viernes, 12 de febrero de 2016

ELECCIONS GALEGAS: UNHA NOVA OPORTUNIDADE PARA O CAMBIO (II)


Segundo co balance, iniciado nun texto anterior (M. BARBEITOS: “Eleccións galegas: unha nova oportunidade para o cambio (I)”. FLT), sobre a xestión da Xunta de Galiza presidida por A. Núñez Feijoo (PP) nas dúas anteriores lexislaturas compre empezar pola política laboral daquela. Algo que está plenamente xustificado si temos en conta que, hoxe por hoxe, o emprego é un dos maiores problemas macroeconómicos que ten Galiza. Algo que se a crise global do 2008 puxo claramente en evidencia serían posteriormente as políticas de duro axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de activos públicos quen farían que ese problema estrutural, fundamento da súa condición de economía periférica, estoupará ata acadar dimensións descoñecidas en todo o período democrático.  Un estoupido no que a Xunta de Galicia (2009-2016) ten unha grande responsabilidade pola súa firme aposta por aquelas políticas.
Pero centremos o problema. En relación ao emprego Galiza presenta un balance (EPA. 4º trimestre do 2015) que non pode cualificarse por mais que moi negativo, como o conxunto de España,  pero cunhas características –tamén negativas- moi particulares. O ano 2015 pechou en Galiza con unha taxa de paro do 17,74% que, aínda que sexa inferior a media española (20,90%), non deixa de ser un valor elevadísimo pois practicamente duplica a media da UE (9,6%) a pesares da “válvula de escape” que supón o novo reponte do migración cun saldo negativo anual que oscila entre os 2.500 e os 3.000 activos. Un elevado desemprego que se produce nun mercado de traballo que ten unha taxa de actividade moi baixa (53,33%), claramente inferior a media española (59,43%), e unha taxa de ocupación tamén moi baixa (43,9%), tamén inferior a media española (47%) e moi afastada da media da UE (56%). Datos todos eles que confirman como en Galiza, ao igual que sucede en España pero aínda mais acentuadamente, hai un moi grave problema de demanda de traballo(*) fronte ao que parecen afirmar os neoliberais de torno –e algúns socialdemócratas- que defenden teses que se apoian nunha debilidade da oferta: non é que os traballadores galegos non queiran traballar é que non hai empregos nun mercado de traballo que conta cunha demanda que está moi, moi lonxe da oferta –a pesar da baixa taxa de actividade-. Un problema que é estrutural en Galiza e que durante décadas estivo oculto tanto polo elevado subemprego no sector agrario como pola constante emigración. Galiza ten un moi grave problema de emprego sendo, xa que logo,  o desemprego o maior problema económico e social desta comunidade.
Un desequilibrio –demanda/oferta- que facilita a precariedade laboral reflectida nos baixos salarios reais e na elevada temporalidade. Uns salarios reais  que ademais de, ao igual que sucede en España,  perder poder adquisitivo nos derradeiros anos en beneficio das rendas do capital, están entre os mais baixos de España –entre un 85% e un 89% da media española que os sitúan nos terceiros pola cola- que explica como en Galiza os salarios teñen un peso na riqueza nacional (43%) moi inferior a media española (46,7%) quen a súa vez supón a porcentaxe mais baixa da UE. Uns baixos salarios que se combinan cunha moi alta temporalidade (25,5%), claramente superior a media de España (23,4%) que ven sendo a segunda mais elevada de Europa.
Todo estes datos estatísticos confirman o que diciamos o principio de que o emprego –ocupación/salarios/contratos- é un dos problemas macroeconómicos mais graves que ten Galiza pois debilita a demanda e impide o crecemento económico. Un problema que  ten causas políticas: as durísimas políticas de axuste fiscal, rebaixa salarial e privatización de activos públicos que a maioría dos gobernos están practicando, hoxe por hoxe, na Unión Europea. Unhas políticas que en Galiza contan con un dos gobernos mais aplicados e obedientes: a Xunta de Galiza que preside A. Núñez Feijoo.
Repasemos os feitos. O axuste fiscal  que en Galiza afectou gravemente a unhas  funcións públicas de benestar –sanidade, ensino, dependencia …- xa moi deficitarias supuxo para o mercado de traballo galego: 1º Unha perda aproximada de 21.000 empregos públicos, 2º. Unha precarización sen precedentes no emprego público, 3º Reducir aínda mais o gasto público en I+D+i, imprescindible para impulsalo emprego (Galiza: 0,8% do PIB, España: 1,3%, Pais Vasco: 2,2%, Suecia: 3,5%, Alamana: 3%), 4º Minimizar o gasto público nas políticas activas de emprego (0,4% do PIB moi lonxe do 1,2% da media na UE). A (contra) reforma laboral que supuxo na práctica maiores facilidades para o despido dos traballadores tivo en Galiza, como no conxunto de España, un impacto moi negativo sobre o emprego –pola propia debilidade do mercado laboral galego- con aumento do desemprego e do emprego precario –non é casualidade que os estados que teñen os mercados laborais mais regulados, caso de Alamana, Suecia, Austria.., teñen tamén un menor desemprego-. Algunha fontes sindicais calculan en 4 puntos a suba do desemprego en Galiza por mor da (contra) reforma laboral. A desfeita das caixas de aforro, a que tanto a actual Xunta de Galiza (PP) como a anterior (PSOE/BNG) colaboraron vai incidir fortemente, xa o está facendo, no mercado do crédito basicamente para as pemes e o comercio polo miúdo que son quen mais emprego crean en Galiza.
Finalmente, e como ben sinalan aqueles –as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo- o problema é “que non venden”. E non venden por mor do desemprego, os baixos salarios e a redución do gasto público: pola debilidade da demanda interna que as políticas de axuste fiscal e rebaixa salarial non fan mais que acentuar. Se as pequenas e medianas empresas e o comercio polo miúdo non vende reséntese o emprego en Galiza xa que ambos supoñen mais do 95% do emprego creado no comunidade.
Velaí as responsabilidades da Xunta de Galiza no elevado desemprego e na crecente emigración.
---------------------------------------------
(*): Non confundir coa demanda de emprego

Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: