre a xestión da Xunta de Galiza, presidida por A. Núñez Feijoo (PP), nas dúas anteriores lexislaturas (2009-2016) outra das grandes obras dos seus gobernos foi a enorme desfeita que provocou no xa moi debilitado estado de benestar en Galiza. Se as funcións públicas de benestar –atención sanitaria, vellez, familia e infancia, discapacidade, desemprego, vivenda, e exclusión social- xa presentaban de seu en Galiza un grande déficit, os axustes fiscais non fixeron mais que incrementalo e por a estas funcións públicas, imprescindibles para o benestar e o progreso dunha sociedade, nunha situación lamentable.
A atención pública sanitaria de Galiza está sendo desmantelada nestes anos de goberno nos que o PP está ao fronte da Xunta de Galiza, ao tempo que se favorece intensamente a entrada de capital privado na mesma. Os grandes recortes no gasto público (4% de media anual) e en persoal (mais de 2.000 traballadores despedidos) nunha atención sanitaria pública xa de por si deficitaria –aínda que modélica no seu funcionamento- supoñen un autentica desmantelamento do público nesta función. Un desmantelamento do público que vai acompañado dunha crecente privatización que afecta a servizos estratéxicos            –médicos, centrais, xerais …-.
A pesares tanto do peso demográfico (22,2%) como social dos maiores a atención pública a vellez é enormemente deficitaria en Galiza xa que esta é unha das comunidades que menos gasto público per capitá dedica a esta función ao tempo que aparece como unha das comunidades nas que a iniciativa privada –especialmente nas prestacións en especies, bens e servizos- ten maior presenza. Os sucesivos gobernos (español e galego) non so favoreceron e favorecen a expansión dos fondos privados de pensións senón que recortaron nas prestacións complementarias –en Galiza as pensións supoñen por si soas o 99% do gasto público nesta función quedando, xa que logo, so o 1% para o gasto público no resto das prestacións monetarias e en especie- que son vítimas dos axustes (19,6 euros per capita fronte aos 22,4 de media española e 78,2 na media da UE15). O caso mais paradigmático esta sendo a dependencia nos que Galiza esta entre o grupo de comunidades españolas que presenta un nivel claramente insuficiente de implantación –segundo a avaliación do directores sociais aquela non chega ao aprobado (4,58): XV Ditame do Observatorio da Dependencia-. En axuda a domicilio e aloxamentos para maiores Galicia é unha das comunidades pioneiras na privatización de estes servizos o que vai en deterioro dos servizos públicos.
En atención a familia e a infancia as evidencias demostran que a Xunta de Galiza (PP) nunca lle prestou moita atención a esta función pública. A seu visión cristián da familia e dos fillos xunto coa súa preferencia polo privado fai que o gasto público nesta función sexa moi cativo –nunca superou o 0,4% do PIB galego cando a media na UE é do 2,1%- e os efectos das súas actuacións sobre aspectos como a conciliación laboral sexan practicamente nulos. Unha proba desto aparece na información dun diario galego sobre o acontecido na cidade de Vigo, e que pode ser un exemplo do que sucede en toda Galiza: “detéctanse un incremento  inusual de casos de demandas de traballadoras que piden a conciliación do seu traballo coa vida familiar por que a súa xornada é incompatible” (LA VOZ DE GALICIA, 25.05.2015). Ese mesmo diario informaba dos serios problemas que teñen as familias galegas para poder conciliar o traballo –quen o ten- con o coidado dos fillos, e como a falla de recursos públicos que atenden esta necesidade fai que 8 de cada 10 traballadores teñen que votar man do entorno familiar para compatibilizar ambas funcións (SONDAXE).
En atención a discapacidade as evidencias confirman unha situación claramente deficitaria. Por unha parte temos ao Valedor do Pobo reprendendo a Xunta de Galiza pola gran demora na avaliación dos dependentes galegos. Por outra o Observatorio da Dependencia confirma esa desatención pois a avalía nun 41%, con unha lista de espera que chega ao 24%. Un déficit que se explica pola redución nun gasto público destinado a esta función en Galiza (88,7 euros per capita) claramente inferior a media estatal (104,5 euros) e moi lonxe do que destinan comunidades como Estremadura (116,9 euros). De novo a preferencia pola atención privada fai que se deteriore a atención pública.
En atención ao desemprego a situación tamén é moi deficitaria tal e como denuncian os sindicatos. Na actualidade o 20% dos traballadores galegos desempregados non cobran a prestación contributiva mentres o 51% non perciben ningún tipo de prestación. Por outra parte a súa aposta polo axuste fiscal levou a que a Xunta de Galicia teña reducido en mais dun 50% os recursos públicos destinados as políticas activas de emprego que, como e ben sabido, ían dirixidas preferentemente aos traballadores desempregados.
En vivenda tampouco parecera que a acción pública teña sido relevante en Galiza. Que dende o estoupido da grande crise (2008) o número de desafiuzamentos de vivenda       –por imposibilidade de facer fronte ao pago de hipoteca- non deixe de medrar –unha media de 7 desafiuzamentos por día-, que a porcentaxe de vivendas sociais en Galiza sexa practicamente ridículo (1,1%) ao tempo que sexamos a primeira comunidade en España en porcentaxe de vivendas desocupadas e que os galegos, moi especialmente os mozos, teñan un moi difícil acceso a primeira vivenda (45% a medio prazo, 50% a 20 anos) son probas evidentes dunha función social da vivenda moi, moi deficitaria.
Finalmente os resultados da función de exclusión social aparecen perfectamente reflectidos nos seguintes datos: dende que estoupou a crise a desigualdade social en Galiza   –como en España- disparouse. A porcentaxe de poboación galega en risco de exclusión social (23,8%), o número de familias sen traballo (mais do 30%) e o das que teñen enormes dificultades para chegar a fin de mes (36,8%) son claros indicadores de que a función pública de exclusión social é claramente deficitaria en Galiza e que o compromiso da Xunta de Galiza nesta función é moi escaso algo que reflicte o feito de que as familias que peor o estaban pasando cada vez o pasan peor.
O goberno que saia das vindeiras eleccións a Xunta de Galiza ten, no área de benestar e igualdade, unha longa e dura tarefa por diante para reparar a enorme desfeita provocada pola actual Xunta de Galicia no xa deficitario estado de benestar galego.

Manoel Barbeitos Alcántara


viernes, 12 de febrero de 2016

ELECCIONS GALEGAS: UNHA NOVA OPORTUNIDADE PARA O CAMBIO (II)


Segundo co balance, iniciado nun texto anterior (M. BARBEITOS: “Eleccións galegas: unha nova oportunidade para o cambio (I)”. FLT), sobre a xestión da Xunta de Galiza presidida por A. Núñez Feijoo (PP) nas dúas anteriores lexislaturas compre empezar pola política laboral daquela. Algo que está plenamente xustificado si temos en conta que, hoxe por hoxe, o emprego é un dos maiores problemas macroeconómicos que ten Galiza. Algo que se a crise global do 2008 puxo claramente en evidencia serían posteriormente as políticas de duro axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de activos públicos quen farían que ese problema estrutural, fundamento da súa condición de economía periférica, estoupará ata acadar dimensións descoñecidas en todo o período democrático.  Un estoupido no que a Xunta de Galicia (2009-2016) ten unha grande responsabilidade pola súa firme aposta por aquelas políticas.
Pero centremos o problema. En relación ao emprego Galiza presenta un balance (EPA. 4º trimestre do 2015) que non pode cualificarse por mais que moi negativo, como o conxunto de España,  pero cunhas características –tamén negativas- moi particulares. O ano 2015 pechou en Galiza con unha taxa de paro do 17,74% que, aínda que sexa inferior a media española (20,90%), non deixa de ser un valor elevadísimo pois practicamente duplica a media da UE (9,6%) a pesares da “válvula de escape” que supón o novo reponte do migración cun saldo negativo anual que oscila entre os 2.500 e os 3.000 activos. Un elevado desemprego que se produce nun mercado de traballo que ten unha taxa de actividade moi baixa (53,33%), claramente inferior a media española (59,43%), e unha taxa de ocupación tamén moi baixa (43,9%), tamén inferior a media española (47%) e moi afastada da media da UE (56%). Datos todos eles que confirman como en Galiza, ao igual que sucede en España pero aínda mais acentuadamente, hai un moi grave problema de demanda de traballo(*) fronte ao que parecen afirmar os neoliberais de torno –e algúns socialdemócratas- que defenden teses que se apoian nunha debilidade da oferta: non é que os traballadores galegos non queiran traballar é que non hai empregos nun mercado de traballo que conta cunha demanda que está moi, moi lonxe da oferta –a pesar da baixa taxa de actividade-. Un problema que é estrutural en Galiza e que durante décadas estivo oculto tanto polo elevado subemprego no sector agrario como pola constante emigración. Galiza ten un moi grave problema de emprego sendo, xa que logo,  o desemprego o maior problema económico e social desta comunidade.
Un desequilibrio –demanda/oferta- que facilita a precariedade laboral reflectida nos baixos salarios reais e na elevada temporalidade. Uns salarios reais  que ademais de, ao igual que sucede en España,  perder poder adquisitivo nos derradeiros anos en beneficio das rendas do capital, están entre os mais baixos de España –entre un 85% e un 89% da media española que os sitúan nos terceiros pola cola- que explica como en Galiza os salarios teñen un peso na riqueza nacional (43%) moi inferior a media española (46,7%) quen a súa vez supón a porcentaxe mais baixa da UE. Uns baixos salarios que se combinan cunha moi alta temporalidade (25,5%), claramente superior a media de España (23,4%) que ven sendo a segunda mais elevada de Europa.
Todo estes datos estatísticos confirman o que diciamos o principio de que o emprego –ocupación/salarios/contratos- é un dos problemas macroeconómicos mais graves que ten Galiza pois debilita a demanda e impide o crecemento económico. Un problema que  ten causas políticas: as durísimas políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de activos públicos que a maioría dos gobernos están practicando, hoxe por hoxe, na Unión Europea. Unhas políticas que en Galiza contan con un dos gobernos mais aplicados e obedientes: a Xunta de Galiza que preside A. Núñez Feijoo.
Repasemos os feitos. O axuste fiscal  que en Galiza afectou gravemente a unhas  funcións públicas de benestar –sanidade, ensino, dependencia …- xa moi deficitarias supuxo para o mercado de traballo galego: 1º Unha perda aproximada de 21.000 empregos públicos, 2º. Unha precarización sen precedentes no emprego público, 3º Reducir aínda mais o gasto público en I+D+i, imprescindible para impulsalo emprego (Galiza: 0,8% do PIB, España: 1,3%, Pais Vasco: 2,2%, Suecia: 3,5%, Alamana: 3%), 4º Minimizar o gasto público nas políticas activas de emprego (0,4% do PIB moi lonxe do 1,2% da media na UE). A (contra) reforma laboral que supuxo na práctica maiores facilidades para o despido dos traballadores tivo en Galiza, como no conxunto de España, un impacto moi negativo sobre o emprego –pola propia debilidade do mercado laboral galego- con aumento do desemprego e do emprego precario –non é casualidade que os estados que teñen os mercados laborais mais regulados, caso de Alamana, Suecia, Austria.., teñen tamén un menor desemprego-. Algunha fontes sindicais calculan en 4 puntos a suba do desemprego en Galiza por mor da (contra) reforma laboral. A desfeita das caixas de aforro, a que tanto a actual Xunta de Galiza (PP) como a anterior (PSOE/BNG) colaboraron vai incidir fortemente, xa o está facendo, no mercado do crédito basicamente para as pemes e o comercio polo miúdo que son quen mais emprego crean en Galiza.
Finalmente, e como ben sinalan aqueles –as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo- o problema é “que non venden”. E non venden por mor do desemprego, os baixos salarios e a redución do gasto público: pola debilidade da demanda interna que as políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial non fan mais que acentuar. Se as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo non vende reséntese o emprego en Galiza xa que ambos supoñen mais do 95% do emprego creado no comunidade.
Velaí as responsabilidades da Xunta de Galiza no elevado desemprego e na crecente emigración.
---------------------------------------------
(*): Non confundir coa demanda de emprego

Manoel Barbeitos Alcántara

viernes, 5 de febrero de 2016

ELECCIONS GALEGAS: UNHA NOVA OPORTUNIDADE PARA O CAMBIO (I)

Estamos, en Galiza, en ano electoral: compre, xa que logo facer balance. Balance da situación e das políticas levadas a cabo pola actual Xunta de Galiza (PP) que preside A. Núñez Feijoo dende fai dúas lexislaturas.
Un balance que pode empezar por preguntarse: os galegos, vivimos hoxe en día mellor que fai sete anos (2009)?. A resposta é tan sinxela como evidente: unha minoría vive mellor pero a grande maioría –cidadáns de rendas medias e baixas: as clases populares- vive peor, algúns moito peor. As evidencias son indiscutibles. As causas: as políticas que se están levándose a cabo en Galiza, España i Europa, o famoso “austericidio” que, por certo, abrazou con inusitado fervor –de alumno aplicado: quixo ser o primeiro da clase- A. Núñez Feijoo.
Empecemos por ver, con detalle, como viven a maioría dos galegos. Unha porcentaxe moi elevada dos galegos son pensionistas: segundo datos da seguridade social mais de 750.000 galegos (27,4% da poboación) son pensionistas, cunha pensión media de 756,24 euros –a segunda mais baixa de España-. Uns pensionistas que na súa inmensa maioría viron reducida a súa capacidade adquisitiva por mor da reforma fiscal (IRPF, IVE) que levou adiante o goberno de M. Rajoy –os cidadáns de clases medias e baixas, entre eles os pensionistas ao non verse afectados polas rebaixas fiscais amorteceron a rebaixa fiscal que si beneficiou aos cidadáns de clase alta-. Por si iso non fora suficiente os brutais recortes en dependencia, debidos aos axustes fiscais de tales gobernos, tiveron a moitos pensionistas como principais afectados. Todo elo fai que entre o 20% e o 25% dos pensionistas gakegis, segundo as distintas fontes, estean en risco de exclusión –unha cifra moi superior nos casos dos/as viuvos/as-.
Unha porcentaxe maior supóñena as clases traballadoras. Cando A. Núñez Feijoo acedía a presidencia da Xunta o número de activos ascendía a 1.331.100 (48,4% da poboación) dos cales 1.168.500 estaban empregados (42,5% da poboación). Na actualidade os activos son 1.255.200 –un 5,7% menos- e 1.032.500 o número de empregos -11,6% menos-. Asemade se o número de desempregados ascendía a 162.700, agora son 222.700    –+36,9%-, dos cales case o 60% -máximos históricos- non perciben a prestación contributiva e 116.800 -52,4%- non perciben ningún tipo de prestación. Por outra parte o precariedade medra espectacularmente o que fai que o salario real medio descenda a un ritmo anual do 4%l. Menos activos, menos empregos, mais desempregados, peores salarios e menos receptores da prestación por desemprego reflicten unha situación das clases traballadoras claramente peor que fai 7 anos.
Entre estas clases traballadoras hai un número elevado de familias que sofren o calvario da débeda e o suplicio do desafiuzamento. A pesares das dúbidas que presentan a maioría das estatísticas todo parece apuntar que Galiza é, por detrás de Murcia e Canarias, unha das comunidades onde se tramitan, porcentualmente, mais desafiuzamentos. Segundo algunhas fontes son mais de 11.000 as familias galegas que, dende que estoupara a grande crise do 2008, foron desaloxadas das súas vivendas por imposibilidade de pago da débeda hipotecaria –outras fontes falan dunha media diaria de 8 desafiuzamentos-.
Nos derradeiros meses son de novo noticia os gandeiros. Un sector que se fai décadas ocupaba a un grande número de galegos/as hoxe en día, por mor dun constante peche de explotacións –houbo anos, na derradeira década, en que a media anual de explotacións gandeiras pechadas estaba entre as 1.000 e as 1.500-, o censo actual de explotacións non chega as 9.000, a metade das que había fai 10 anos. Un sector que está a vivir un momento moi crítico por mor da caída nos prezos do leite. Se os custos medios por litro están en 0,30 céntimos o prezo medio percibido por gandeiro caeu dos 39 céntimos (2013) aos 28,7 –o mais baixo de España. En Asturias, por caso, os gandeiros perciben un prezo claramente superior: 3,7 céntimos mais por litro-. Xunto cos gandeiros tamén son nova os mariñeiros de cerco –uns 150 barcos- unha parte moi relevante dos mesmos, segundo voces propias, corre o risco de desaparecer por mor dun mala administración pública das cotas e tamén, segundo os propios mariñeiros, por poñer os intereses da industria acuícola por riba dos intereses do mariñeiros de cerco. Asemade as mariscadoras –que en Galiza son unhas 4.300- e moitas confrarías están en “pe de guerra” por mor dun Proxecto de Acuicultura da Xunta de Galiza que este sector considera mortal para a súa actividade.
En relación ao comercio polo miúdo e segundo datos oficiais (INE) este sector en Galicia leva 6 anos en números roxos con perdas sucesivas e constantes que se traduce, dende que estoupou a grande crise, nun peche de establecementos de entre o 10 e o 13% segundo as fontes -14.000 segundo a Federación Galega de Comercio-. A situación das pequenas e medianas empresas galegas (97% das empresas) non é moito mellor con unha media anual de peches, dende o comezo da grande crise, que ronda as 1.000 –para un pico de 1.500 entre os anos 2011 e 2012-. Unha crise, en ámbolos dous casos, derivada especialmente da caída da demanda pero tamén das dificultades de aceso ao crédito e do “rigor orzamentario” –axuste fiscal- tanto do goberno galego (PP) como español (PP).
Por todo o anterior non parecera, xa que logo, que a maioría dos/as galegos/as e moi en especial os/as de rendas medias e baixas –as clases populares- vivamos, por termo medio, mellor que fai 7 anos cando o PP recuperou a Xunta de Galiza.


Manoel Barbeitos Alcántara

viernes, 22 de enero de 2016

CRISE POLÍTICA E MEDIOS ALTOFALANTES


As eleccións do pasado 20D non so supuxeron a entrada en crise do sistema político borbónico que se apoiaba no bipartidismo senón que tamén destaparon os nervios e a histeria dos medios altofalantes afíns –abrumadora maioría no sector- que, como mostran tódalas evidencias, non son mas que os voceiros da oligarquía financieira-inmobiliaria que os finanza. As evidencias son continuas e realmente sonroxantes.
Dende o mesmo día en que os organismos oficiais confirmaron a derrota de bipartidismo e a configuración dun mapa político moito mais plural, tanto a nivel español como autonómico, estes medios altofalantes por terra, mar e aire despregaron, e seguen despregando, nun triste alarde de “manxadoirismo”, todo o seu arsenal mediatice tratando de evitar que se poida formar un goberno que sexa quen de cuestionar a orde establecida nas derradeiras décadas. Unha orde que tanto favoreceu a esa oligarquía  e aos medios altofalantes que ela financia.
O despregue está sendo amplo, intenso pero tamén altamente repulsivo e mostra de que aqueles que falan da democracia española como unha democracia débil, deficitaria e cativa están totalmente no certo. Así asistimos ao bochorno de ver como empresas mediatices –como por caso PRISA que, entre outros medios, edita EL PAIS- lanzan enquisas que axiña se ven que son falsas –Metroscopia- nas que pretendidamente se recolle que a maioría dos españois teñen preferencia pola grande coalición –PP/PSOE- que permitiría que as cousas seguirán como estiveron ata agora e que ven sendo a opción do goberno que apoia esta empresa por considerar que a que mellor convén aos seus intereses empresariais e os das sociedades –grandes bancos- que a financian.
Un despregue que non repara nin en medios nin en formas. Así temos que aguantar que os medios de comunicación mais afíns a dereita cavernícola española –LA RAZON, EL MUNDO, ABC…- lance infúndeos e mentiras sobre as forzas emerxentes –PODEMOS, MAREAS, COMPROMIS …- tratando de emporcar a súa imaxe diante da cidadanía ao tempo que desvirtuar os resultados electorais e conseguir que, p.e., haxa un goberno integrado polos partidos PP e C´s aínda que os cidadáns queiran outra cousa. Un dos derradeiros actos desta auténtica “caverna mediatice” esta sendo protagonizado por o impresentable periodista Eduardo Inda   –exdirector de EL MUNDO- que anda a procura nas cloacas do estado –mediante o apoio e colaboración de altos cargos da policía española- de información que poida prexudicar a PODEMOS e permita acusar a esta organización emerxente de financiación externa –antes eran Venezuela e Irán, agora parece que é Rusia-: para mais vergoña non so o Ministro de Interior, en funcións, señor Fernández Díaz         –destacado membro do OPUS- súmase a esta infame campaña senón que tamén    –que bochorno!- dirixentes do principal partido da oposición –PSOE- dan como boas estas informacións nada contrastadas, de moi dubidosa procedencia e de repugnante metodoloxía.
Un despregue que en Galiza ten como principal abandeirada a LA VOZ DE GALICIA cuxa dependencia financeira da actual Xunta de Galiza (PP) resulta xa penosa. Así vemos como este diario está emporcado nunha sistemática campaña de desprestixio tanto das MAREAS, como de PODEMOS sen que importe o utilizar informacións falsas, tendenciosas e, xa que logo, carentes de rigor e contraste coa verdade. Si as MAREAS e PODEMOS son, hoxe por hoxe, os principais obxectivos dos ataques deste diario e os seus manxadoiros colaboradores tampouco o BNG e o PSdG-PSOE líbranse desta campaña de desprestixio que abrangue a todo aquilo que non sexa o PP. Lamentablemente hai dirixentes na socialdemocracia galega que non parecen ser consentes desta situación e non teñen reparos en colaborar con LA VOZ DE GALICIA na campaña de desprestixio das MAREAS e PODEMOS coa inxenua idea de que iso favorécelles a eles (PSOE): inxenuos, deberan ler a Bertolt Brecht.
Esta enorme carencia de medios de comunicación e opinión libres, independentes, pluralistas e críticos en Galiza e en España é unha das grandes eivas da democracia en ámbalas dúas. A dependencia da maioría dos actuais medios da oligarquía financeira-inmobiliaria e os partidos que a apoian é total. Tan lamentable é a situación que un moi prestixioso medio (The New York Times), pero nada sospeitoso de radical, así o proclamaba non fai moito tempo ao denunciar “o servilismo da prensa española”. Este diario non viña mais que a confirmar a opinión do IPI (International Press Institute) quen sinala que “as deficiencias na liberdade de prensa en España supoñen un risco para un dereito fundamental esencial para a formación dunha opinión pública libre e, xa que logo, para a consolidación do sistema democrático actual”.


Manoel Barbeitos Alcántara.

A ESTAFA DAS DEBEDAS PÚBLICAS(*)



Este ano celebraranse eleccións a Xunta de Galiza. Estamos en ano electoral: compre, xa que logo, facer balance da xestión dos gobernos presididos por A. Núñez Feijoo (2009-2016)

En España, i en Galiza, o Partido Popular explicou a crise financeira do 2008 por mor de que os cidadáns “vivíramos por riba das nosas posibilidades”. Un gasto excesivo estaba, segundo estes profetas do capital, na raíz da grave crise polo que a superación da mesma debería pasaren por unha redución dese gasto -público e privado- que levara a uns déficits e unhas débedas públicas insostibles.
Pois ben e centrándonos en Galiza vimos de coñecer, segundo fontes solventes, que este país pechou o 2015 con unha débeda pública de 10.300 millóns de euros, equivalente ao 18,5% do PIB. Para avaliar a real importancia do dato lembremos que no ano 2009         -cando A. Núñez Feijoo ao fronte do PP acedía a Presidencia da Xunta de Galicia- a débeda pública galega era de 4.900 millóns de euros –equivalente ao 8,6% do PIB-. Isto significa que durante os mandatos de A. Núñez Feijoo (PP) a débeda pública de Galiza incrementouse en 9,9 puntos –duplicouse- equivalentes a 5.400 millóns de euros. Un incremento que realmente é superior xa que na débeda pública contabilizada para o 2015 non se inclúe o gasto público –xuros e amortizacións- derivado tanto do Hospital de Vigo como de distintas autovías, como de partidas do gasto farmacéutico que se trasladaron de exercicio para non contabilizar como déficit –que suman en conxunto mais de 2.000 millóns que haberían que engadir a débeda pública si contabilizada (10.300 millóns)-. Un gasto que, nembargante, a Comisión Europea non considera débeda pública senón gasto corrente (capitulo II), aínda cando os cidadáns o paguemos como si fora débeda.
Por si ese dato non fora suficientemente clarificador saibamos tamén que durante estes dous exercicios (2009-2015) o goberno galego pagou, en concepto de servizos da débeda –xuros e amortizacións-, un total de 7.600 millóns de euros, unha cantidade moi superior ao global da débeda inicial (4.900 millóns de euros), un pago que nembargante non impediu que a débeda seguira medrando (de 4.900 a 10.300 millóns), chegando a producirse o despropósito de que nos derradeiros anos a débeda contraída anualmente ía destinada case na súa integridade ao pago dos servizos da débeda acumulada. Tomemos como exemplo o que pasou no 2015: nese ano os ingresos públicos por débeda sumaron 1.700 millóns de euros, dos cales 1.544 (90,8%) foron para a carga da débeda acumulada mais as amortizacións quedando so 23 millóns de euros (1,4%) para investimentos, “para financiar 23 millóns de euros en investimentos a Xunta de Galiza tivo que endebedarse en 1.700 millóns de euros” (X. Álvarez Corbacho: “Orzamentos e débeda pública”. TEMPOS NOVOS, agosto 2015). A Xunta contrae débeda para pagar débeda -e non para o financiamento de bens e servizos públicos- ao tempo que aquela segue medrando. Un disparate?: non, UNHA ESTAFA.
Durante estas dúas lexislaturas o goberno galego (PP), utilizando sempre como xustificación a necesidade de rebaixala débeda pública, levou a cabo uns recortes brutais no gasto público en atención sanitaria (-12%),  ensino (-11%) e dependencia (ata un 25% de rebaixa na prestación media, e un 21,5% de aumento na denegación de solicitudes) entre outros servizos públicos básicos. Recortes que, nembargante, non impediron que a débeda pública galega seguira medrando e de xeito exponencial (210%)
Neste contexto está mais que xustificado, realmente é unha necesidade, reivindicar que o novo goberno galego, que saia das urnas na vindeira consulta electoral, faga unha AUDITORIA da débeda pública galega pois os galegos temos dereito a saber a verdade sobre a mesma. A verdade de por que, a pesar dos grandes axustes no gasto público          (-14,5%), a débeda pública galega non parou de medrar durante estas dúas lexislaturas do PP con A. Núñez Feijoo ao fronte da Presidencia da Xunta. A saber o POR QUÉ desta ESTAFA e QUEN se está beneficiando da mesma.

Manoel Barbeitos Alcántara



(*) Este texto foi extraído dun artigo mais extenso, do mesmo autor, publicado no diario dixital PRAZA PÚBLICA con data 5 de xaneiro: “As débedas públicas como estafa”.