viernes, 26 de febrero de 2016

ELECCIONS GALEGAS: UNHA NOVA OPORTUNIDADE PARA O CAMBIO (III)

Segundo o balance iniciado en textos anteriores sobre a xestión da Xunta de Galiza, presidida por A. Núñez Feijoo (PP), nas dúas anteriores lexislaturas (2009-2016) outra das grandes obras dos seus gobernos foi a enorme desfeita que provocou no xa moi debilitado estado de benestar en Galiza. Se as funcións públicas de benestar –atención sanitaria, vellez, familia e infancia, discapacidade, desemprego, vivenda, e exclusión social- xa presentaban de seu en Galiza un grande déficit, os axustes fiscais non fixeron mais que incrementalo e por a estas funcións públicas, imprescindibles para o benestar e o progreso dunha sociedade, nunha situación lamentable.
A atención pública sanitaria de Galiza está sendo desmantelada nestes anos de goberno nos que o PP está ao fronte da Xunta de Galiza, ao tempo que se favorece intensamente a entrada de capital privado na mesma. Os grandes recortes no gasto público (4% de media anual) e en persoal (mais de 2.000 traballadores despedidos) nunha atención sanitaria pública xa de por si deficitaria –aínda que modélica no seu funcionamento- supoñen un autentica desmantelamento do público nesta función. Un desmantelamento do público que vai acompañado dunha crecente privatización que afecta a servizos estratéxicos            –médicos, centrais, xerais …-.
A pesares tanto do peso demográfico (22,2%) como social dos maiores a atención pública a vellez é enormemente deficitaria en Galiza xa que esta é unha das comunidades que menos gasto público per capitá dedica a esta función ao tempo que aparece como unha das comunidades nas que a iniciativa privada –especialmente nas prestacións en especies, bens e servizos- ten maior presenza. Os sucesivos gobernos (español e galego) non so favoreceron e favorecen a expansión dos fondos privados de pensións senón que recortaron nas prestacións complementarias –en Galiza as pensións supoñen por si soas o 99% do gasto público nesta función quedando, xa que logo, so o 1% para o gasto público no resto das prestacións monetarias e en especie- que son vítimas dos axustes (19,6 euros per capita fronte aos 22,4 de media española e 78,2 na media da UE15). O caso mais paradigmático esta sendo a dependencia nos que Galiza esta entre o grupo de comunidades españolas que presenta un nivel claramente insuficiente de implantación –segundo a avaliación do directores sociais aquela non chega ao aprobado (4,58): XV Ditame do Observatorio da Dependencia-. En axuda a domicilio e aloxamentos para maiores Galicia é unha das comunidades pioneiras na privatización de estes servizos o que vai en deterioro dos servizos públicos.
En atención a familia e a infancia as evidencias demostran que a Xunta de Galiza (PP) nunca lle prestou moita atención a esta función pública. A seu visión cristián da familia e dos fillos xunto coa súa preferencia polo privado fai que o gasto público nesta función sexa moi cativo –nunca superou o 0,4% do PIB galego cando a media na UE é do 2,1%- e os efectos das súas actuacións sobre aspectos como a conciliación laboral sexan practicamente nulos. Unha proba desto aparece na información dun diario galego sobre o acontecido na cidade de Vigo, e que pode ser un exemplo do que sucede en toda Galiza: “detéctanse un incremento  inusual de casos de demandas de traballadoras que piden a conciliación do seu traballo coa vida familiar por que a súa xornada é incompatible” (LA VOZ DE GALICIA, 25.05.2015). Ese mesmo diario informaba dos serios problemas que teñen as familias galegas para poder conciliar o traballo –quen o ten- con o coidado dos fillos, e como a falla de recursos públicos que atenden esta necesidade fai que 8 de cada 10 traballadores teñen que votar man do entorno familiar para compatibilizar ambas funcións (SONDAXE).
En atención a discapacidade as evidencias confirman unha situación claramente deficitaria. Por unha parte temos ao Valedor do Pobo reprendendo a Xunta de Galiza pola gran demora na avaliación dos dependentes galegos. Por outra o Observatorio da Dependencia confirma esa desatención pois a avalía nun 41%, con unha lista de espera que chega ao 24%. Un déficit que se explica pola redución nun gasto público destinado a esta función en Galiza (88,7 euros per capita) claramente inferior a media estatal (104,5 euros) e moi lonxe do que destinan comunidades como Estremadura (116,9 euros). De novo a preferencia pola atención privada fai que se deteriore a atención pública.
En atención ao desemprego a situación tamén é moi deficitaria tal e como denuncian os sindicatos. Na actualidade o 20% dos traballadores galegos desempregados non cobran a prestación contributiva mentres o 51% non perciben ningún tipo de prestación. Por outra parte a súa aposta polo axuste fiscal levou a que a Xunta de Galicia teña reducido en mais dun 50% os recursos públicos destinados as políticas activas de emprego que, como e ben sabido, ían dirixidas preferentemente aos traballadores desempregados.
En vivenda tampouco parecera que a acción pública teña sido relevante en Galiza. Que dende o estoupido da grande crise (2008) o número de desafiuzamentos de vivenda       –por imposibilidade de facer fronte ao pago de hipoteca- non deixe de medrar –unha media de 7 desafiuzamentos por día-, que a porcentaxe de vivendas sociais en Galiza sexa practicamente ridículo (1,1%) ao tempo que sexamos a primeira comunidade en España en porcentaxe de vivendas desocupadas e que os galegos, moi especialmente os mozos, teñan un moi difícil acceso a primeira vivenda (45% a medio prazo, 50% a 20 anos) son probas evidentes dunha función social da vivenda moi, moi deficitaria.
Finalmente os resultados da función de exclusión social aparecen perfectamente reflectidos nos seguintes datos: dende que estoupou a crise a desigualdade social en Galiza   –como en España- disparouse. A porcentaxe de poboación galega en risco de exclusión social (23,8%), o número de familias sen traballo (mais do 30%) e o das que teñen enormes dificultades para chegar a fin de mes (36,8%) son claros indicadores de que a función pública de exclusión social é claramente deficitaria en Galiza e que o compromiso da Xunta de Galiza nesta función é moi escaso algo que reflicte o feito de que as familias que peor o estaban pasando cada vez o pasan peor.
O goberno que saia das vindeiras eleccións a Xunta de Galiza ten, no área de benestar e igualdade, unha longa e dura tarefa por diante para reparar a enorme desfeita provocada pola actual Xunta de Galicia no xa deficitario estado de benestar galego.

Manoel Barbeitos Alcántara


No hay comentarios: