viernes, 22 de enero de 2016

CRISE POLÍTICA E MEDIOS ALTOFALANTES


As eleccións do pasado 20D non so supuxeron a entrada en crise do sistema político borbónico que se apoiaba no bipartidismo senón que tamén destaparon os nervios e a histeria dos medios altofalantes afíns –abrumadora maioría no sector- que, como mostran tódalas evidencias, non son mas que os voceiros da oligarquía financieira-inmobiliaria que os finanza. As evidencias son continuas e realmente sonroxantes.
Dende o mesmo día en que os organismos oficiais confirmaron a derrota de bipartidismo e a configuración dun mapa político moito mais plural, tanto a nivel español como autonómico, estes medios altofalantes por terra, mar e aire despregaron, e seguen despregando, nun triste alarde de “manxadoirismo”, todo o seu arsenal mediatice tratando de evitar que se poida formar un goberno que sexa quen de cuestionar a orde establecida nas derradeiras décadas. Unha orde que tanto favoreceu a esa oligarquía  e aos medios altofalantes que ela financia.
O despregue está sendo amplo, intenso pero tamén altamente repulsivo e mostra de que aqueles que falan da democracia española como unha democracia débil, deficitaria e cativa están totalmente no certo. Así asistimos ao bochorno de ver como empresas mediatices –como por caso PRISA que, entre outros medios, edita EL PAIS- lanzan enquisas que axiña se ven que son falsas –Metroscopia- nas que pretendidamente se recolle que a maioría dos españois teñen preferencia pola grande coalición –PP/PSOE- que permitiría que as cousas seguirán como estiveron ata agora e que ven sendo a opción do goberno que apoia esta empresa por considerar que a que mellor convén aos seus intereses empresariais e os das sociedades –grandes bancos- que a financian.
Un despregue que non repara nin en medios nin en formas. Así temos que aguantar que os medios de comunicación mais afíns a dereita cavernícola española –LA RAZON, EL MUNDO, ABC…- lance infúndeos e mentiras sobre as forzas emerxentes –PODEMOS, MAREAS, COMPROMIS …- tratando de emporcar a súa imaxe diante da cidadanía ao tempo que desvirtuar os resultados electorais e conseguir que, p.e., haxa un goberno integrado polos partidos PP e C´s aínda que os cidadáns queiran outra cousa. Un dos derradeiros actos desta auténtica “caverna mediatice” esta sendo protagonizado por o impresentable periodista Eduardo Inda   –exdirector de EL MUNDO- que anda a procura nas cloacas do estado –mediante o apoio e colaboración de altos cargos da policía española- de información que poida prexudicar a PODEMOS e permita acusar a esta organización emerxente de financiación externa –antes eran Venezuela e Irán, agora parece que é Rusia-: para mais vergoña non so o Ministro de Interior, en funcións, señor Fernández Díaz         –destacado membro do OPUS- súmase a esta infame campaña senón que tamén    –que bochorno!- dirixentes do principal partido da oposición –PSOE- dan como boas estas informacións nada contrastadas, de moi dubidosa procedencia e de repugnante metodoloxía.
Un despregue que en Galiza ten como principal abandeirada a LA VOZ DE GALICIA cuxa dependencia financeira da actual Xunta de Galiza (PP) resulta xa penosa. Así vemos como este diario está emporcado nunha sistemática campaña de desprestixio tanto das MAREAS, como de PODEMOS sen que importe o utilizar informacións falsas, tendenciosas e, xa que logo, carentes de rigor e contraste coa verdade. Si as MAREAS e PODEMOS son, hoxe por hoxe, os principais obxectivos dos ataques deste diario e os seus manxadoiros colaboradores tampouco o BNG e o PSdG-PSOE líbranse desta campaña de desprestixio que abrangue a todo aquilo que non sexa o PP. Lamentablemente hai dirixentes na socialdemocracia galega que non parecen ser consentes desta situación e non teñen reparos en colaborar con LA VOZ DE GALICIA na campaña de desprestixio das MAREAS e PODEMOS coa inxenua idea de que iso favorécelles a eles (PSOE): inxenuos, deberan ler a Bertolt Brecht.
Esta enorme carencia de medios de comunicación e opinión libres, independentes, pluralistas e críticos en Galiza e en España é unha das grandes eivas da democracia en ámbalas dúas. A dependencia da maioría dos actuais medios da oligarquía financeira-inmobiliaria e os partidos que a apoian é total. Tan lamentable é a situación que un moi prestixioso medio (The New York Times), pero nada sospeitoso de radical, así o proclamaba non fai moito tempo ao denunciar “o servilismo da prensa española”. Este diario non viña mais que a confirmar a opinión do IPI (International Press Institute) quen sinala que “as deficiencias na liberdade de prensa en España supoñen un risco para un dereito fundamental esencial para a formación dunha opinión pública libre e, xa que logo, para a consolidación do sistema democrático actual”.


Manoel Barbeitos Alcántara.

1 comentario:

FUNDACIÓN LUÍS TILVE dijo...

Os dous partidos máis votados suman máis do 60% dos escaños; hai que sumar oito partidos para que sumen menos do 40%...