viernes, 19 de febrero de 2016

PARADOXAS QUE NON SON TAL



Nestes tempos convulsos, digan o digan os altofalantes ao servizo do capital financeiro, prodúcense feitos que deixan en evidencia a todos aqueles que anuncian que a crise xa quedou atrás e que entramos nunha nova alborada. Feitos aparentemente paradoxais que analizados na súa escala pero no contexto global no que se producen son facilmente comprensibles.
1º. En Galiza o ano 2016 amañece con importantes conflitos en tres sectores produtivos que teñen unha importancia estratéxica fundamental pola súa natureza endóxena e o seu carácter sistémico (GONZALO RODRIGUEZ: “A xustificada rebelión de gandeiros e mariñeiros”. TN xaneiro 2016). Trátase dos sectores gandeiro de leite, pesca de baixura e marisqueo. Realmente pódese dicir que estes tres sectores móvense nunca encrucillada moi difícil que provoca un presente moi duro pero un futuro que aínda pode ser peor. Unha encrucillada que cuestiona o propio sistema produtivo de Galiza e, xa que logo, as súas bases de crecemento económico e creación de emprego.
Unha encrucillada diante da que os poderes públicos (Xunta de Galiza, Goberno de España) non é que se amosen como incompetentes senón que non fan nada esperando que “as cousas muden por si soas” a pesares das miles da familias que se ven afectadas e do, como sinalei, carácter estratéxico deses sectores (Galiza achega o 40% na produción leiteira española, o 50% na flota de baixura e o 75% das ventas no marisqueo a pé), puntais indispensables para o desenvolvemento actual e futuro da economía galega (GONZALO RODRIGUEZ….) que fan que os seus problemas sexan realmente un problema de país.
2º. A nivel mundial este ano 2016 tamén discorre con importantes “novidades” que cuestionan ou cando menos poñen en dúbida as teses de que a economía mundial por fin deixou atrás a grande crise (2008). Por unha veira as economías dos países emerxentes –empezando por China- dan claras mostras de estancamento, de estar deixando atrás unha notable fase expansiva para entrar nunha fase senón recesiva si de evidente arrefriar. Pola outra os mercados financeiros envían, dende occidente –dubidas sobre a solvencia da grande banca europea que lidera o Deutsche Bank- perigosas sinais de que podemos estar diante dunha nova burbulla especulativa a punto de estoupar.
Hai quen poda preguntarse que relación existe entre feitos tan diferentes, tan lonxanos e de tan distinto tamaño. Os que se fan esta pregunta poida que esquezan, ou non saiban, que na economía mundo en que vivimos tódolos feitos teñen algún tipo de relación entre eles. Que a economía actual, como economía capitalista, segue movéndose polas leis da oferta e a demanda agregadas pero agora a nivel mundial. Unha leis que marcan unhas pautas de carácter xeral. Unhas pautas que, entre outras, apuntan a: 1. Unha caída, a niveis nacionais, de moitas actividades puramente produtivas, maiormente as que se apoian nos recursos endóxenos, que son substituídas por empresas multinacionais e 2. Unha moi perigosa dependencia da economía mundial das actividades financeiras que teñen unha crecente preferencia polas operacións especulativas, de alto risco e dubidosa “legalidade”.
Unhas pautas que poñen en evidencia o diferente comportamento dos poderes públicos –autonómicos, estatais, europeos, internacionais …- segundo quen sexa o sector ou actividade que atravesa dificultades. Si se trata de sectores produtivos, incluso de valor estratéxico como os anteriormente citados, os poderes públicos       –vexase por caso o comportamento tanto da Xunta de Galiza como do Goberno de España- practicamente desenténdense do problema –“o mercado resolverá” – cando se trata do sector financeiro, dos bancos, acoden rodos no seu auxilio poñendo inxentes cantidades de diñeiro público –“é imprescindible a actuación pública”- para o seu rescate: os galegos aínda temos fresco na memoria o recordo das nosas Caixas de Aforros -9.000 millóns de euros de fondos públicos custou o seu “rescate”-.
Pasou iso na recente crise e volverá a pasar na vindeira si os cidadáns comúns non somos quen de impedilo.
    Manoel Barbeitos Alcántara.

No hay comentarios: