viernes, 5 de febrero de 2016

ELECCIONS GALEGAS: UNHA NOVA OPORTUNIDADE PARA O CAMBIO (I)

Estamos, en Galiza, en ano electoral: compre, xa que logo facer balance. Balance da situación e das políticas levadas a cabo pola actual Xunta de Galiza (PP) que preside A. Núñez Feijoo dende fai dúas lexislaturas.
Un balance que pode empezar por preguntarse: os galegos, vivimos hoxe en día mellor que fai sete anos (2009)?. A resposta é tan sinxela como evidente: unha minoría vive mellor pero a grande maioría –cidadáns de rendas medias e baixas: as clases populares- vive peor, algúns moito peor. As evidencias son indiscutibles. As causas: as políticas que se están levándose a cabo en Galiza, España i Europa, o famoso “austericidio” que, por certo, abrazou con inusitado fervor –de alumno aplicado: quixo ser o primeiro da clase- A. Núñez Feijoo.
Empecemos por ver, con detalle, como viven a maioría dos galegos. Unha porcentaxe moi elevada dos galegos son pensionistas: segundo datos da seguridade social mais de 750.000 galegos (27,4% da poboación) son pensionistas, cunha pensión media de 756,24 euros –a segunda mais baixa de España-. Uns pensionistas que na súa inmensa maioría viron reducida a súa capacidade adquisitiva por mor da reforma fiscal (IRPF, IVE) que levou adiante o goberno de M. Rajoy –os cidadáns de clases medias e baixas, entre eles os pensionistas ao non verse afectados polas rebaixas fiscais amorteceron a rebaixa fiscal que si beneficiou aos cidadáns de clase alta-. Por si iso non fora suficiente os brutais recortes en dependencia, debidos aos axustes fiscais de tales gobernos, tiveron a moitos pensionistas como principais afectados. Todo elo fai que entre o 20% e o 25% dos pensionistas gakegis, segundo as distintas fontes, estean en risco de exclusión –unha cifra moi superior nos casos dos/as viuvos/as-.
Unha porcentaxe maior supóñena as clases traballadoras. Cando A. Núñez Feijoo acedía a presidencia da Xunta o número de activos ascendía a 1.331.100 (48,4% da poboación) dos cales 1.168.500 estaban empregados (42,5% da poboación). Na actualidade os activos son 1.255.200 –un 5,7% menos- e 1.032.500 o número de empregos -11,6% menos-. Asemade se o número de desempregados ascendía a 162.700, agora son 222.700    –+36,9%-, dos cales case o 60% -máximos históricos- non perciben a prestación contributiva e 116.800 -52,4%- non perciben ningún tipo de prestación. Por outra parte o precariedade medra espectacularmente o que fai que o salario real medio descenda a un ritmo anual do 4%l. Menos activos, menos empregos, mais desempregados, peores salarios e menos receptores da prestación por desemprego reflicten unha situación das clases traballadoras claramente peor que fai 7 anos.
Entre estas clases traballadoras hai un número elevado de familias que sofren o calvario da débeda e o suplicio do desafiuzamento. A pesares das dúbidas que presentan a maioría das estatísticas todo parece apuntar que Galiza é, por detrás de Murcia e Canarias, unha das comunidades onde se tramitan, porcentualmente, mais desafiuzamentos. Segundo algunhas fontes son mais de 11.000 as familias galegas que, dende que estoupara a grande crise do 2008, foron desaloxadas das súas vivendas por imposibilidade de pago da débeda hipotecaria –outras fontes falan dunha media diaria de 8 desafiuzamentos-.
Nos derradeiros meses son de novo noticia os gandeiros. Un sector que se fai décadas ocupaba a un grande número de galegos/as hoxe en día, por mor dun constante peche de explotacións –houbo anos, na derradeira década, en que a media anual de explotacións gandeiras pechadas estaba entre as 1.000 e as 1.500-, o censo actual de explotacións non chega as 9.000, a metade das que había fai 10 anos. Un sector que está a vivir un momento moi crítico por mor da caída nos prezos do leite. Se os custos medios por litro están en 0,30 céntimos o prezo medio percibido por gandeiro caeu dos 39 céntimos (2013) aos 28,7 –o mais baixo de España. En Asturias, por caso, os gandeiros perciben un prezo claramente superior: 3,7 céntimos mais por litro-. Xunto cos gandeiros tamén son nova os mariñeiros de cerco –uns 150 barcos- unha parte moi relevante dos mesmos, segundo voces propias, corre o risco de desaparecer por mor dun mala administración pública das cotas e tamén, segundo os propios mariñeiros, por poñer os intereses da industria acuícola por riba dos intereses do mariñeiros de cerco. Asemade as mariscadoras –que en Galiza son unhas 4.300- e moitas confrarías están en “pe de guerra” por mor dun Proxecto de Acuicultura da Xunta de Galiza que este sector considera mortal para a súa actividade.
En relación ao comercio polo miúdo e segundo datos oficiais (INE) este sector en Galicia leva 6 anos en números roxos con perdas sucesivas e constantes que se traduce, dende que estoupou a grande crise, nun peche de establecementos de entre o 10 e o 13% segundo as fontes -14.000 segundo a Federación Galega de Comercio-. A situación das pequenas e medianas empresas galegas (97% das empresas) non é moito mellor con unha media anual de peches, dende o comezo da grande crise, que ronda as 1.000 –para un pico de 1.500 entre os anos 2011 e 2012-. Unha crise, en ámbolos dous casos, derivada especialmente da caída da demanda pero tamén das dificultades de aceso ao crédito e do “rigor orzamentario” –axuste fiscal- tanto do goberno galego (PP) como español (PP).
Por todo o anterior non parecera, xa que logo, que a maioría dos/as galegos/as e moi en especial os/as de rendas medias e baixas –as clases populares- vivamos, por termo medio, mellor que fai 7 anos cando o PP recuperou a Xunta de Galiza.


Manoel Barbeitos Alcántara

No hay comentarios: